Amosando publicacións coa etiqueta Queremos Galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Queremos Galego. Amosar todas as publicacións

sábado, decembro 20, 2014

8 de febreiro: Queremos Galego convoca a todo o pobo galego a unha manifestación multitudinaria para defender a súa lingua


Queremos Galego  denuncia que “Feixó actúa para que desapareza o galego, o principal elemento de unión, cando máis necesario é”. | Para a Plataforma “É hora xa de rematar co quinquenio negro para a lingua galega impulsado por Núñez Feixó”.

A plataforma cidadá Queremos Galego, formada por máis de 600 colectivos sociais de todo tipo, denunciou este mércores 17 de decembro,  en rolda de prensa, que o nivel máis baixo de uso do galego, que indica a enquisa feita pública polo IGE, é a consecuencia lóxica de 33 anos de inacción da administración con respecto ao noso idioma que sobrevive nunha situación de liberdade vixiada e de oficialidade formal mais non real.

Para Queremos Galego, a política da actual Xunta de Galiza con respecto á lingua galega agravou máis esta situación ao incidir nos prexuízos que xa sofría o galego e ao iniciar uns retrocesos sen precedentes na etapa democrática que se concretaron, entre outras disposicións na modificación da Lei de Función Pública para eximir ás e aos opositores da proba en galego, ou no Decretazo contra o galego 2010, que prohibe a impartición en galego de determinadas materias e que provocou as maiores mobilizacións en Europa na defensa dunha lingua propia.

Tras a política de exclusión, probición e eliminación da xa escasa presenza social do galego, a ninguén pode sorprender estes datos do IGE”, sinalou Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego que responsabilizou ao Presidente da Xunta de mentir e pretender humillar e botarlle a culpa ás familias cando sinala que “nunca se ensinou tanto galego” ou que a “responsabilidade é das familias”.

Para Queremos Galego o único certo é que Feixó é o “principal responsábel desta situación” e que “nunca houbo tanto desprezo ao idioma de Galiza por parte dun goberno na etapa democrática” e chamou á Xunta a “pór en práctica todos os acordos sobre lingua e deixar de facer publicidade enganosa e manipuladora, comezando por derrogar o Decretazo contra o galego e pór en marcha dunha vez o PXNLG que ven de facer 10 anos”. Un decretazo, lembra Queremos Galego, feito sen acordo, imposto, e declarado parcialmente ilegal polo TSXG. O mesmo tribunal declarara plenamente legal o decreto de 2007 que contará co apoio unánime de toda a comunidade educativa e que era resultado da aplicación do PXNLG aprobado por unanimidade parlamentar.

Para Queremos Galego, todos pequenos avances que puido haber con respecto ao idioma foron froito do impulso da sociedade, a quen chamaron a mobilizarse máis unha vez para pór fin á política lingüicida e do presidente da Xunta.

Segundo sinalaron os representantes da plataforma cidadá, “Galiza precisa da súa lingua para existir” e ademais “calquera avance social só é posíbel tendo a lingua como principal sinal de identidade e cohesión social”. Para Queremos Galego “a lingua galega une e Feixó rompe co principal elemento de unión cando máis necesario é”.

Este é o momento de asegurarmos o noso futuro colectivo e de mobilizarnos para defender a nosa lingua, a nosa existencia”. Neste sentido Queremos Galego chama a participar o próximo 8 de febreiro ao mediodía, nunha manifestación que partirá da Alameda compostelá e que, segundo aseguraron voltará ser contar cunha participación masiva.

A plataforma chama a todo o pobo galego a participar, independentemente da súa opción política, e dar a máis ampla mostra de unidade en torno á lingua, mais cun chamado especial ás nais e pais que sen falar galego queren que as súas fillas e fillos o coñezan e teñan competencias nel para poder utilizala, as nais e pais que lle transmiten a lingua as fillas e fillos mais observan con impotencia como a escola é un elemento de desgaleguización, aos máis de 4500 profesoras e profesores que manifestaron o seu compromiso de manter a lingua galega nas aulas malia os riscos da prohibición que impón o decretazo e mesmo a aquelas e aqueles que sen seren insubmisos queren que se derrogue o decretazo para que o galego volte a todas as aulas de Galiza.

