Amosando publicacións coa etiqueta Opai Teatro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Opai Teatro. Amosar todas as publicacións

martes, febreiro 28, 2023

O colectivo 'Opai Teatro', ao piques de cumprirse o remate dos actos do 50 aniversario dos históricos sucesos de Marzo do 72, presenta a obra 'De Marzo a Marzo', o vindeiro venres 3 de marzo


O colectivo "Opai Teatro" de Canido, ao piques de cumprirse o remate dos actos do 50 aniversario dos históricos sucesos do 10 de Marzo de 1972, presenta a obra de teatro "De Marzo a Marzo", o vindeiro venres 3 de marzo, ás 20:30hs, no Teatro Jofre. Entrada libre con invitación ate completar aforo, retirada de entradas en taquilla.

Escrita por Cristina Mariño e Carlos Castrillón, baixo a dirección de Cristina Mariño.

Reparto: Juani Hernández, José Piñeiro, Daniel Solloso, Franki Muiño, Marga G. Pita, Carmen Caeiro, Miguel Curveira, Alexis Sequeiro, Alba Santalla e Luis Pillado.

A obra situase 50 anos despois dos sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol e confronta aqueles momentos cos desafíos da realidade actual, a través dos seus personaxes representados por un elenco de dez actores e actrices. O texto, comprometido e testemuñal, mestura a visión tráxica con doses de comedia nun intenso exercicio de memoria colectiva.

" ... A representación fai un percorrido por unha historia que case se esquece, porque hai unha xeración que a descoñece, xente de menos de 50 anos que non sabe que algo así marcou a historia desta cidade e probablemente teñan preto a xente que o viviu, que saíu á rúa, pero que cala. A obra con toque de humor fainos ver a esa xente e lembrar que hai 50 anos que se produciron as mortes de Daniel e Amador. Todo a través da historia dun adolescente que chega a casa e pide ao seu pai que lle axude cun traballo sobre esa historia. De marzo a marzo naceu dunha petición dun dos actores, Luis Pillado (irmán de Rafael Pillado) e a implicación dos autores..." [Isidoro Valerio]

De marzo a marzo é un diálogo constante entre o presente e o pasado, entre a comedia e o drama, entre a tenrura e a raiba. Un retrato actual das cousas que cambian co paso da historia e daquelas que parecen non mudar. Unha peza conmovedora que non nos deixará indiferentes.



O vídeo corresponde á estrea celebrada no teatro-capela do Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, interpretada o 17 de xuño, de 2022. Logo foi representada en Mugardos, Ribadeo e Caranza con moito suceso.

✅ Opai Teatro en Facebook.

E-mail:

10m72.50aniversario@gmail.com

Podes seguirnos na nosa páxina de Facebook: Dez De Marzo Cincuenta Aniversario,.
_______