Amosando publicacións coa etiqueta Rede Galiza Non se Vende. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rede Galiza Non se Vende. Amosar todas as publicacións

xoves, xaneiro 14, 2010

Manifesto en defensa da lingua da Rede Galiza Non Se Vende: "Goberne quen goberne a lingua non se vende"


Dende Galiza non se Vende queremos manifestar a nosa total oposición ao decreto de galego do PP, un decreto contrario á normalización da nosa lingua, porque recorta os dereitos das persoas galegofalantes e prohibe o labor de normalización lingüística de toda a cidadanía, que temos dereito a usalo, por ser o noso idioma, a lingua galega.

Unidos en contra da destrución e privatización das nosas Rías, dos nosos montes, así como daqueles espazos que foron dende sempre para nós, escenario e soporte da vida, paisaxe e fogar no noso camiñar galaico, asistimos agora a un novo golpe a nosa extraordinaria diversidade, da man outra vez dun decreto, o decreto do galego.

Este decreto, como outros, pon de manifesto, o absoluto descoñecemento e respecto á realidade do noso país e da nosa cultura, por parte de quen nos goberna. Debendo ter o goberno galego o claro obxectivo de protexer a nosa lingua, a única que corre perigo de extinción, ao non facelo, GNSV vese na obriga de denunciar esta actitude prepotente e destrutiva do noso patrimonio.

Non recoñecer a desigualdade do galego ante as outras linguas e tratalas como se partiran da mesma posición, coloca ao goberno da Xunta en promotor da desaparición da lingua galega.

Para nós non hai a máis mínima dúbida da necesidade dunha protección especial para a nosa lingua, que se atopa nunha situación de desigualdade que pode conducir á súa desaparición, mais dende os distintos gobernos nunca houbo unha clara intención, de facer do galego a lingua vehicular do noso país que é o único camiño da normalización.

Para os colectivos que formamos parte de GNSV, como galegas e galegos, e conscientes da nosa identidade, sabemos que o galego é unha lingua máis, nin mellor nin pior que outras, e tamén como outras, creada dende a convivencia ao longo do tempo das persoas integrantes dun pobo, polo que tamén é patrimonio da humanidade, así que por iso, non podemos consentir o que están a facer con ela.

A língua é a construción social que nos mantem unidos no mais importante proxecto colectivo da nosa historia, porque é agora e aqui: sermos unha sociedade sustentabelmente relacionada con o seu contorno, tanto biolóxica como culturalmente.

A nosa língua é unha ferramenta que nos manten apegados á nosa terra e ao mundo nunha actitude activa, participativa, criativa.

E asi como o noso contorno natural é como calquera outro do planeta, nen mais nen menos, -único, valioso, aberto- a enriquecer o puzle mundial con outros milleiros de pezas, asi a nosa língua -con a que construímos o noso pensamento- é a nosa aportación mais valiosa á cultura universal.

Se nos rouban a terra róubannos a língua. E viceversa. Se destruen a terra, destruen a nosa cultura. Porque a perda da língua afasta-nos do noso contorno natural. A língua defende a nosa sociedade das agresións. A língua constrúe sustentabelmente o país. A língua, como principal construción socio-cultural, fai-nos mais sensíbeis socialmente. A língua, como a natureza, fai-nos avanzar socialmente. A língua e a natureza son as chaves do desenvolvemento da Galiza. Só temos que utiliza-las.

Como rede apartidaria, non xerárquica e aberta a todos os colectivos, entendemos que o territorio, como a lingua, son bens polos que temos que loitar de xeito desinteresado e colaborar na súa conservación como bens comúns que son, así como na súa transmisión ás novas xeracións.

Neste sentido dende GNSV defendemos o incumprimento desta nova norma do galego, co obxectivo de facer do noso pobo, un pobo respetuoso co seu territorio, e defensor da súa cultura e da súa riqueza lingüística.

Non vamos consentir que sigan destruíndo, privatizando ou especulando coas nosas Rías, co noso mar, coa nosa paisaxe nin coa nosa forma de vida. En contra dunha sociedade uniforme, defendemos a diversidade como único xeito de construír unha democracia participativa, así como tampouco consentiremos unha agresión máis ao noso idioma.

