Amosando publicacións coa etiqueta Sanidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sanidade. Amosar todas as publicacións

domingo, novembro 17, 2013

Denuncian a orden do SERGAS remitida ás empresas de ambulancias que se ocupan do transporte sanitario urxente para o traslado dos feridos menos graves de accidentes de tráfico a clínicas privadas

Ante as noticias de que a Xunta de Galicia elaborou un protocolo remitido ás empresas de ambulancias que se ocupan do transporte sanitario urxente para o traslado dos feridos menos graves de accidentes de tráfico a clínicas privadas, mentres que os maior gravidade fágano aos hospitais públicos, a Asociación Galega para a Densa dá Sanidade Pública quere comunicar que esta medida supón:

1.- Un paso máis na privatización da asistencia sanitaria, ao obrigar ás ambulancias (servizos tamén privatizados) a trasladar pacientes a centros privados. Isto xa se vén facendo desde fai algún tempo desde os servizos de información sanitarias (tamén privatizados) nos que se anima a pacientes pendentes de intervención quirúrgica a acudir a centros privados concertados.

2.- Unha descapitalización do sistema alentada pola propia administración sanitaria pública que selecciona aos enfermos menos custosos para os centros privados e quédase cos máis graves cuxo tratamento s máis elevado.

3.- Esta estratexia supón un apoio descarado ao sector privado para que se lucre con fondos públicos, que ten a súa explicación polos conflitos de intereses dos dirixentes políticos, que saen e entran da administración desde o sector privado (porta giratoria). Non hai que esquecer que a mesma Conselleira era gerente dun centro privado do grupo POVISA, cando foi nomeada para o seu cargo de responsabilidade pública.

4.- Desde a AGDSP esiximos a retirada desta medida de apoio económico ao sector privado, mentres se recortan dereitos a pensionistas, doentes crónicos, discapacitados, ou con graves enfermidades como o cancro que deben pagar pare dos tratamentos fornecidos nos hospitais

Asociacion Galega para a Densa da Sanidade Pública

mmargar1951@gmail.com

669704177

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
17 de novembro de 2013 19:49
http://www.plataformadspferrol.blogspot.com
_________________

venres, outubro 18, 2013

Hoxe, venres 18 de Outubro comezan, ás 17:30hs, as I Xornadas sobre a Sanidade Pública, en Ferrol Terra, cunha Mesa Debate sobre a 'A Contrarreforma Sanitaria'


I XORNADAS SANIDADE PÚBLICA

Ferrol, 18 e 19 de Outubro de 2013.
Salón de Actos da Fundación NovaGaliciaBanco.
Na Praza do Cantón
.

Hoxe, venres 18 de Outubro comezan, ás 17:30hs, as I Xornadas sobre a Sanidade Pública, en Ferrol Terra, cunha Mesa Debate sobre a 'A Contrarreforma Sanitaria' (Recortes/Repagos/Privatizacións o RD Lei 16/2012 e a Lei de Garantías Sanitarias), moderada por Xosé Miguel López, presidente da Asociación Veciñal de Esteiro, un dos promotores e impulsores da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol. Nesta primeira Mesa das Xornadas, esta previsto que participen como relatores o Dr. Pablo Vaamonde García e o Dr.Manuel Martín García.

Posteriormente está previsto, ás 19:00hs que comece a segunda Mesa Debate, moderada polo concelleiro de Narón Dr. Manuel A. Ramos Rodríguez, sobre 'A Atención Primaria: a prioridade necesaria e o Gasto Farmacéutico', participando como relatores o Dr.Jesús Sueiro Justel e o Dr.Bernardino Pardo Teijeiro.

Mañá continuaran as Xornadas co seguinte Programa:

Sábado 19 de Outubro

Ás 11:00hs  Mesa Debate: 'A Relación Público/Privada' ( Incompatibilidades, Concertos, Listas de Espera, Xestión).

Moderada por Ana Jesús López Díaz, Directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña. E participando como relatores: a Dra. Mª Luísa Lores Aguín e o Dr. Carlos Piñeiro Díaz.