A mobilización do día 8, contará cunha forte campaña previa por parte das máis de 600 entidades adheridas a Queremos Galego, que organizarán actos en todas as comarcas galegas. Ademais disponibilizarase un servizo de transporte para encher as rúas da capital de Galiza. A información ao respecto poderase seguir até o día 8 de febreiro no web www.queremosgalego.org.

Como novidade o lema da convocatoria seleccionarase entre as propostas que vaian chegando a Queremos Galego das miles de persoas que apoian a palataforma e das entidades adheridas.

18 de Decembro de 2014.

Plataforma Cidadá 'Queremos Galego'.

Enviado por:
Queremos Galego
-queremosgalego@queremosgalego.org-
19 de dezembro de 2014 17:07

_____________________

Enlaces de Interese:
________________________

sábado, maio 10, 2014

Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza! - 17 de Maio de 2014, no día das Nosas Letras: Mobilización Expansiva - Manifesto - Enlaces

Este 17 de Maio de 2014, ás 12 do mediodía, comezara en toda Galiza a mobilización expansiva, en Ferrol Terra na Praza do Concello, diante do Pazo Municipal, comezará o roteiro pola lingua. Desde a Plataforma Queremos Galego, integrada por máis de 700 entidades, chaman a participar nesta mobilización reivindicativa pola lingua galega.

Manifesto “Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza!”, da autoría de Marica Campo, que será lido nas 8 mobilizacións que terán lugar o 17 de maio de 2014 na Galiza.

O galego é a nosa lingua. A Galiza ten unha lingua de seu que é o galego. Por isto, non podemos tolerar  que no noso país, hoxe, o español, coa axuda do Inglés, se utilice como o seu sepultureiro. Até o Estatuto de Autonomía, que xa ten 33 anos, declara que o Galego é a lingua propia de Galiza. En boa lóxica, xa que é así, está na súa casa e non precisa permiso das outras,  impostas e alleas,  para se mover libremente polas diversas estancias.

Todos os avances das forzas emancipadoras da humanidade  foron sempre na dirección de combater a exclusión social. Agora, na tan amentada crise, denúnciase decote o aumento dos excluídos. Mais nós, galegas e galegos, levamos moito tempo vivindo unha crise particular que non é filla conxuntural da que din que se desatou hai sete anos. A nosa crise ten outros nomes e apelidos: son o noso dereito a existir como tales, a traballar na nosa terra e a facermos uso libre e estendido da nosa lingua, os que están sendo vulnerados.

A ela, á nosa lingua, foille imposto historicamente un manual de redución. A que a reduciron? Reducírona á oralidade, á fala; reducírona a unha clase social, os oprimidos carentes de todo poder de decisión; reducírona a uns lugares, as aldeas; reducírona a unha idade, os vellos.

O ano pasado lembramos que se cumprían 150 anos desde que unha muller chamada Rosalía de Castro culminara un proceso de dignificación da lingua galega, rompendo esa trampa mortal de falsa naturalidade, isto é, dun uso marxinal permitido, e elevándoa á máxima altura estética e patriótica. A partir dela e até os nosos días,  a nosa lingua foi cobrando naturalidade e dignidade noutros espazos sociais e públicos a cadora máis amplos e diversos.

Somos todas e todos os que estamos aquí fillos ou descendentes deste esforzo;  mais, ao mesmo tempo, responsábeis de lle asegurarmos continuidade. Neste labor, non só non contamos coa protección institucional, senón que temos que gastar o tempo a defendérmonos das ilegalidades que os poderes públicos perpetúan contra o galego.

Amigas e amigos, o tempo actual non é propicio para a existencia de Galiza e do seu signo principal, a lingua galega, porque a globalización pretende arrasar con toda diferenza que ouse desafiar a hexemonía do imperial dominante. Non os imos compracer. Non temos a menor vontade de suicidio nin de resignación. Por isto, parafraseándomos a Díaz Castro, o poeta a quen celebramos este ano, diremos:
  • Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza, no uso da nosa lingua nas aulas, tamén como lingua vehicular  escandalosamente prohibida pola Xunta para certas materias.
  • Un paso adiante e mais outro paso adiante, lingua nosa, nos medios de comunicación e na publicidade.
  • Un paso adiante e mais outro paso adiante, no uso do Galego pola Administración.
  • Un paso adiante e mais outro paso adiante, porque iso é o xusto, para a nosa palabra na Xustiza.
  • Un paso adiante e mais outro paso adiante nas misas e demais celebracións relixiosas.
  • Un paso adiante e mais outro paso adiante na oferta de ocio.
  • Un paso adiante e mais outro paso adiante en todos os novos soportes comunicativos.
  • Un paso adiante e mais outro paso adiante nos transportes públicos.
  • Un paso adiante e mais outro paso adiante no comercio.
  • Un paso adiante e outro paso adiante en todas as artes e as letras.
Porque unha lingua normal é unha lingua ubicua, omnipresente,  e este decálogo non nace dunha invención nosa, senón que está contido na Carta Europea das Linguas non Estatais, aceptado como lexislación superior do Estado en 2001 e igualmente presente no Plano Xeral de Normalización Lingüística,  aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia vai para dez anos, e desprezado por quen o tiña que executar.