Por todo isto mostramos o noso total apoio á manifestación convocada, por diversas organizacións, para o día 21 de Xaneiro ás 12:00 na Alameda de Compostela reivindicando un ensino en galego.

Hoxe máis que nunca, queremos dicir con voz forte e clara:

Goberne quen goberne A LÍNGUA NON SE VENDE!!!

Xaneiro 2010

Galiza Non Se Vende

http://galizanonsevende.org/
________________________________

Enlaces relacionados:

Plataforma Cidadá Queremos Galego

Ferrol-Fala-Galego



Galego Sempre Mais

Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega

______________________________________

martes, xullo 21, 2009

Brutal intervención da Guardia Civil en Cangas - Massó: 16 persoas detidas

Galiza Non Se Vende. 20 de xulho 2009. Cangas

BRUTAL INTERVENCIÓN DA GARDA CIVIL EN CANGAS - MASSÓ

DEZASEIS PERSOAS DETIDAS

Hoxe en Cangas, unha vez máis, a intención de reiniciar as obras en Massó tinguiuse de violencia e represión, pero desta vez rebasou tódolos límites. Dende primeira hora da mañá, numerosas veciñas e veciños de Cangas, e membros de colectivos sociaise e ecoloxistas, que facían garda no Salgueirón, como cada mañá, para impedir as obras ilegais do porto deportivo de Massó, foron agredidos violentamente e detidos pola Garda Civil.

A rede Galiza Non Se Vende amosa a súa indignación por este novo acto autoritario, que criminaliza toda protesta lexítima en defensa dos valores da ría, e denuncia que, unha vez máis, a Garda Civil está a protexer intereses privados, protexendo unha obra ilegal con enorme impacto sociambiental, en vez de protexer e tutelar o interés xeral e colectivo e o respecto á legalidade vixente.

A DESTRUCION DA RIQUEZA COMUN

Na zona mariña de Massó que pretende estragarse coa construción do porto deportivo, faenan arredor de 500 persoas. Dela tense sacado máis dunha tonelada de ameixa nun só día. Pero tamén polbo, camarón, navalla, ostra, centola, ourizos... Os seus fondos de maërl son especialmente ricos en biodiversidade, dos máis ricos da ría, e constitúen unha zona de alevinaxe de moitas especies.

A ILEGALIDADE COMO MEDIO, A REPRESION COMO SISTEMA

As ilegalidades e irregularidades que rodean este proxecto son de enormes magnitudes. Baste dicir, por mor da brevedade, que a empresa construtora chegou a inscribir no Rexistro da Propiedade de Cangas como pleno dominio un espazo de dominio publico maritimo terrestre.

Esta mañá varios camións e escavadoras, sen ningunha licenza para tal actividade, pretendían acceder pola zona da Torre (inmediacións do edificio principal da antiga factoría de Massó) ao punto de vertedura de entullos fronte á fábrica para poder seguir executando as obras. Unhas 15 persoas que tentaban de forma pacífica (nunha sentada) impedir o acceso dos camións que non contaban con licencias foron desaloxadas violentamente e agredidas pola Garda Civil, e varios resultaron feridos. Unha ambulancia recollía a un membro do Foro Social de Cangas tras recibir unha forte agresión nunha perna recentemente operada.

Despois da carga da Garda Civil, nun clima de tensión e nerviosismo, leváronse a cabo numerosas detencións (16 persoas) baixo cargos ficticios, para evitar que seguiran as protestas e entorpecementos das obras, que ata agora foran paralizadas.