Ás 12:30hs Mesa Redonda: 'Pacto político pola Sanidade Pública, Universal e Gratuíta'.

Moderada por Germán Castro Tomé, ex-director do xornal comarcal Diario de Ferrol, e paricipando no acto membros dos  Grupos parlametarios de PP, PSOE, AGE e BNG, da cámara Galega. Conta-se coa presencia de: Miguel Angel Santalices Vieira (Grupo PP - sen confirmar ou substitut@),  Beatriz Sestayo Doce (Grupo PSdeG-PSOE), Eva Solla Fernández (Grupo AGE ) e Mª. Montserrat Prado Cores (Grupo BNG).

Algúns datos de interese das persoas relatoras
:

Pablo Vaamonde García: Médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006.

Manuel Martín García: Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, portavoz de SOS Sanidade Pública e presidente da Federación de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública do Estado Español | Exerce no Centro de Saúde de Seixo en Pontevedra.

Jesus Sueiro Justel: Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) | Exerce no Centro de Saúde Concepción Arenal de Santiago | Promotor da campaña de obxección de conciencia para seguir atendendo ás persoas inmigrantes en situación irregular fronte ao RD Lei 16/2012.

Bernardino Pardo Teijeiro: Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria | Exerce no Centro de Saúde de Nadela en Lugo | Vicepresidente de ASPNAIS, asociación dedicada ao coidado de discapacitados | Colabora con Unicef e Adega.

Maria Luísa Lores Aguín: Especialista en Radioloxía, coautora do libro A Saúde como Negocio da editorial Laiovento | Pertence a Federación de Asociación para a Defensa da Sanidade Pública | Ex Directora Asistencial do Complexo Hospitalario de Pontevedra | Exerce no Complexo Hospitalario de Pontevedra.

Carlos Piñeiro Díaz:  Médico de Atención Primaria no Centro de Saúde de Narón.Master en Saúde Pública.Fundador de AMICOR (Asociación de Amigos do Corazón). Colaborador de AGAVIDA( Asociación Galega de Víctimas do Amianto).
---
Organiza as Xornadas: a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol, integrada na plataforma galega 'SOS Sanidade Pública'.
______________

Os negocios na Sanidade Pública, ... Por Pablo Vaamonde

Por Pablo Vaamonde [*]
18.10.2013


O goberno central e as autonomías gobernadas polo PP están a adoptar decisións moi relevantes no terreo sanitario impulsados por dous tipos de motivacións: por razóns ideolóxicas e por afán de lucro

O PP está a impoñer medidas –como o RD 16/2012- que nos devolven a unha sanidade dualizada (porta para os ricos, porta para os pobres; aseguramento privado para os poderosos, beneficencia para os máis necesitados) na que sectores da poboación cada vez máis amplos quedarán excluidos da cobertura sanitaria universal, que constitúe un elemento clave para a cohesión social e a equidade. As medidas impostas co desenvolvemento desta lei levan a milleiros de persoas ao borde da pobreza e a exclusión social, mentres os seguros privados están a aumentar o seu mercado de forma progresiva. A ideoloxía clasista  e supremacista dos actuais dirixentes é a que os impulsa a impor estas decisións (incumplindo de forma basta as promesas electorais, ainda tan próximas). 

Mais hai outra razón poderosa para a toma de decisións desde o poder político: a busca de lucro privado a costa do diñeiro público. Lembremos que arredor do corenta por cento do orzamento das Comunidades Autónomas vai destinado aos servizos sanitarios. É moito diñeiro o que move a sanidade pública para que os actuais dirixentes -e os empresarios e financeiros afíns que actúan como lobbys-  o deixen circular, para o beneficio colectivo, sen tentar a súa apropiación. 

O Sistema Nacional de Saúde (SNS) español é un dos máis eficientes do mundo, pois consegue uns excelentes indicadores de saúde cunha inversión do PIB das máis baixas da contorna. Mais con todo, desde a publicación do Informe Abril en 1991, a dereita española repite continuamente as mesmas falacias: o sistema sanitario é insustentable, e faise preciso separar financiación de provisión dos servizos pois a xestión privada é mais eficiente que a pública.