Debe ser a lingua obxecto de uso e de defensa todos os días do ano en todos os lugares e momentos, porque non é un adorno ou unha peza cultural: é o noso ser e precisa dunha defensa cívica e dun amor colectivo e dunha mobilización social tan potente como a que dedicamos a outros asuntos que teñen a ver co diñeiro, co traballo ou con dereitos conquistados.

O poeta Díaz Castro, escribiu nun seu poema estes versos: “Alumarei con fachas de palabras, / ancho herdo meu, o mundo que me deron”. Falar a nosa lingua é darlle luz, é dicir, visibilidade. E tamén calor, amparo social, porque a lingua non é individual e precísanos a todas e a todos para seguir nomeando o mundo desde nós.

Adiante, pois, sempre! Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza, coa lingua que nos crea e que nos cría, que nos fai ser e existir.
Viva a lingua galega!

Fagámola vivir e ser útil!

É tempo de falarmos: somos nós!
http://www.queremosgalego.org/

Enviado por:
Queremos Galego
-queremosgalego@queremosgalego.org-
9 de maio de 2014 07:38

__________

Enlaces de interese:

_________________

sábado, maio 18, 2013

Non queremos ser estranxeiras na propia patria: 17 de Maio de 2013, a defensa do galego volve encher as rúas de Compostela


O outro día o presidente Feijoo dicía de nós que queriamos patrimonializar a lingua. E nós o que lle pedimos a el é iso mesmo: que patrimonialice un pouquiño o Día das Letras. Nós convidamos a todo o mundo que quixer a que se apropie da lingua”. Deste xeito comezaba Carlos Callón o seu discurso ante unha Praza da Quintana ateigada nunha nova manifestación de Queremos Galego no 17 de maio, convocada baixo un lema claro: Non queremos ser estranxeiras na propia patria. No 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos, este verso de Rosalía encabezou unha marcha que volveu censurar con dureza a política lingüística da Xunta de Núñez Feijóo.

Nos últimos anos o habitual é que en cada manifestación se sumen novos agravios e decisións do Goberno galego contrarias á lingua. Nesta ocasión de novo o ensino foi protagonista ao coincidir neste venres a aprobación na Lei Wert por parte do Consello de Ministros. “Fálannos de harmonía e de bilingüismo e hoxe, Día das Letras Galegas, o Consello de Ministros aproba unha lei que financia con cartos públicos a ignorancia do noso idioma. Non llo consentiremos”, dixo Carlos Callón, que tamén lembrou que "estes dias van facer 30 anos da aprobación da Lei de Normalización lingüística. 30 anos de incumprimentos e de vulneracións. O galego é a única lingua oficial do Estado Español que perde falantes". Do mesmo xeito, denunciou que os medios de comunicación públicos levaron a cabo “un veto en contra da manifestación”, que non tivo espazo ningún nos informativos de TVG e RG nas pasadas semanas.

Mais neste ronsel de criticas Callón tamén celebrou algunhas "boas novas", coma a toma en consideración da ILP Valentin Paz Andrade: "É moi necesaria e queremos que se aprobe a lei e que se aplique". Ou tamén o feito de que "mantemos a tensión mobilizadora. En Galicia nos últimos anos vivíronse as meirandes manifestacións que se deron en todo o planeta en defensa dun idioma”.