Entre os detidos están numerosos activistas de colectivos integrantes da rede Galiza Non Se Vende: Tiago, do Foro Social, detido e esposado por estacionar o vehículo diante das obras; Sangabriel, do Foro Social de Cangas, agredido cun porrazo na cara; Edi, de Bouzas Móvete, agredido e esposado; Sabela, de Verdegaia, agredida e lesionada nunha perna; Pichi, de Luita Verde; Pasatem, de Caleidoskopio; Pipas, de Fuga em Rede; Iria, da Ría Non se Vende; todos eles inmobilizados de forma violenta e detidos sobre as doce do mediodía. Da mesma forma, detiveron a Marichu Álvarez, do grupo municipal ACE do Concello de Cangas. A moitos dos detidos os trasladaron esposados ate os furgóns como se de criminais se tratase. A indignación veciñal por estas detencións supuso a unánime repulsa e a enérxica protesta dos alí presentes (20-30 persoas), grupo que aumentaba en número pola chegada de novos veciños que secundaban a protesta e apoiaban aos compañeiros e compañeiras detidas.

Sobre a 13 horas, a maquinaria pesada seguía intentando acceder á zona a pesar das protestas. O concelleiro de Urbanismo de Cangas, Mariano Abalo, que chegou ao lugar cando tivo coñecemento dos feitos, ordeou a paralización de toda maniobra da maquinaria pesada.

Malia a represión que os colectivos, veciñas e veciños en defensa da ría e do territorio están a sufrir por parte das forzas e corpos de seguridade ao servicio de proxectos privados, a defensa de Massó --convertida xa en símbolo da loita polo respecto á terra-- seguirá viva e non permanecerá impasible ante calquera agresión.

Esta tarde, a rede Galiza Non Se Vende convoca a unha concentración en Cangas en apoio aos detidos, privados de liberdade por defender os valores da ría e o interese público; e por tentar impedir a execución dun proxecto ilegal, destrutor de postos de traballo e devastador do medio.

UNHA INOPERANCIA XUDICIAL SELECTIVA

Desde hai catro anos a Confrarìa de Pescadores "San José" de Cangas ten interposto un contencioso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra estas obras, que vulneran a concesiòn estatal que esta confrarìa ten para faenar nesas augas. Ese Tribunal denegou a paralizaciòn cautelar das obras, denegaciòn que foi recorrida polo pòsito cangués hai xa tres anos ante o Tribunal Supremo. Ambolosdous contenciosos durmen nalgunha estanterìa de tan altos tribunais. En cambio, os xulgados son ràpidos à hora de practicar dilixencias contra os membros dos movementos sociais opositores ao proxecto.

SUBDELEGADO DO GOBERNO... ¿OU GOBERNADOR CIVIL?

DESTITUCIÓN

A Rede Galiza Non se Vende denuncia a utilizaciòn da Garda Civil como forza represora e policía privada ao servizo de intereses particulares, contrarios ao ben común, que destrúen a riqueza do noso mar e a nosa terra. Polo tanto, e ESIXE A INMEDIATA DESTITUCIÒN DO ACTUAL SUBDELEGADO DO GOBERNO EN PONTEVEDRA, DELFÌN ALVAREZ, por estes e por outros feitos xa anteriormente denunciados, intolerables nun estado pretendidamente democrático, que nos transportan a tempos pasados e o fan merecedor do antigo nome de "Gobernador Civil y Jefe Provincial del Movimiento"

¡NON AO PORTO DEPORTIVO DE MASSÓ!

A rede Galiza Non Se Vende esixe, asemade, a inmediata paralización das obras e a retirada deste proxecto ilegal, fruto da especulación urbanística, que destrúe o medio natural; as actividades sustentables e os postos de traballo a elas asociadas; o patrimonio cultural e a identidade mesma de Cangas e de Galicia.

¡LIBERDADE INMEDIATA PARA OS DETIDOS!

Os 16 detidos mantiveron a dignidade diante de quen carece dela, e negáronse a declarar perante a Garda Civil. Sobre as 20.45 horas foron liberados 10 deles, baixo a obriga de acudiren a declarar cando lles sexa requirido. Os outros 6 foron trasladados a Pontevedra, obrigados a pasar alí a noite antes de seren trasladados mañá ao xulgado. Resulta moi revelador do proceder do subdelegado Álvarez o feito de que os 6 sexan cangueses, a metade deles do Foro Social de Cangas. Entre eles está Ricardo, o recentemente operado da perna onde hoxe sufriu unha brutal patada, e que foi atendido nunha ambulancia. Fixéronlle unhas placas e déronlle un calmante. E levárono.