Os servizos públicos son viables se hai vontade política de apoialos (aumentando os ingresos públicos cunha fiscalidade progresiva), e o sector privado –os chamados mercados-  xa ten probada a súa inoperancia: empresarios e sector financeiro son os responsables da crise que agora castiga aos traballadores. As experiencias noutros países tampouco apoian as medidas externalizadoras: a privatización dos hospitais do Reino Unido, en tempos de Margaret Thacher, provocou un grave deterioro do NHS, ata aquel momento un referente a nivel internacional. Mais, en contra de toda evidencia, o PP impulsa sen desmaio as medidas privatizadoras do SNS. A privatización pode ser completa (mediante a concesión da xestión hospitalaria a unha empresa) ou parcial (por medio das chamadas externalizacións, que poñen en mans privadas aquelas parcelas da actividade sanitaria con máis posibilidades de lles producir beneficios).

-O primeiro hospital privatizado en España foi o de Alzira (Valencia), inaugurado en 1999, xestionado por unha Unión Temporal de Empresas (UTE) mediante unha concesión administrativa: a Generalitat paga un canon anual pola poboación atendida  e a empresa encárgase da xestión completa do hospital. Mais as contas non saían e en 2003 o goberno valenciano rescatou Alzira e incrementou o seu canon. A pesar desta experiencia negativa as privatizacións continuaron e hoxe sabemos o resultado: o 20% da poboación de Valencia recibe asistencia sanitaria mediante este modelo de concesión, a sanidade valenciana está en quebra e a empresa que puxo en marcha Alzira, Ribera Salud, hoxe é un xigante da sanidade, que xestiona numerosos servizos en todo o Estado (sobre todo en Valencia e Madrid).  Sen reparar nas consecuencias negativas desta experiencia, o PP segue a impulsar a privatización completa dos centros sanitarios: en Madrid, en Castela-A Mancha, en Galicia. A intensa contestación social contra destas medidas e o clima de incerteza que vive o sistema financeiro fan que moitos destes proxectos avancen con dificultade ou mesmo estean parados neste momento (como o novo hospital de Vigo, donde a UTE responsable do proxecto non foi capaz de conseguir financiamento para continuar a construcción). Mais os dirixentes do PP teñen un plan B: alí donde non é posible a privatización completa do hospital realizan externalizacións masivas e impulsan experimentos como as Unidades de Xestión Clínica (UXC) que facilitan o camiño da privatización de amplas áreas da actividade sanitaria.

-As externalizacións. En todas as comunidades se realizan, mais en Galicia Núñez Feijóo xa avisou hai tempo: é partidario de privatizar todo o que non sexa o núcleo duro da sanidade. Xa existían tarefas privatizadas  (hostelería, seguridade, limpeza, mantemento, cociña), pero comezou unha carreira contrarreloxio que aínda non rematou. Os servizos de información, a central de chamadas, a plataforma informática,  a central de compras, o centro de almacenamento e suministro etc. Todas estas áreas foron entregadas a mans privadas para a súa xestión.  A última privatización coñecida é a da xestión da alta tecnoloxía diagnóstica e terapéutica. Mediante a figura administrativa do “diálogo competitivo”  o Sergas cede ás empresas privadas do sector o control da renovación tecnolóxica dos seus centros cun contrato que pode chegar aos 200 millóns de euros. A Administración abandoa o seu deber de control e supervisión e concédelle ás empresas a capacidade de decidir a implantación de novas tecnoloxías diagnósticas, moi caras e con problemas técnicos non resoltos, polo que non se utilizan ainda para o diagnóstico clínico (en Europa nin nos EEUU) por non estar debidamente avaliadas  nin contrastada a súa relevancia para a práctica clínica. O Sergas pagará os custes, os pacientes asumirán os riscos –de someterse a exploracións pouco avaliadas-, e as empresas poderán conseguir elevados beneficios.