Callón lembrou tamén que “hai milleiros de castelanfalantes que tentan utilizar o galego sempre que poden e onde teñen ocasión. Sabemos que hai moitos falantes de castelán manifestándose aqui hoxe. Porque saben que o galego une e que agora máis ca nunca é necesario que defendamos o noso idioma”. O presidente da Mesa concluíu que “o Día das Letras non é o día para poñer unha máscara e finxir o que despois non se é o resto do ano. O Día das Letras é un día para exercermos os nosos dereitos lingüísticos. A lingua é o noso rostro. O noso rostro individual e o noso rostro colectivo


Milleiros de persoas

Sol e chuvia alternáronse nunha marcha na que "Sempre en Galiza, sempre en galego", "Non renunciaremos á nosa lingua" ou "Nas aulas de Galiza, queremos galego" foron algúns dos lemas máis coreados polos milleiros de pesoas que tamén acusaron a Feijóo de ser "inimigo do galego". Unha vez máis, cando a cabeza da marcha xa entraba na zona vella compostelá, a súa parte final aínda estaban saínda da Alameda para facer un percorrido que cambiou o seu camiño habitual ao non pasar pola rúa Nova, onde se celebraba o acto institucional do Día das Letras por parte da Real Academia Galega.

Os discursos abríronse coa interpretación da Alborada de Rosalía por parte do gaiteiro Emilio da Baña. Rosalía estivo moi presente, tamén na lectura dun poema dos Cantares gallegos a cargo da nena Icía Outeiro, moi aplaudida polos milleiros de manifestantes, o mesmo que a actriz Isabel Risco, que conduciu o acto.

Houbo referencias e críticas máis ou menos veladas ás declaracións realizadas hai uns días polo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. Por exemplo, animouse a "axuntarse e apertarse fortemente, coma as nais e os pais apertan os fillos e fillas". E, de igual xeito, escoitáronse en varios momentos berros de "Alonso Montero, inimigo do galego".

Na marcha tamén se puideron ver algúns narices vermellos na honra de Roberto Vidal Bolaño, o homenaxeado neste 17 de maio, así como faixas da maioría de formacións políticas galegas, agás o PP, nunha xornada na que a crise tamén tivo presenza. "Sen galego e sen traballo, manda carallo", berraron uns manifestantes que volveron pedir "poder vivir en galego". Nunha das primeiras intervencións dende o estrado díxose unha frase pero que ben podería servir como conclusión: "Bolaño estaría orgulloso de ver así hoxe a praza".


Reaccións dos partidos

O Portavoz do Grupo Socialista no Parlamento, Abel Losada, salientou que a través da lei de normalización lingüística, “votada por todo o Parlamento”, foise construíndo un consenso que “o Goberno presidido por Feijóo ten rachado de maneira unilateral”. Losada denunciou que o PP antepoña unha ideoloxía “excluínte coa lingua galega” ao que “debera ser un patrimonio de todos”.

Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, esixiulle á Xunta de Galiza o cumprimento das obrigas estatutarias que lle competen para prestixiar a nosa lingua e para garantir o seu uso no ensino, na xustiza, na sanidade, na administración e na sociedade, en xeral e para garantir o uso da toponimia oficial. Vence tamén puxo de manifesto que a Xunta de Galiza ten que repartir de xeito igualitario os fondos aos medios de comunicación, “tamén para os medios en galego, e non só para os que emiten e publican en castelán”. Ademais, o portavoz nacional do BNG reclamoulle á Xunta de Galiza e a Feijóo que “retiren, dunha vez, o decreto do plurilingüismo, máxime cando foi sentenciado polo TSXG pola ilegalidade e impertinencia nos seus artigos fundamentais”. “É o momento de que o Goberno galego dea un paso atrás na súa estratexia de agresión contra a lingua”, sinalou.

De igual xeito, a executiva nacional de Esquerda Unida considera que “a dereita de Feijóo goberna en contra da nosa lingua” e lembra a Castelao cando dicía que “o apagamento dunha lingua corresponde á dexeneración do pobo que a fala”, pois “aqueles que pretenden relegar a nosa identidade ás catacumbas da dignidade, son os mesmos que renegan do seu pasado. A nosa lingua non se apaga aínda que o goberno de Feijóo teña como un dos obxectivos a destrución progresiva da cultura e da lingua proletaria do noso pobo”.