Resulta moi alarmante o rumor de que algúns deles van ser acusados de... ¡ATENTADO!.

De isto confirmarse, significaría que o estado tenta empregar técnicas policiais e xudiciais de loita antiterrorista para desactivar os movementos sociais. Significaría, que en lugar de evoluír cara a sustentabilidade e a democracia participativa, o estado involuciona cara a unha neodictadura ao servizo do capitalismo neoliberal. Evolución que os cidadáns deste estado pretendidamente democrático non podemos, nin debemos, nin imos tolerar, porque, alén da natureza, a cultura e a xustiza social, a nosa mesma liberdade está en perigo.

Polo tanto, e mentras preparamos as denuncias pertinentes, ESIXIMOS A INMEDIATA LIBERDADE DE TIAGO, SANGABRIEL, RICARDO, MARICHU, SÉ E IRIS.

CANGAS NON SE VENDE

A RÍA NON SE VENDE

GALIZA NON SE VENDE
_________________

xoves, xuño 18, 2009

Sábado 20 de Xuño Manifestación en cangas na defensa do Salgueirón: Non ao Porto deportivo de Massó



O vindeiro Sábado 20 de Xuño, ás 8 da Tarde manifestación desde a Alameda Vella de Cangas até o Salgueirón.

SOS Massó non á construción do Porto Deportivo, na defensa do Salgueirón

Na zona mariña de Massó que pretende estragarse coa construción do porto deportivo faenan arredor de 500 persoas. Dela tense sacado máis dunha tonelada de ameixa nun só día. Pero tamén polbo, camarón, ostra, navalla... Os seus fondos de maërl son especialmente ricos en biodiversidade, dos máis ricos da ría, e constitúen unha zona de alevinaxe de moitas especies.

En terra este proxecto busca especular con 200.000 m2 para a construción de vivendas de luxo, hoteis e un centro comercial. Moitos deses metros cadrados son de dominio público, outros zona industrial e unha boa parte está cualificada como espazo natural protexido: Espazo Natural Barra–Cabo home.

Desde hai máis de tres anos a oposición veciñal artellada en torno ao Foro Social de Cangas evitou o inicio das obras coa súa presencia e vixianza diaria no lugar para impedir o paso das máquinas, resistindo sempre pacificamente. Tres anos. Tódolos días. Pacífica e pacientemente.

Desde o pasado luns día 25 de maio, seis furgóns da Garda Civil e máis de 20 axentes están a protexer o desenvolvemento dos traballos dunha obra manifestamente ilegal.

A loita de Cangas na defensa do espazo natural de Massó é un gran símbolo e a súa resistencia durante tres anos un exemplo.

CONVOCAN:

Enviado por:
foro social de Cangas
-forosocialpoladefensadopobo@yahoo.es-
18 de junho de 2009 13:17

________________

sábado, xuño 06, 2009

Así foi a Manifestación - Roteiro de Ferrol contra a Planta de Gas de REGANOSA


Onte, Venres, 5 de Xuño de 2009, tiña lugar o Roteiro - Manifestación convocado pola Rede Galiza Non Se Vende, co berro unitario: Planta de Gas Fora da Ría !, ás 8 da Tarde saía desde a Praza Amada García, nas inmediacións do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, non sen antes sinalar a un dos responsábeis do despropósito gasístico: a Xunta de Galicia. Ademais de socio de REGANOSA, foi a institución que aprobou unha efímera, irresponsábel e ilegal declaración de efectos ambientais, negando a necesaria avaliación de impacto ambiental do proxecto. Dúas sentenzas do TSXG xa se pronunciaron contra a tramitación ambiental da Xunta de Galicia. Ademais de asinar un documento "secreto", chamado Convenio de Colaboración, o 20 de xullo de 2000, polo Sr. Fraga representando á Xunta e outros cinco socios de Reganosa [Grupo Tojeiro, Endesa, FENOSA, Caixa Galicia e Sonatrach], cunha cláusula de confidencialidade para ocultar detalles comprometidos do mesmo. Con ese documento a Xunta acordou participar cun 10% de capital de Reganosa, pero ademais comprometeu-se para a obtención dos permisos e licenzas da súa administración ou doutras, tamén para asegurar a viabilidade económica no caso de que existan problemas de rendibilidade e para facilitar axudas públicas.