-As Unidades de Xestión Clínica. Esta proposta obedece a un propósito. Alí donde non poidan privatizar o hospital enteiro tentarán privatizar determinadas áreas clínicas, sobre todo aquelas que poidan proporcionar máis beneficio económico. Os promotores desta estratexia mezclan, con toda a intención, propostas clinicas e organizativas (integración de Primaria e Especializada, coordinación de niveis,  impulso dos procesos asistenciais) con cuestións xerenciais e laborais que non teñen ningunha relacion. Para promover a coordinación asistencial non é preciso modificar o réxime xurídico do persoal nin a persoalidade xurídica das unidades que a levan a cabo.

O Ministerio de Sanidade e o chamado “Foro da Profesión Médica” acordaron que “se promoverá un marco jurídico específico del profesional médico del SNS y un modelo de retribución voluntario vinculado a la gestión clínica que favorezca los principios de excelencia profesional y de gobernanza del sistema sanitario público”.  Isto supón que o persoal que se integre deberá aceptar a laboralización, coa perda dos dereitos que hoxe ten o persoal estatutario, e as UXC poderán constituírse en empresas autónomas con personalidade xurídica propia e con participación do sector privado. Isto representa un serio perigo para o futuro dos centros sanitarios e do seu persoal. Poderán crear microempresas dentro dos centros para competir entre sí e coa posibilidade de dar entrada a empresas sanitarias, industria farmacéutica e de tecnoloxía sanitaria na provisión e xestión dos servizos.  Este desorden vai facilitar a prevalencia dos intereses privados sobre os criterios de servizo público. O SNS pode quedar fragmentado en numerosos reinos de taifas, dos que sacarían beneficio o capital privado e os grupos empresariais. O Sergas xa está a promover as UXC nas áreas sanitarias e vai publicar un Decreto para amparar este proxecto. Se non atopa resistencia continuará nesta estratexiaprivatizadora, que beneficia ás empresas e á pléiade de xerentes que hoxe viven do sistema, mais representa un severo prexuicio para os traballadores sanitarios e os usuarios da sanidade pública.



Blogue persoal de Pablo Vaamonde:

Pavillón de Repouso

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

[*] Pablo Vaamonde, nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.

Publicado no seu Blogue persoal | 17.10.2013.

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
17 de outubro de 2013 23:48

http://www.plataformadspferrol.blogspot.com/

________

martes, outubro 15, 2013

Primeiras Xornadas en Defensa da Sanidade Pública, en Ferrol Terra - Ferrol, 18 e 19 de Outubro de 2013


Primeiras Xornadas en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol Terra.
Ferrol, 18 e 19 de Outubro de 2013


Venres día 18

Ás 17:30 horas. Mesa Debate:
A Contrarreforma Sanitaria.
Recortes/Repagos/Privatizacións o RD Lei 16/2012 e a Lei de Garantías Sanitarias.
Ponentes:Dr. Pablo Vaamonde García e Dr.Manuel Martín García.

Ás 19 horas. Mesa Debate:
A Atención Primaria: a prioridade necesaria e o Gasto Farmacéutico.
Ponentes: Dr.Jesús Sueiro Justel e  Dr.Bernardino Pardo Teijeiro.

Sábado 19

Ás 11 horas Mesa Debate:
A Relación Público/Privada ( Incompatibilidades, Concertos, Listas de Espera, Xestión).
Ponentes:Dra. Mª Luísa Lores Aguín e Dr. Carlos Piñeiro Díaz.

Ás 12:30 H Mesa Redonda:
Pacto político pola Sanidade Pública, Universal e Gratuíta.
Ponentes: Grupos parlametarios de PP, PSOE, AGE e BNG.


Quen son as persoas relatoras nestas xornadas informativas , reivindicativas e de debate público:

Pablo Vaamonde García: Médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006.

Manuel Martín García: Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, portavoz de SOS Sanidade Pública e presidente da Federación de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública do Estado Español. Exerce no Centro de Saúde de Seixo en Pontevedra.

Jesus Sueiro Justel: Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC). Exerce no Centro de Saúde Concepción Arenal de Santiago. Promotor da campaña de obxección de conciencia para seguir atendendo ás persoas inmigrantes en situación irregular fronte ao RD Lei 16/2012.

Bernardino Pardo Teijeiro: Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria. Exerce no Centro de Saúde de Nadela en Lugo. Vicepresidente de ASPNAIS, asociación dedicada ao coidado de discapacitados. Colabora con Unicef e Adega.

Maria Luísa Lores Aguín: Especialista en Radioloxía, coautora do libro A Saúde como Negocio da editorial Laiovento. Pertence a Federación de Asociación para a Defensa da Sanidade Pública. Ex Directora Asistencial do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Exerce no Complexo Hospitalario de Pontevedra.

Carlos Piñeiro Díaz: Médico de Atención Primaria no Centro de Saúde de Narón.Master en Saúde Pública.Fundador de AMICOR (Asociación de Amigos do Corazón). Colaborador de AGAVIDA (Asociación Galega de Víctimas do Amianto).

Descarga aquí o díptico das xornadas.


__________________

martes, outubro 01, 2013

A actual crise non deixa títere con cabeza. Os recortes chegan xa a todos os ámbitos, até ao chamado o gran alicerce do Estado de Benestar - Interesante documentario en V-Televisión : "Informe V" Sa, sa, ... A saúde da Sanidade Galega- Vídeo

«Informe en V» Sa, sa (cap.2-28/09/13)

A actual crise non deixa títere con cabeza. Os recortes chegan xa a todos os ámbitos, até ao chamado o gran alicerce do Estado de Benestar. Informe en V analizou o pasado sábado a saúde da sanidade galega. Médicos, políticos, expertos e pacientes explicarán en que están afectando os recortes no orzamento sanitario. Podemos xogar con nosa saúde? Cal pode chegar a ser a factura de reducir o orzamento nos nosos coidados? Chegará a sanidade de todos a mans da empresa privada? Todas as respostas, en Informe en V.


http://www.vtelevision.es/informativos/informeenv/2013/09/29/0031_90_189227.htm


Local Veciñal:
Rúa Fernando VI,
Bloque I baixo
Ferrol -15403
Telef. 981933223
avesteiro@galicia.com
http://avesteiro.blogspot.com/


Información baseada na enviada po:
avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
1 de outubro de 2013 08:27
_____________

sábado, setembro 28, 2013

A sanidade e os servizos sociosanitarios en risco de desmantelamento


OS SERVIZOS DE SAÚDE E SOCIO-SANITARIOS EN RISCO DE DESMANTELAMENTO

O Goberno de Rajoy, fiel aliado das políticas da Unión Europea, deseñadas polo Fondo Monetario Internacional, Banco Mundial e a Organización Mundial do Comercio, en beneficio dos grandes bancos, Fondos de Investimento e grandes multinacionais, está embarcado nunha xigantesca manobra de desmantelamento dos servizos públicos básicos de todo o Estado, que abarca as pensións, a educación pública, a sanidade ou os servizos de atención á vellez e a discapacidade.

Os datos aportados por prestixiosos investigadores dos sectores afectados explican que se pretende recortar gasto público suprimindo as prestacións aos sectores de baixo nivel económico da poboación e de escasa capacidade de pago (o 60% dos asalariados que gañan menos de 1.000 euros ao mes, os maiores de 65 anos que supoñen o 20% da poboación e perciben unha pensión media de 850 euros mensuais, ou os mozos que soportan un 57% de paro) e crear unha rede de servizos en poder das grandes multinacionais e fondos de investimento que prestarán estes servizos con carácter lucrativo mediante diñeiro público e as achegas dos beneficiarios con capacidade adquisitiva (1/3 da poboación).

O Goberno sabe que pode perder as próximas eleccións polo que está acelerando a aplicación destas medidas en todos os servizos e CCAA, para deixar todo ben atado e obrigar ao goberno que gañe a aceptar unha situación de feitos consumados sen posibilidade de marcha atrás.

1.- Reforma do Sistema de Atención á Dependencia:

O goberno enviou á UE o "Programa Nacional de Reformas. Reino de España 2013", para demostrar a súa vontade de seguir pola senda da redución do déficit público, que contempla tres grupos de recortes á Lei de Dependencia

Preténdense recortar 599 millóns de euros en 2012, 1.108 millóns en 2013 e 571 millóns en 2014.
  • Modificación e simplificación dos procesos de valoración das persoas dependentes e os servizos prestados.
  • Supresión a retroactividade no pago das prestacións económicas (contemplado pola Lei para que as persoas con dereitos a prestacións trala valoración da mesma cobrasen desde o momento en que se lles recoñecerá o dereito)
  • Potenciación da colaboración público privada (para favorecer a penetración de empresas multinacionais).
  • Atraso na incorporación ao sistema das persoas beneficiarias con menor grado de dependencia.
  • Recorte da prestación económica dos coidadores non profesionais, que se rebaixa entre o 15 e o 30% (188 millóns) e deixar de pagar a seguridade social aos coidadores non profesionais, familiares no seu maior parte (300 millóns anuais).
  • Incremento da aportación dos beneficiarios (copago) nun 50% (recorte de 339 millóns de euros en 2013).
  • Adecuar as prestacións ás necesidades reais dos dependentes (revisión das valoracións xa realizadas de face a reducilas)
  • Priorizar os servizos profesionais (a cargo de empresas multinacionais) sobre as prestacións económicas (a cargo de familiares) para o que se planta unha revisión dos procesos. (recorte de 489 millóns de euros).
A Reforma do Sistema de Atención á Dependencia supón un recorte de 2.220 millóns de euros en tres anos e deixado sen atención a 256.000 discapacitados, aínda que o obxectivo final é desmantelar todo o dispositivos previsto pola Lei (como anunciou Rajoy no seu programa electoral) para permitir as multinacionais de servizos sociosanitarios apropiarse destes servizos, como fixeron xa no Reino Unido.

2.- Lei para a Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local:

Pretende recortar de 1.800 millóns de euros anuais nos servizos sociais que prestan os concellos (servizos de apoio á familia, de prevención e inserción social, vivendas tuteladas, centros de día, infantís e de atención a persoas con discapacidade, comedores de persoas maiores ou servizos de promoción da muller e de atención e acolleita a inmigrantes), deixando sen atención 1.167.784 persoas. A isto hai que engadir outros servizos como as 567 residencias que atende a 30.117 persoas maiores ou 2.718 vivendas tuteladas.

A Lei contempla retirar as competencias en servizos sociais ás entidades locais (máis de 2,5 millóns de beneficiarios deixarán de recibir servizos sociais dos concellos) para trasladalas a Comunidades Autónomas que carecen de capacidade económica polos recortes introducidos nos seus orzamentos pola Ley de Estabilidad Presupuestaria, e ás que non lles quedará máis opción que pechar estes servizos e privatizar os máis rendibles para o sector privado

3.- Recortes en Asistencia Sanitaria Pública:

Redución de máis de 7.000 millóns de euros a través da redución da actividade dos servizos asistenciais; a pechadura de centros e reducións de persoal; a Ley 16/2013 introduzo os  copagos a pensionistas, enfermos que precisan próteses, traslados en ambulancia ou medicamentos especiais; a supresión do dereito á asistencia aos mozos maiores de 26 anos que nunca han cotizado (57% do total), amas de casa divorciadas e a 900.000 inmigrantes, e están previstos recortes na carteira de servizos que abran paso aos seguros privados complementarios.

Estas medidas han ir acompañados de privatizacións nos servizos como as concesións de obra pública; o financiamento e xestión privada de hospitais e centros de saúde; privatización de hospitais, servizos de laboratorio e de diagnóstico por imaxe; a cesión ás multinacionais e fondos de investimento das plataformas informáticas, teléfonos de información, centrais compras ou a planificación e xestión dos recursos dos Servizos de Saúde Autonómicos.

Entre as consecuencias de etas medidos cabo destacar a limitación de acceso a medicamentos, incremento das listas de espera, aumento da mortalidade por enfermidades evitables ou a redución da esperanza de vida.

A última medida que podemos considerar de extremada crueldade é que os enfermos con cancro e outras patoloxías graves, deberán pagar as medicinas que se lles fornezan nos hospitais, algo inhumano e irracional xa que non supoñerá ningún aforro relevante para o sistema. Probablemente a intención do Goberno coa súa aplicación é xerar temor e desmoralización da poboación e convencer á UE da vontade para aplicar as medidas de austeridade que esta lle esixe.

Esta política supón que a maior parte da poboación, e especialmente a máis necesitada de asistencia e axuda sanitaria e social, vai quedar desprotexida fronte a enfermidade e a discapacidade, mentres que unha minoría social con gran capacidade económica e de pago, fará un uso intensivo e irracional duns recursos que quedarán en mans de bancos e grandes fondos de investimento internacional

É necesario e urxente articular unha alianza social e profesional en sanidade e servizos sociais que paralice o máis pronto posible esta estratexia do Goberno de Rajoy e a Troika (UE, Banco Mundial e Fondo Monetario Internacional), antes de que sexa demasiado tarde. Á mesma deberán estar invitados todas a organizacións cidadás, de usuarios, profesionais, sindicais, políticas, ONGs, concellos, grupos parlamentarios, movementos sociais, pequenos empresarios, etc., superando e aparcando as lexítimas discrepancias políticas ou ideolóxicas.

Consideramos que o primeiro paso debería se runa Gran Convención para elaborar un Manifesto en Defensa dos Servizos Sociais Públicos, definir uns obxectivos e unha estratexia consensuados e aprobar un calendario de grandes mobilizacións. Non queda moito tempo.

Manuel Martin Garcia
mmargar1951@gmail.com
mobil 669704177

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
26 de setembro de 2013 23:51

______________

martes, maio 21, 2013

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública convoca unha nova Asemblea Plenaria


CONVOCATORIA DA PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DA ÁREA SANITARIA DE FERROL

A Comisión Permanente desta PDSP de Ferrolterra, CONVOCA a todas as entidades a unha xuntanza de ASEMBLEA PLENARIA o vindeiro día 22 de Maio  ás 18 horas no local da A.V. de Esteiro.

Enviaremos informacións puntuais que afectan a sanidade pública a medida que van sucedéndose os motivos e circunstancias de especial importancia en canto a mobilizacións e Documentos que se están debatendo, como por exemplo, a Lei do Aborto, Centros de Orientación familiar, políticas de atención á Muller, Drogodependencia, inmigración..etc.
            
Lembrar que se está a convocar unha MOBILIZACIÓN contra a LEI do ABORTO do PP para o día 16 de Xuño co apoio de SOS Sanidade Pública Galicia e organizacións feministas.
            
Informamos da reunión de SOS SANIDADE este pasado Luns - día 6- en Compostela, onde a proposta de PDSP Ferrolterra, acordase  CONVOCAR  unha grande MANIFESTACIÓN  o Xoves - día 27 de Xuño - en todas as Comarcas e Areas Sanitarias de Galicia contra o proxecto de LEI de Sanidade que vai presentar o Partido Popular no Parlamento Galego.
            
ORDE DO DÍA
  1. Lectura e aprobación, se procede, ACTA anterior.
  2. Informe económico.
  3. Valoración Manifestación 3 de Marzo. Estado actual sanidade pública.
  4. Informacións SOS Sanidade Pública. Documentos - Mobilizacións.
  5. Organización Xornadas informativas PDSP Ferrolterra.            
  6. Esperamos a vosa presenza co fin de participar na reivindicación social dunha Sanidade Pública de calidade.
Recibide os nosos maiores saúdos e cumprimentos.

Ferrol, a 8 de Maio de 2013
 A Comisión Permanente

http://plataformadspferrol.blogspot.com.es/

http://www.sos-sanidadepublica.org/

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
20 de maio de 2013 23:22

___________________