Amosando publicacións coa etiqueta Pesca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pesca. Amosar todas as publicacións

mércores, maio 05, 2010

A sociedade civil galega concreta as conclusións do encontro paralelo celebrado ao redor das políticas pesqueiras da UE


Pesca: Manifesto de Vigo.
Asinado por máis de 70 colectivos e organizacións
Manifesto de Vigo, asinado por máis de 70 colectivos e organizacións onde se recollen as Conclusións do Encontro Paralelo celebrado ao redor das políticas pesqueiras da UE

En documento adxunto achegámosvos o texto íntegro do documento base que será entregado á Axencia de Pesca da UE.

A SOCIEDADE CIVIL POR UNHA RELACIÓN SUSTENTABLE CO MAR:

MANIFESTO DE VIGO
A sociedade civil galega concreta as conclusións do encontro paralelo celebrado ao redor das políticas pesqueiras da UE. Colectivos como A Ría Non se Vende, Ecoloxistas en Acción, Galiza Non se Vende, Marcha Mundial dás Mulleres, Salvemos Pontevedra, Verdegaia, WWF ou Greenpeace asinan un manifesto no que subliñan a necesidade urxente de abordar un modo radicalmente distinto de relación co medio mariño, onde se teña en conta a contorna natural e a protección ás prácticas pesqueiras tradicionais e sustentables.

Numerosas organizacións sociais e ambientais, tanto da sociedade galega, como estatais, recalcan que de seguir así as políticas da UE, o futuro do mar e das súas xentes verase comprometido de maneira irreversible.

Hoxe presentáronse en Vigo as principais conclusións do encontro paralelo sobre pesca organizado pola sociedade civil, que se agruparon ao redor da denominación de Manifesto de Vigo.

Neste manifesto, os colectivos asinantes subliñan a súa análise crítica ao redor de eixos diversos:

Máis do 80% dos stocks están sobreexplotados, un 30% deles por baixo do límite de seguridade biolóxica, e as ¾ partes do peixe que se consome na UE procede de importacións. O peixe que se captura en augas europeas pertence, na súa gran maioría, ao estadio xuvenil, e os pescadores apenas poden cubrir os gastos da súa actividade por non poder competir cos produtos importados.
As rías están a ser contaminadas pola escasa depuración de augas que existe en toda a costa galega e, a contaminación industrial que existe en varios puntos de Galicia como a ría de Pontevedra, Vigo e Ferrol.

O Plan de Portos de Galicia, que pretende instalar 19.000 novos amarres en toda a costa galega, ameaza zonas marisqueiras e lugares de importancia para a pesca artesanal e o equilibrio dos ecosistemas costeiros, esenciais para a sustentabilidade costeira.

A presión da flota europea, e en particular a española, sobre boa parte dos caladoiros mundiais, xera unha industria pirata que abunda nunha cultura neocolonial de expoliación dos recursos pesqueiros dos países menos desenvolvidos.

Por todo iso, a cidadanía, a través do manifesto de Vigo, propón unha serie de alternativas que considera imprescindibles para poder desenvolver unha cultura da sustentabilidade co medio mariño:

1. Necesidade urxente de crear plans de xestión a longo prazo do medio mariño, que teñan en conta elementos tan importantes como a posibilidade de coxestión das flotas pesqueiras artesanais e marisqueiras, un enfoque ecosistémico baseado en argumentos contrastados cientificamente, etc.

2. A creación dunha rede de áreas mariñas, eficaz, dinámica e que teña en conta a todos os axentes implicados na súa creación e sostemento.

3. Acabar coa indefensión do sector pesqueiro artesanal e marisqueiro, ante a destrución da costa e as verteduras ao mar.

Ría de Vigo, 4 de maio 2010

Enviado por:
A Ría non se vende
-arianonsevende@gmail.com-
4 de maio de 2010 19:45
_____________________

Enlace para acceder ou baixar o Documento base que será entregado á Axencia de Pesca da UE - En formato -pdf- 16 páxinas do Servidor de VERDEGAIA

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Encontro paralelo á reunión de ministros de pesca da UE en Vigo
_____________________________

luns, abril 26, 2010

Encontro paralelo á reunión de ministros de pesca da UE en Vigo

Ante a reunión que manterán nos primeiros días de maio os ministros de pesca da UE en Vigo, os grupos integrados na rede de colectivos A RIA NON SE VENDE / GALIZA NON SE VENDE pensamos que, na alarmante situación actual, cómpre facer visibles á sociedade os enormes problemas e a ignorada catástrofe que os sistemas de pesca industrial están causando nos océanos, máis a problematica situación do litoral galego, especialmente nas rías e o sector extractivo.

Por este grave motivo, ARNSV/GNSV organiza un encontro paralelo á reunión ministerial con distintos grupos ecoloxistas de Galicia, do resto do Estado e das máis importantes organizacións internacionais, entre as que se contan Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, WWF Adena, Océana, Marcha Mundial das Mulleres, Amarante, Altermundo e outras, así como confrarías de pesca e representantes do sector marisqueiro locais.

O encontro terá lugar entre o 27 de abril e o último día da reunión ministerial, o 5 de maio. Nel trataranse os problemas que se expoñen no documento de convocatoria anexo, e constará dos actos e accións que se detallan no programa que engadimos tamén en documento adxunto.

As conclusións do encontro serán recollidas nun Documento que será entregado aos/ás participantes na reunión ministerial.

Programa - Clicar acima da imaxen para ampliar




Enviado por:
AMARANTE Educación
-educacion@amaranteong.org-
26 de abril de 2010 16:27
_________________