A marcha continuou polas sedes e locais de Caixa Galicia, Unión Fenosa, Gadisa do Grupo Tojeiro, Caixa Nova, Banco Pastor e rematando no Porto de Ferrol diante da Autoridade Portuaria. En todos estes lugares houbo intervencións de representantes de diferentes colectivos da Rede [onde se mencionaron a defensa do litoral contra o urbanismo salvaxe e as industrias contaminantes, a soberanía alimentaria, o conflito de Massó contra a construción do porto desportivo, ...] , o comunicado final foi leido polo compañeiro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, Alexandre, mais antes tivo unha merecida lembranza para o compañeiro Santiago Torrente que morrera o pasado 23 de Marzo. Esta é unha mobilización máis contra o despropósito de permanencia dunha Planta de Gas no corazón da nosa Ría. Polo desmantelamento de REGANOSA, por ilegal e perigosa, por ameazar a nosa vida e seguridade, porque empobrece a Ría, e porque foi construída utilizando a corrupción política, o engano e a manipulación, só por intereses espúreos, económicos e políticos, duns poucos ricos, poderosos e covizosos. A loita continua !


Galería do: CA21

Galerías Fotográficas da Manifestación-Roteiro:
Rádio FilispiM emiteu, en directo, un programa especial cubrindo a Manifetación-Roteiro ao que se pode acceder ou descargar desde este enlace:
______________

Descargar o arquivo

______________
O programa repetira-se os Domingos 7 e 14 de Xuño a partir das 17:00 hras, pode-se escoitar no 93.9 da FM en Rádio Filispim.
__________________

luns, xuño 01, 2009

Manifestación da Rede "Galiza Non Se Vende" en Vigo, celebrada este Domigo 31 de Maio


Moitas persoas de decenas de colectivos de toda Galiza, marcharon polas rúa de Vigo para denunciar os contínuos maltratos e agresións que soporta o noso litoral, fruto da especulación salvaxe e deste modelo depredador de crecemento economico ...


Fonte: gzvideos

"A privatización e venta da nosa costa, das nosas rías, do noso vento, dos nosos montes, dos nosos rios, do Courel, supón depredar o territorio físico común para mercantilizalo en beneficio de só duns poucos. Privatizando beneficios e socializando as perdas"...

Enlace de interese:
http://galizanonsevende.org/

_________

O vindeiro Venres, 5 de Xuño, vemo-nos en Ferrol, contra a Planta de Gas, nunha Manifestación - Roteiro para denunciar o despropósito de permanencia dunha Planta de Gas no corazón da nosa Ría. Manifestremo-nos polo desmantelamento de REGANOSA, por ilegal e perigosa, por ameazar a nosa vida e seguridade, porque empobrece a Ría, e porque foi construída utilizando a corrupción política, o engano e a manipulación, só por intereses espúreos, económicos e políticos, duns poucos ricos, poderosos e covizosos. A saída da Manifestación - Roteiro, será ás 8 da Tarde desde a Praza Amada García, diante do Edificio Administartivo da Xunta de Galicia.

Enlace de interese:
comitecidadan.org

___________________

domingo, maio 24, 2009

A Rede "Galiza Non Se Vende" convoca mobilizacións en Vigo e Ferrol na defensa do medio ambiente por un outro modelo subtentábel

[Clicar acima do cartaz para ampliar]

Desde Galiza Non Se Vende queremos denunciar os contínuos maltratos e agresións que soporta o noso litoral, fruto da especulación salvaxe e deste modelo depredador de crecemento economico, que equipara medre e benestar social.

Por desgraza, todos os gobernos que pasan pola Xunta seguen unha política “desarrollista” de explotación dos nosos recursos naturais para reducilos a mera condición mercantil. Os costes deste desenvolvemento económico son a destrucción da natureza.