Pola súa banda, Compromiso por Galicia celebrou este xoves actos polo Día das Letras en Muros e na Coruña. Neste último acto Xoán Antón Pérez-Lema acusou o alcalde Negreira de seguir “o camiño marcado durante 23 anos polo alcalde Vázquez” e afirmou que “a discriminación contra o galego é ilegal, atenta contra os valores do civismo democrático, afástase da tradición liberal e galeguista da cidade e manifesta, ao tempo, unha absoluta falla de atención ás oportunidades sociais e económicas do futuro, como a da lusofonía”.

Publicado en Praza Pública.

_______________________

mércores, xaneiro 23, 2013

Este Domingo, 27 de Xaneiro, Manifestación Nacional en Compostela - “Pola lingua que nos une”

A manifestación que terá inicio na Alameda de Santiago de Compostela o Domingo 27 de Xaneiro, ás 12 do mediodía, está convocada pola Plataforma Ciodadá Queremos Galego

Manifestación “Pola lingua que nos une” pretende trasladar ás ruas o malestar existente nun amplo abano de sectores sociais coa política lingüística da Xunta, especialmente tras as sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que derruban o decretazo contra o galego no ensino posto en marcha polo actual goberno do Partido Popular.

AUTOCARROS DESDE FERROL TERRA

Hora de saída: 10:00 hs.

Sairán buses de:

  • Ferrol – perante ao local da CIG (Esteiro). Reservas Local comarcal da CIG-981 35 87 60 ou Ana-689 39 28 61
  • Narón – perante á Casa do concello de Narón. Reservas Local comarcal da CIG-981 35 87 60 ou Ana-689 39 28 61
  • San Sadurniño: Saída ás 10 da Casa do Concello de S. Sadurniño. Inscricions: 670854329 (Suso)
Billete ao prezo  de 6€ (euros).

http://www.queremosgalego.org/
____

mércores, maio 16, 2012

Os dereitista do PP que gobernan no Concello de Santiago tenta evitar a manifestación "En defensa da nosa Lingua" do 17 de Maio


O Concello de Santiago tenta evitar que haxa manifestación polo Día das Letras
Nunha resolución sorprendente, comunicada 48 horas antes da manifestación, o Concello nega os permisos para colocar palco e megafonía.

Queremos Galego recorreu hoxe mesmo nos tribunais e mantén a convocatoria "con máis razóns que nunca".

Carlos Callón: "Se nos denegan o palco e a megafonía, usaremos as gorxas para exclamar moi alto polos nosos dereitos".

A plataforma Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística, e que aglutina máis de 700 entidades, encontrouse esta mañá cunha comunicación "sorprendente" do Concello de Santiago de Compostela.

Cando faltan 48 horas para a manifestación cidadá en defensa da lingua, o goberno municipal resolve negativamente unha petición "que sempre foi de trámite" para poder colocar un palco, para usar o punto de luz necesario para a megafonía do acto final e para poder colocar unha faixa informativa na Alameda de Santiago de Compostela.

Carlos Callón, como presidente da Mesa e portavoz nacional de Queremos Galego, asevera que "desde que A Mesa existe, hai 26 anos, nunca nos encontramos cunha resolución tan disparatada para unha mobilización en defensa do noso idioma". "Quérennos deixar sen voz: temos máis razóns que nunca para erguela e para acudir a Compostela o Día das Letras", aseverou Callón, quen considera que, "o actual goberno de Santiago ten un problema moi serio coa tolerancia lingüística e cultural e coa liberdade de expresión, como puidemos ver primeiro co Correlingua e agora coa manifestación do 17 de maio".

O Concello denega case todos os puntos solicitados por Queremos Galego baseándose en que "a manifestación coincide coa Ascensión", excepto a petición do punto de luz preciso para a amplificación do son, na cal non utiliza a escusa das festas, senón que non ofrece ningún motivo. Porén, desde a plataforma sinalan que "parece unha burla querer denegar esa licenza baseándose na Ascensión, xa que non é a primeira nin será a última vez que o día 17 de maio coincide con eses festexos". O presidente da Mesa di ironicamente que "a culpa é de Rosalía de Castro por asinar a dedicatoria do primeiro libro contemporáneo en galego nun 17 de maio".

O Concello coloca todos os obstáculos que pode para esta manifestación, "dentro do seu ámbito de competencias", mais non pode prohibir o acto, xa que este foi solicitado "en tempo e forma" na Delegación do Goberno. "O que nos deixa estupefactos é que todas estas xestións, que todos os anos son de trámite, se queiran converter agora en impedimento para exercer o noso dereito democrático a manifestarnos", sinala o presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego.

