Amosando publicacións coa etiqueta Río Belelle. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Río Belelle. Amosar todas as publicacións

xoves, maio 14, 2015

Roteiro polo sur do Forgoselo: Fontes do Belelle-Fontardión, domingo 17 de maio de 2015



ROTEIRO POLO SUR DO FORGOSELO: FONTES DO BELELLE-FONTARDIÓN

Data: 17 de maio de 2015
Hora de saída: 10 horas dende a escalinata de Correos, en Ferrol
Hora de regreso estimada: 20 horas no mesmo punto
Lonxitude: 15,4 km
Dificultade: baixa
Localización: Concellos da Capela e As Pontes
Superficie: pistas de terra, camiños tradicionais, sendeiros, cortalumes, pistas asfaltadas
Prezo: 7€ soci@s, 10€ non soci@s (pago do transporte)
Equipamento: roupa cómoda, calzado tipo trekking (mellor impermeable), chubasqueiro, bastón, protección solar, comida e bebida.
Prazas limitadas: 25 prazas
Teléfono para inscribirse: 661 636 946 (Miguel).
Puntos de interese: cabeceira do Belelle, lugar abandonado da Cernada, muíño, felgos macaronésicos, flora, fragas, paisaxe de montaña, gado salvaxe, penas cabaleiras, vistas do Canón do Eume.

Breve descrición da rota:

Partindo do lugar de Goente (As Pontes) enfilaremos en dirección Sur pola pista asfaltada ata coller un camiño en dirección ao lugar da Cernada. Neste tramo o Rego da Cernada, que forma parte da cabeceira do Rio Belelle, quedará sempre á nosa esquerda. Nesta zona a paisaxe está dominada por prados, matogueiras de uces, xestas e toxos, e fragas de carballos e bidueiros, mesturadas con piñeiros e eucaliptos.

Máis adiante chegamos ao rego, cruzámolo salvando un valado de arame de espiño, e continuamos pola outra beira en dirección contraria, para subir á meseta do Forgoselo. Ao coroar xunto a un piñeiral, continuamos en dirección Oeste deixando á dereita a Pena Lobería. Aquí a paisaxe cambia á típica paisaxe do Forgoselo, dominada por penedías, uceiras, toxeiras e repoboacións dispersas de piñeiros.

Tras 2 km chegamos ao final do camiño e collemos unha pista asfaltada en dirección Sur cara os lugares de Cabodantoi e Vilariño. Tras pasar este último, a uns 200 m volvemos á terra por un camiño á esquerda que leva ao lugar de Gallel. Antes diso tornaremos cara ao Sur novamente por un cortalumes para achegarnos ao miradoiro de Pena Cavada, con vistas espectaculares sobre o Canón do Eume. Está previsto facer aquí o xantar.

Cando rematemos voltaremos polo mesmo sendeiro ao camiño para continuar cara ao Fontardión. Tras coroar o pico xunto ás antenas de radio, TV e telefonía, baixaremos por outro cortalumes ata unha pista asfaltada que vai ao lugar de Picovello, célebre pola loita popular na defensa deste espazo fronte a un proxecto a ceo aberto para extracción de andalucita. Dende aquí voltaremos a Goente, onde remataremos, se todo vai segundo o previsto, ás 7 da tarde.

Web de Verdegaia:
http://www.verdegaia.org/

Enviado por:
ferrol@verdegaia.org
-ferrol@verdegaia.org-
14 de maio de 2015 17:51
Boa tarde. Dende o núcleo comarcal de Verdegaia Ferrol, Eume e Ortegal enviamos información do roteiro deste domingo día 17 para a súa publicación no seu medio de comunicación. Moitas gracias. NC Verdegaia Ferrol, Eume e Ortegal

__________________

venres, abril 30, 2010

Roteiro polo Pico Vello - Non á Mina de Andalucita !! en defensa do Río Belelle e das Fragas do Eume : Sábado 15 de Maio de 2010

Nas Terras Ártabras, do noreste galego, na parroquia de Goente do Concello d'As Pontes, hai un lugar colindante coas Fragas do Eume, ao que se lle denomina O Pico Vello. Lugar de grande biodiversidade e un incalculábel valor natural e ecolóxico, onde nace, entre outras, unha das fontes do Río Belelle e hai un bosque de especies autóctonas entre outras riquezas naturais dun valor que non ten prezo. Neste lugar é onde unha empresa mineira de capital anglo-sudafricano co nome Picobello Andalucita SL, pretende a explotación, dun xacemento de andalucita que está no subsolo da zona.

A intención da empresa Picobello Andalucita,SL, de explotar o xacimento mineiro, ven de hai xa 10 anos. A empresa foi constituida o 28 de Decembro do 2000, cun capital social de 2.550.000 €, e con enderzo social na Coruña, na Rúa San Andrés, nº 56. De feito a empresa ten levado fai tempo varias toneladas de mostras para a súa análise. E solicitado axudas baseadas en proxectos empresariais alternativos nas comarcas mineiras, destas, foron concedidos case 2,5 millóns euros do Estado e 67.672 da Xunta. A intervención dos colectivos ecoloxistas cando o goberno bipartito, fixo que a Consellería do medio Ambiente paralisara o proxecto.

Un grupo de organizacións e colectivos unimo-nos, para a defensa do lugar d'O Pico Vello, das gadoupas da empresa mineira que pretende conseguir a autorización administrativa para explotar, a ceo aberto, o xacemento de andalucita que hai no subsolo. Serían 277.016 m2 a explotar no seu conxunto, extraendo a ritmo de explotación de 375.000 t/ano, perante uns 12 anos de vida útil da mina.

Queremos conseguir a declaración, para a zona, de Espazo Natural Protexido ou que esta se inclua no Parque Natural das Fragas do Eume. Parte da zona, pretendida pola explotación mineira, xa está incluída na Proposta de Ampliación da Rede Natura.

Mais o avanzado do proxecto de explotación mineira, por parte da empresa Picobello Andalucita,SL, coa complicidade da Xunta de Galicia e do Concello d'As Pontes, dono de 212.597,85 m2 do total da superficie estimada que se vai expropiar, o que supon case o 76,75 %. Pois xa está aprobada unha "Declaración de Impacto Ambiental do proxecto de explotación da concesión mineira" [DOG xoves, 11 de marzo de 2010], o primeiro que temos que facer e intentar paralizar o proxecto e o atropelo que significa a citada concesión mineira.

A defensa cidadá d'O Pico Vello, espazo natural que hai que protexer, está en marcha. Ante todo organización, denuncias, alegacións, cartas, concienciación e mobilizacións.

Dentro da táctica elaborada as entidades e colectivos organizamos un Roteiro pola zona, convocado para o Sábado 15 de Maio. Desde Ferrol poñera-se un Autobús que sairá ás 10 da mañá desde a Praza de Galiza, diante do Edificio de Correos, con paradas en Caranza, Fene, Cabanas e As Neves, a hora aproximada da volta será ás 6 da tarde. O prezo por persoa para o Autobús será de 5 €. Para apuntar-se neste Autobús hai de prazo até o 12 de Maio no local da SGHN, na Rúa Méndez Núñez, nº11 ou Teléfono 981-35-28-20.
_______