A privatización e venta da nosa costa, das nosas rías, do noso vento, dos nosos montes, dos nosos rios, do Courel, supón depredar o territorio físico común para mercantilizalo en beneficio de só duns poucos. Privatizando beneficios e socializando as perdas.

Deste modelo cego e xordo non se libra o litoral onde se construen recheos dentro das rías que estragan a súa grande riqueza; onde se instalan polígonos industrias sobre o terreo gañado ao mar ou en primeira liña de costa realizando desmontes; onde se instalan as industrias mais perigosas como Reganosa ou máis contaminantes como Ence; onde empresas e industrias de todo tipo verten os seus refugallos directamente ao mar xunto coas aguas residuais urbanas, as veces pasando por depuradoras deficitarias ou que non funcionan contaminando as rías e facendoas incompatíbeis coa pesca e o marisqueo; onde se promoven piscifactorias nos lugares mellor conservados da nosa costa artificializandoos com formigón e contaminando o mar com antibióticos para proveito de empresas transnacionais; onde se privatiza o mar e a costa com portos deportivos a esgalla que soen levar aparellados proxectos urbanisticos especulativos; onde se produce a máis salvaxe especulación urbanistica; onde se construen a meirande parte das irracionais infraestructuras de transporte; onde se destrue a identidade dos pobos e vilas mariñeiras erradicando o noso patrimonio marítimo; onde máis se turistifica a nosa cultura e o noso território; onde se crean máis campos de golf arrasando com grandes superficies de monte e contaminando com herbicidas; onde menos se respetan os espazos protexidos....

Non é necesaria, nen imprescindible a destrucción do noso fogar común para acadar medios de vida, nin debemos basar o benestar na explotación das persoas nen a terra que habitamos, porque si asi fora estaríamos correndo o camiño do suicidio colectivo.

Todas e todos xuntos temos que porlle freo a esta locomotora desvocada, deste falso progreso, que esta a avanzar queimando os seus propios vagóns nunha tola carreira cara ningures. Esta “valorización” do territorio ten que distinguir xa os bens de uso, os modos de vida, do expolio e despoxo da nosa terra. Tratase en suma dunha nova mentalidade que trate o medio non como un negocio, do que se pode quitar beneficio, senon coma a nosa terra común da que todas e todos formamos parte. Vainos nelo a preservación da civilización que queremos legar ás persoas que veñan detrás de nós, non podemos tolerar máis o intolerábel.

Por isto convocamos A unha grande manifestación nacional en Vigo o 31 de maio ás 12:00 que sairá desde a praza do concello e rematará na Praza da Estrela.

E a un grande roteiro contra Reganosa polas ruas de Ferrol o vernes 5 de Xuño ás 20:00 desde o edificio da Xunta de Galiza.

  • ESTE MODELO TEN ALTERNATIVA
  • DEFENDAMOS O LITORAL
  • GOBERNE QUEN GOBERNE
Rede "Galiza Non Se Vende"
http://galizanonsevende.org/
___________________

martes, maio 19, 2009

Reunión, hoxe martes 19 de Maio, para preparar a Mobilización da Rede Galiza Non Se Vende en Ferrol

Na Asemblea Nacional de Galiza Non Se Vende, celebrada o 25 de Abril, decideuse convocar dúas mobilizacións unha no sul que é unha manifestación en Vigo o 31 de Maio e outra no norte que é un roteiro por Ferrol que terá lugar o venres 5 de Xuño, ás 8 da Tarde, coincidindo co "Día Mundial do Medio Ambiente". O Roteiro fará paradas en diversos locais de entidades que teñen que ver cos socios de REGANOSA.

Para preparar esta mobilización da Rede, hai unha Autoconvocatoria, hoxe martes, 19 de Maio, ás 7 da Tarde no Ateneo Ferrolán, de todos os colectivos e organizacións da Comarca que participan na Rede Galiza Non Se Vende, reunión aberta a outras entidades interesadas na convocatoria.

GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE
Por unha terra viva e unha vida digna para tod@s

info@galizanonsevende.org
http://galizanonsevende.org
________________________