Amosando publicacións coa etiqueta Sindicalismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sindicalismo. Amosar todas as publicacións

martes, outubro 07, 2008

A Marcha Mundial das Mulleres ante a directiva europea das 65 horas e a xornada de mobilización mundial "Por un Traballo Decente" do 7 de Outubro

De: MMM Marcha Galiza -marchagaliza@gmail.com-
Para: artabra21@gmail.com

Data: 7 de outubro de 2008 09:13

Asunto: comunicado "65 horas"



Comunicado da Marcha Mundial das Mulleres ante a directiva europea das 65 horas e a xornada de mobilización mundial "Por un Traballo Decente" do 7 de outubro de 2008.-

A directiva europea que vai ser posta a votación no parlamento europeo, conforme vai poder ampliarse a xornada laboral até as 65 horas semanais, está sendo contestada desde distintos sectores sociais, e as condicións laborais de precariedade, falta de dereitos sindicais, siniestralidade... que se dan nos cinco continentes, motivan a mobilización que o próximo 7 de Outubro, unha parte do movemento sindical mundial, ten convocada baixo o lema "Por un traballo decente". Esta directiva europea, non supón mais que engadir un pouco de pementa a un preparado que pretende purgar todos os avances conseguidos ao longo do século XX polos movementos socias, moitos deles da man do feminismo. Ao berro de que ven o coco!!!, utilizando a chantaxe, a intimidación e o medo, a minoría capitalista que amasou e amasa grandes beneficios coa especulación financeira, pretende agora que paguemos os seus pratos rotos e amañemos, baleirando as arcas públicas, as pingueiras e desperfeitos dos seus corruptos negocios. Nesta situación de alarma social, ao redor da crise financeira, como se de unha catástrofe natural de enormes e incontrolábeis consecuencias se tratase, lánzanse salvavidas coa etiqueta de abaratamento do despido, aumento da xornada laboral, aumento da idade de xubilación... e outras receitas que se venhem aplicando en maior ou menor medida nos últimos tempos, receitas que para as mulleres son vellas coñecidas, pois van parellas ao aumento da economía somerxida e a precariedade, onde temos unha representación maioritaria, e o recorte de servizos sociais. A ameaza do "Lado Escuro" onde se situan o patriarcado e o capitalismo, non só non desaparece senón que mostra un repunte virulento.

Non hai outra saída? É necesario que a actividade financeira ocupe unha parte tan importante da actividade económica? Podería existir unha economía onde a actividade de mercar e vender activos financeiros se puidera regular por unhas normas estritas que non permitisen a especulación?

Desde a Marcha Mundial das Mulleres pensamos que si. Que é hora de democratizar a economía. Que é hora de que a economía estea ao servizo da sociedade. Que é hora de pór límites á riqueza, porque xa é tempo de eliminar a pobreza. Porque somos conscientes que a perda de dereitos laborais, a acumulación de beneficios en poucas mans, o recorte do gasto público en saúde, educación, vivenda, preservación da terra e da auga, supón pór freo á igualdade, e camiñar de fronte para o deterioro ambiental e social. Non podemos entregar a nosa vida ao control do mercado. Para o capitalismo, son imprescindíbeis a produción e o consumo sen límites. Para as persoas son imprescindíbeis os coidados, a terra, o ar e a auga. Busquemos, esixamos e apliquemos fórmulas políticas que invistan e afortalen o sector público, redes asistenciais e servizos que axuden a conciliar a vida laboral e familiar. Construamos modelos económicos e sociais (educacionais, espirituais, afectivos, sexuais, políticos...) inspirados nos valores da democracia e da igualdade, non nos da cobiza e a opresión. A Marcha Mundial das Mulleres valora que o planeta está nunha encrucillada onde só se poden seguir dúas direccións, a do cambio económico e social que permita acabar coa pobreza e compartir o traballo (o laboral e o doméstico), que sustenta a existencia da Humanidade, ou o camiño da acumulación das riquezas por parte dunha minoría, coa perpetuación da discriminación das mulleres, onde a violencia e a pobreza coexisten co gasto sen medida, a ostentación e a depredación do planeta.

Acudamos ás mobilizacións convocadas nas cidades galegas por un Traballo Decente, contra a directiva europea das 65 horas!
____________

Coordenadora Nacional Galega
Marcha Mundial das Mulheres
Marcha Mundial das Mulleres
Rúa Romil, 20, baixo
36202 Vigo-Galiza
CIF G-15773013
Teléfonos de contacto:
Coord. Nacional: 671695968/637817745
Coord. Ferrol: 658432609/652201003
Coord. Pontevedra: 669794462
Coord. Vigo: 657825556/667531529
http://www.feminismo.info

_____________

luns, outubro 06, 2008

Xornada Mundial polo Traballo decente, concentración en Ferrol ás 8 da Tarde

De: eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
Para: artabra21@gmail.com
Data: 6 de outubro de 2008 09:36

Asunto: CONCENTRACIÓN CONTRA A DIRECTIVA DAS 60 HORAS


MANIFESTACIÓN MÁÑÁ, MARTES 7 DE OUTUBRO DE 2008 AS 20.00 , DIANTE DO EDIFICIO DA XUNTA EN FERROL, CONCENTRACIÓN XORNADA MUNDIAL POLO TRABALLO DECENTE, NON AS 60 HORAS

GRAZAS, UN SAÚDO.


Estimado/a compañeiro/a:

O pasado xuño, os ministros de Traballo da Unión Europea aprobaron unha proposta de directiva sobre a xornada laboral que eleva o tope máxima de xornada semanal ata as 60 horas (65 no caso das actividades con gardas, como os hospitais). Esta directiva ten que ser debatida no Parlamento Europeo antes de fin de ano.

Nin que dicir ten que, de ser aprobada, a directiva suporía un enorme retroceso nas condicións laborais dos traballadores, un auténtico retroceso histórico dun século, posto que a xornada laboral máxima de 48 horas foi fixada pola OIT en 1919.

O vindeiro 7 de outubro está convocada, pola Confederación Sindical Internacional, unha Xornada Mundial polo Traballo Decente, que no caso dos países da Unión Europea adquirirá un contido de rexeitamento á directiva das 60 horas. CCOO e UGT teñen convocadas diversas mobilizacións. No caso concreto de Galicia, haberá unha manifestación en Vigo.

Dada a gravedade do ataque, a celebración dunha soa manifestación en toda Galicia parece insuficiente, polo cal decidimos impulsar unha mobilización unitaria en Ferrol, convocando unha reunión aberta de tódalas entidades interesadas en participar na preparación de dita mobilización. Previamente a esa reunión, entrevistámonos cos secretarios xerais comarcais dos tres sindicatos (CCOO, UGT e CIG) para darlles a coñecer a nosa proposta e deixar claro que era un complemento á manifestación de Vigo. Aínda que atopamos unha moi boa actitude en todos eles e aínda que todos admiten que unha manifestación en Vigo un martes ás 8 da tarde non é unha opción para que os traballadores de Ferrolterra se mobilicen, motivos diversos impediron unha convocatoria unitaria na nosa comarca.

Nestas circunstancias, e pensando que nunha comarca coas tradicións de loita obreira de Ferrolterra é case obrigado que haxa unha mobilización contra as 60 horas o 7 de outubro, decidimos ir para adiante coa convocatoria dunha concentración para ese día. Será ás 8 da tarde diante do edificio da Xunta da Praza de España.

Nos últimos anos, e a pesar do “milagro económico” español, a situación dos traballadores ven deteriorándose. Agora, a recesión económica fará que os ataques contra os dereitos laborais aumenten aínda máis. Temos que impedir que nos fagan pagar a crise. Por iso é moi importante que o día 7 acudas á concentración e que difundas a convocatoria no teu entorno (empresa, barrio...). Na sede e no concello haberá carteis da convocatoria á túa disposición. Non podemos permanecer parados, ¡hai que moverse!

CONCENTRACIÓN CONTRA AS 60 HORAS

LUGAR: PRAZA DE ESPAÑA (EDIF. XUNTA)

DÍA: MARTES 7 DE OUTUBRO

HORA: 8 DA TARDE

____________________

Mobilizacións da CIG no 7 de Outubro, na acción mundial polo traballo decente

Convocadas asembleas e concentracións en todas as cidades, o 7 de outubro

A CIG di NON á Directiva das 65 horas

A CIG vén de convocar concentracións simultáneas en todas as comarcas de Galiza para o día 7 de outubro, para denunciar a grave perda de dereitos que suporá para a clase traballadora a ratificación, por parte do Parlamento Europeo, das modificacións introducidas na Directiva de Tempo de Traballo. Unhas modificacións que contemplan, entre outros aspectos, a xeneralización da posibilidade de ampliar a duración máxima da xornada laboral até as 65 horas semanais ou a relaxación na obriga empresarial de compensar con descansos o traballo realizado a maiores.

O pasado 11 de xuño, o Consello de Emprego, formado polos Ministros de Traballo de cada un dos Estados que integran a UE, aprobou por maioría a chamada DIRECTIVA DE TEMPO DE TRABALLO que pretende:

  1. Poder traballar, como máximo, unha xornada semanal de até 65 horas, con carácter flexíbel, que se regularizará por exceso ou defecto cada tres meses; sen fixar o tempo de descanso entre xornadas laborais, nin límite de horas de traballo ao ano. O que se traballe de máis nunhas semanas, traballarase, supostamente, de menos nas outras.
  2. A Directiva estabelece para determinados sectores de servizos, como pode ser a Sanidade, Vixilancia e Seguridade, Condutores de Transporte Público ou Privado... etc, que o período inactivo de traballo que non se preste unha atención continuada non se considere tempo de traballo, por exemplo, durante unha garda médica o tempo que non hai pacientes, ou nos tempos de espera entre servizos para os condutores de autobús.
  3. Estabelécese a posibilidade de que na sinatura do contrato o traballador ou traballadora pode “voluntariamente” de xeito individual e con independencia do regulado en Convenio, aceptar a xornada de 65 horas. Eles saben perfectamente que a chantaxe dos empresarios será condicionar a sinatura do contrato a que se acepte a ampliación da xornada.

No Estado Español, a xornada máxima de 40 horas semanais está acordada desde o ano 1979, pero a involución do capitalismo máis salvaxe que domina Europa quere facernos retroceder 200 anos. Queren facernos traballar máis horas e máis barato, evitarán as horas extra e os pluses para os que traballan en fin de semana ou festivos.

Esta Directiva será debatida para a súa aprobación nos próximos meses no Parlamento Europeo, onde a dereita neoliberal ten maioría, polo que parece probábel a súa aprobación antes do mes de decembro. Unha vez aprobada, cada Estado debe adaptar esta norma á súa propia lexislación nun determinado prazo.

Como podemos ver, a Europa que se constrúe non protexe o mundo do traballo nin á clase traballadora. Esta é unha Europa neoliberal que non ten reparos en gastar miles de millóns de euros de diñeiro público de todos os Estados a través do Banco central Europeo, para pagar nesta crise, o despilfarro, a especulación financeira dos bancos e das inmensas fortunas, que agora socializan as perdas pero antes non socializaron as inmensas ganancias. Co noso diñeiro pagan as consecuencias da súa avaricia e logo nos dirán que temos que reducir as pensións, as prestacións por desemprego, a sanidade...

Mobilízate coa CIG o día 7 de outubro

CONCENTRACIÓNS

A Mariña: Ás 11:00 horas no concello de Cervo.

A Coruña: Ás 12:00 horas, diante da Subdelegación do Goberno

Ferrol: Ás 12:00 horas diante do edificio da Xunta de Galiza na Praza de España.

Lugo: Ás 12:30 horas diante da Subdelegación do Goberno.

Ourense: Ás 11:30 diante do edificio sindical

Pontevedra: Ás 12:30 horas diante da Subdelegación do Goberno.

Santiago: Ás 12:30 h na Praza de Galiza.

Vigo: Ás 12:00 horas, saída de diante do pavillón do Berbés.

______________

venres, maio 02, 2008

Manifesto da Confederación Sindical Internacional CSI con ocasión do Primeiro de Maio de 2008

Manifesto da CSI con ocasión do Primeiro de Maio de 2008

Bruxelas, 29 de abril de 2008

Neste Primeiro de Maio, millóns de traballadores e traballadoras en todo o mundo únense para celebrar as conquistas de máis dun século de sindicalismo
. Os principios superiores de igualdade, xustiza, dignidade humana e paz, que atoparon a súa expresión a través do movemento sindical, resultan tan relevantes hoxe en día como o eran cando traballadores e traballadoras uniron as súas forzas por primeira vez para loitar polos seus dereitos no traballo. Estes principios deron lugar á Declaración Universal dos Dereitos Humanos e quedarían recollidos no Convenio 87 da OIT en 1948. Pero os dereitos fundamentais consagrados nestes soados instrumentos están moi lonxe de ser unha realidade para gran parte da humanidade.

Para a maioría da poboación mundial, o traballo decente non é senón un soño afastado. Millóns de nenos traballan en lugar de acudir á escola, os traballadores e traballadoras vense privados dos seus dereitos fundamentais e son explotados por empleadores sen escrúpulos e réximes represivos, e aumentan as desigualdades tanto entre países como dentro de cada país, cunha pequena minoría que acumula riquezas incalculables a expensas dos demais.

Os fallos de gobernanza global por medio de "solucións de mercado" non resultaran tan patentes desde había décadas. O problema continúa estendéndose polos mercados financeiros mundiais, e os traballadores e traballadoras son quen salguen peor parados debido a que os gobernos non son capaces de responder á necesidade dunha regulación financeira. Cen millóns de persoas máis que o ano pasado non teñen suficiente para comer, conforme a crise alimenticia global aumenta día a día, ameazando o tecido mesmo das sociedades e alimentada polo legado de décadas de políticas altamente prexudiciais a escala mundial. A acción respecto ao cambio climático, quizais a maior proba a que se viu sometida a humanidade en toda a súa historia, resulta minúscula en comparación coa magnitude do reto que representa. E os ODM da ONU, que a comunidade global propúxose alcanzar, están moi lonxe de lograrse.

Os medios para abordar todos estes desafíos existen, pero falta a vontade política para ofrecer resistencia aos poderosos intereses que obstaculizan o camiño. No mundo enteiro os sindicatos enfróntanse a estes intereses, facendo campaña para situar as preocupacións sociais e o desenvolvemento sostible como un elemento central, e non marxinal, da política. Esiximos un cambio fundamental na gobernanza global, que coloque o traballo decente no centro mesmo dunha nova globalización, e onde as institucións globais respondan ás necesidades reais da poboación en lugar de perpetuar as políticas erróneas do pasado.

O 7 de outubro de 2008, Xornada Mundial polo Traballo Decente, sindicatos de todo o mundo lanzarán conxuntamente un chamamento mundial a favor dos dereitos no traballo. Situaremos en primeiro plano as grandes tradicións de solidariedade que foron a pedra angular do sindicalismo desde os seus comezos, e que resultan esenciais para resolver os problemas aos que se enfronta o mundo nos nosos días. Demostraremos que o traballo decente é esencial para pór fin á pobreza e garantir a igualdade para todos os homes e mulleres, e deixaremos constancia do noso compromiso inquebrantable á solidariedade cos marxinados e os desposuídos. Seguimos aspirando a un mundo mellor e renovamos o noso compromiso a facelo realidade por medio dunha acción unificada dos traballadores e traballadoras procedentes de todos os recunchos do planeta.
________________

A CSI representa a 168 millóns de traballadores e traballadoras en 155 países e territorios, e conta con 311 afiliadas nacionais.

Para maior información, favor de porse en contacto coa Oficina de Prensa da CSI aos teléfonos: 32 2 224 0204 ou 32 476 621 018.

Confederación Sindical Internacional

O labor fundamental da CSI é promover e defender os dereitos e intereses dos traballadores mediante a cooperación internacional entre sindicatos, realizar campañas mundiais e avogar por eles ante as principais institucións mundiais.
________________

O 7 de outubro de 2008,
Xornada Mundial polo Traballo Decente,
sindicatos de todo o mundo
lanzarán conxuntamente
un chamamento mundial
a favor dos dereitos no traballo
.
___________________

As Traballadoras e Traballadores de Galiza, non quedarán indiferentes, o noso País participará na Acción Mundial polo Traballo Decente.
__________________