Enviado por:
FranciscoXavier.Iglesias.Mouriz@sergas.es
-FranciscoXavier.Iglesias.Mouriz@sergas.es-
15 de maio de 2012 23:14

_____________

luns, maio 16, 2011

Queremos Galego impulsa a defensa da lingua este 17 de Maio por medio dunha “mobilización expansiva” que chegará a máis de medio cento de localidades

Haberá concentracións en defensa do galego en Bruxelas, Florencia, Oxford, Belfast, Nova York, Madrid, Barcelona, Santa Cruz de Tenerife, Bos Aires ou Xenebra.

Ferrol, 16 de maio de 2011.- Mañá martes 17 realizaremos en Ferrol unha das concentracións que se desenvolverán en máis de medio cento de localidades galegas e varias fóra do territorio de noso.

Todas elas teñen como nexo de unión principal trasladarmos forte e claro á sociedade galega unha mensaxe: PAREMOS OS ATAQUES CONTRA O GALEGO! Nos dous anos que leva o Partido Popular no goberno da Xunta aínda non se lle coñece unha soa medida de impulso ao galego e si moitas para reducir a súa presenza a favor do castelán, resalta Carlos Outeiro, coordinador da plataforma na comarca de Ferrol.

Leremos textos do grande referente político galego do século pasado, Castelao, nos que se amosa a desgrazada vixencia das súas análises. Por exemplo:

* ¿Con que dereito se nos obriga a deprender a língoa de Castela e non se obriga aos casteláns a deprender a nosa? ¿con que dereito se prescinde do idioma galego nas escolas de Galiza para que os galegos non se afagan a leelo e non seipan escribilo?
* O que nos preocupa e indina é que o galego sexa un idioma proscrito das escolas primarias de Galiza.

En Ferrol a concentración será en Esteiro na Praza do Himno ás 12 h.

Contaremos coas intervencións de:
  • Alfonso Tellado - Participante no programa televisivo de Buenafuente.
  • Antón Cortizas – Escritor.
  • Carlos Outeiro - Coordinador de QUEREMOS GALEGO e da Mesa pola Normalización Lingüística (comarca de Ferrol)
  • Eliseo Zahera - Presidente do Ateneo Ferrolán.
  • Francisco Rodríguez – Escritor.
  • Xaquín Campo – Portavoz de QUEREMOS GALEGO Ferrol e párroco de Mandiá.
  • Estarán acompañados de:
  • Escorreghei na Lama - grupo de música tradicional.
  • María Manuela e Xurxo Varela – cantantes.

Un saúdo.

Carlos Outeiro.

Coordinador na Comarca de Ferrol

Plataforma Cidadá QUEREMOS GALEGO

Manifesto Día das Letras Galega 2011

PAREMOS OS ATAQUES CONTRA O GALEGO!

As galegas e os galegos festexamos no Día das Letras o feito de termos un idioma propio, milenario e fértil. Celebramos a lingua que nos une; a fala que herdamos e queremos deixar en herdo; a escrita que nos pensa, nos canta e nos soña.

Mais neste Día das Letras do ano 2011 non só podemos festexar e celebrar. Tamén nos vemos na necesidade de chamar a atención sobre os ataques que está a recibir nestes momentos o noso idioma. Estas inxustas agresións poñen en perigo o futuro da nosa lingua e da nosa cultura, ademais de debilitaren gravemente a convivencia e a cohesión social do país.

Temos que erguer a nosa voz para denunciar que a indefesión dos nosos dereitos lingüísticos é maior desde o momento en que a persoa que debería ser a primeira valedora do noso idioma –o presidente da Xunta– é o seu inimigo número un. Desde que Alberto Núñez Feijóo tomou posesión como presidente do Goberno galego, hai xa dous anos, a Xunta aínda non adoptou nin un mísero adianto para a nosa lingua en ningún ámbito. Ben ao contrario, desde 2009 estamos a ver como se tenta facer, pola vía dos feitos, que o galego deixe de ser na realidade lingua oficial.

