mércores, maio 05, 2010

A sociedade civil galega concreta as conclusións do encontro paralelo celebrado ao redor das políticas pesqueiras da UE


Pesca: Manifesto de Vigo.
Asinado por máis de 70 colectivos e organizacións
Manifesto de Vigo, asinado por máis de 70 colectivos e organizacións onde se recollen as Conclusións do Encontro Paralelo celebrado ao redor das políticas pesqueiras da UE

En documento adxunto achegámosvos o texto íntegro do documento base que será entregado á Axencia de Pesca da UE.

A SOCIEDADE CIVIL POR UNHA RELACIÓN SUSTENTABLE CO MAR:

MANIFESTO DE VIGO
A sociedade civil galega concreta as conclusións do encontro paralelo celebrado ao redor das políticas pesqueiras da UE. Colectivos como A Ría Non se Vende, Ecoloxistas en Acción, Galiza Non se Vende, Marcha Mundial dás Mulleres, Salvemos Pontevedra, Verdegaia, WWF ou Greenpeace asinan un manifesto no que subliñan a necesidade urxente de abordar un modo radicalmente distinto de relación co medio mariño, onde se teña en conta a contorna natural e a protección ás prácticas pesqueiras tradicionais e sustentables.

Numerosas organizacións sociais e ambientais, tanto da sociedade galega, como estatais, recalcan que de seguir así as políticas da UE, o futuro do mar e das súas xentes verase comprometido de maneira irreversible.

Hoxe presentáronse en Vigo as principais conclusións do encontro paralelo sobre pesca organizado pola sociedade civil, que se agruparon ao redor da denominación de Manifesto de Vigo.

Neste manifesto, os colectivos asinantes subliñan a súa análise crítica ao redor de eixos diversos:

Máis do 80% dos stocks están sobreexplotados, un 30% deles por baixo do límite de seguridade biolóxica, e as ¾ partes do peixe que se consome na UE procede de importacións. O peixe que se captura en augas europeas pertence, na súa gran maioría, ao estadio xuvenil, e os pescadores apenas poden cubrir os gastos da súa actividade por non poder competir cos produtos importados.
As rías están a ser contaminadas pola escasa depuración de augas que existe en toda a costa galega e, a contaminación industrial que existe en varios puntos de Galicia como a ría de Pontevedra, Vigo e Ferrol.

O Plan de Portos de Galicia, que pretende instalar 19.000 novos amarres en toda a costa galega, ameaza zonas marisqueiras e lugares de importancia para a pesca artesanal e o equilibrio dos ecosistemas costeiros, esenciais para a sustentabilidade costeira.

A presión da flota europea, e en particular a española, sobre boa parte dos caladoiros mundiais, xera unha industria pirata que abunda nunha cultura neocolonial de expoliación dos recursos pesqueiros dos países menos desenvolvidos.

Por todo iso, a cidadanía, a través do manifesto de Vigo, propón unha serie de alternativas que considera imprescindibles para poder desenvolver unha cultura da sustentabilidade co medio mariño:

1. Necesidade urxente de crear plans de xestión a longo prazo do medio mariño, que teñan en conta elementos tan importantes como a posibilidade de coxestión das flotas pesqueiras artesanais e marisqueiras, un enfoque ecosistémico baseado en argumentos contrastados cientificamente, etc.

2. A creación dunha rede de áreas mariñas, eficaz, dinámica e que teña en conta a todos os axentes implicados na súa creación e sostemento.

3. Acabar coa indefensión do sector pesqueiro artesanal e marisqueiro, ante a destrución da costa e as verteduras ao mar.

Ría de Vigo, 4 de maio 2010

Enviado por:
A Ría non se vende
-arianonsevende@gmail.com-
4 de maio de 2010 19:45
_____________________

Enlace para acceder ou baixar o Documento base que será entregado á Axencia de Pesca da UE - En formato -pdf- 16 páxinas do Servidor de VERDEGAIA

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Encontro paralelo á reunión de ministros de pesca da UE en Vigo
_____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon