Amosando publicacións coa etiqueta Secundino Garcia casal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Secundino Garcia casal. Amosar todas as publicacións

venres, novembro 08, 2013

Carta de Secundino Garcia Casal, Alcalde de San Sadurniño: "Actuacións sobre o re-pago sanitario das persoas con doenzas crónicas" - Concentración en Catabois, diante do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol: hoxe venres 8 de Novembro ás 8 da tarde



Estimado amigo, estimada amiga,

As últimas decisións que vén de adoptar o Ministerio de Sanidade do Goberno de España no que ten a ver co establecemento dun sistema de re-pagos para algunhas menciñas coas que se tratan doenzas tan sensíbeis como o cancro de mama ou ril, os tumores cerebrais, a leucemia ou a SIDA, significan un salto cualitativo negativo en todo o referido á política sanitaria e abren a porta á desaparición da universalidade da sanidade.

Non teño ningunha dúbida que a meirande parte da sociedade, isto é, esa gran maioría de xentes de ben, non podemos dar por boa unha proposta que deixa fóra do dereito á saúde a homes e mulleres en función do seu poder adquisitivo. E por iso tampouco podemos dar por boa outra alternativa que non sexa a derrogación desta medida ou, no peor dos casos, a súa non aplicación en Galiza.

Así as cousas, o Concello de San Sadurniño sumouse á iniciativa doutros municipios galegos e asumirá o repago dos seus cidadáns e cidadás, como unha medida de xustiza social. Pero tamén estamos convencidos de que paralizar esta resolución estatal é unha obriga do conxunto da sociedade, razón pola cal queremos convocar aos colectivos sociais, aos colexios profesionais, ás plataformas en defensa da sanidade, aos representantes institucionais e ao movemento veciñal, a unha serie de actuacións en contra do repago sanitario.

Gustaríanos contar coa vosa presenza na Concentración cidadá que se levará a cabo o venres día 8 de novembro, ás 20:00 horas, no CHUF (Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol), e na cal expresaremos a nosa repulsa ós ataques contra a sanidade.

Agradecendo a vosa atención e sen outro particular recibide un cordial saúdo.

Secundino García Casal
Alcalde de San Sadurniño

San Sadurniño, 5 de novembro de 2013

Enviado por:
cig-saude.ferrol@sergas.es
-cig-saude.ferrol@sergas.es-
6 de novembro de 2013 13:36
http://www.cig-saude.org/ferrol/

______________

Manifesto da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade, en formato pdf
[Acceder ou Baixar], nos arquivos do xornal dixital Praza Pública.
_______________________