É difícil facer unha listaxe completa de todo o destruído, mais recordemos cando menos algunhas cousas:
  • A pesar da oposición dos sindicatos, o PP aprobou en solitario unha reforma da Lei da Función Pública que elimina de feito o galego como requisito, colocándoo nunha posición secundarizada a respecto do castelán.
  • A pesar do rexeitamento de sindicatos, asociacións de nais e pais, asociacións estudantís, institucións culturais, Consello Escolar de Galiza, etc., a Xunta aprobou un decretazo contra o galego que supón o modelo educativo máis regresivo de todo o Estado español. O galego é o único idioma do Estado que ten prohibido o seu uso en determinadas materias de ensino. Nestes momentos, só 10% da educación infantil das cidades é en galego, a pesar de que o solicitaron 40% das familias. Esta realidade amosa o verdadeiro sentido da mal chamada Lei de Convivencia, que persegue reducir aínda máis a presenza do galego na escola.
  • Na administración de Xustiza, a Xunta distribuíu un programa informático que, desde maio do ano pasado, impide usar o galego.
  • A Xunta ordenou aos centros de ensino que se desfixesen de 190.000 libros de texto gratuítos para as familias, adquiridos pola propia Xunta na anterior lexislatura e que tiñan unha vida útil de dous anos máis. O motivo é que estaban escritos en galego. A Asociación Galega de Editores calcula en 3,8 millóns de euros o valor dos volumes desbotados, que nunha parte volveu a financiar a Xunta –cun diñeiro público que sería moi necesario para outros cometidos–, e que tiveron que cubrir as familias no resto.
  • A Xunta de Galiza, que tanto vende “austeridade”, leva malgastadas cantidades inxentes de diñeiro só en tentar reducir o galego no sistema educativo. A eses 3,8 millóns de euros de libros de texto inutilizados hai que sumarlle os 40.000 euros que custou mudar as Galescolas en Galiñas Azuis, os 160.995 euros da pseudoconsulta ás familias, etc. A presión social logrou parar unha campaña sobre o decretazo que a Xunta xa tiña adxudicada, por valor dun millón de euros, mais descoñécese a indemnización que a Xunta afrontou pola suspensión do proxecto.
  • O presidente da Xunta ameaza con derrogar a Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento hai case 30 anos. Quere que os nosos nomes de lugar deixen de ter como forma oficial a propia, a galega.
  • A vida cultural galega, nas súas diferentes expresións (audiovisual, teatro, música, etc.), está a ser minusvalorada e desprotexida pola Xunta, ao mesmo tempo que desprezada e infrarrepresentada na CRTVG.
  • A pesar de que o Estatuto de Autonomía sinala a obriga dos poderes públicos galegos de potenciar o uso do noso idioma tamén no ámbito informativo, moitos dos medios que utilizaban con normalidade a nosa lingua viron na obriga de fechar. A Xunta deu de baixa as subscricións e negouse a pór publicidade nos xornais electrónicos ou impresos que usaban o noso idioma e daban unha visión da realidade diferente á oficial. Debemos denunciar con claridade que esta política pon en perigo a liberdade de expresión.

O poeta Lois Pereiro, a quen lle dedicamos este ano o Día das Letras, di nun dos seus poemas:

A amizade protexe e o amor cura
o odio contaxia e fire
a indiferencia mata.

Apliquemos estes versos á nosa lingua. Fronte ao odio e fronte á indiferenza, o noso amor.

Paremos os ataques contra o galego!

Sitio web oficial da Plataforma:
http://www.queremosgalego.org/

Enviado por:
serxio perille
-serxiocanido@yahoo.es-
16 de maio de 2011 16:04
____________________

luns, maio 17, 2010

A xente do común protagonista da manifestación pola defensa da nosa Língua - Galería Fotográfica

A xente do común protagonista da manifestación pola defensa da nosa Língua, contra a política lingüística do PP e da Xunta de Galicia

Un só obxectivo, mostrar o rechazo ás agresións contra o noso idioma. Un só protagonista, a xente, que a miles encheu de novo as rúas e prazas de Compostela pedindo a retirada do decreto do Galego no ensino, e o cese das humillacións e agresións que sofren a diario as persoas que falan galego no seu propio país. Así o entendeu unha parte importante da sociedade galega, de distintas procedencias e ideoloxías, mais que se sinten pertencentes á casa común que sostén a Lingua propia do país.

Galería Fotográfica da Manifestación Nacional celebrada en Compostela este 17 de Maio de 2010 - Fotos de Ártabra 21



Web oficial da Plataforma Queremos Galego:
http://www.queremosgalego.org/
_____