Amosando publicacións coa etiqueta Txente Rekondo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Txente Rekondo. Amosar todas as publicacións

martes, agosto 26, 2014

O novo futuro de Palestina, ... Por Txente Rekondo


Por Txente Rekondo [*]
26.08.2014


Baixo a estratexia de ocupación, permanente violencia e ciclos de treguas e novas agresións, Israel pretende acabar con calquera intento de unidade palestina, á vez que persegue continuar expandindo as colonias e o status quo actual

Hoxe en día, a concatenación de acontecementos e a súa centralidade mediática, en ocasións son utilizados para ocultar ou desviar a atención da opinión pública. Este verán asistimos á derruba dun avión en Ucrania, á nova matanza de Israel en Palestina e posteriormente ao auxe do Estado Islámico e as súas posteriores consecuencias. Unha tras outra esas noticias superpuxéronse, e o protagonista de hoxe cae no esquecemento mediático de mañá.

A nova agresión do estado de Israel contra o pobo palestino protagonizou algunhas semanas nos medios de comunicación. Moitos deles volveron a repetir tópicos e lecturas preconcibidas sobre aquela realidade, pero máis aló da crueldade e o impacto visual da matanza, algúns sinais comezan a despuntar nese complexo escenario, e todo indica que as cousas xa non serán iguais no futuro.

Israel e os seus aliados occidentais e árabes quixéronnos afacer a unha realidade que comeza a esnaquizarse. A última matanza ben podería inscribirse no guión dos últimos anos, onde cada certo tempo os plans de Tel Aviv se materializan a través do sufrimento e a morte da poboación civil palestina.

Os antecedentes da actual situación axudan a situar mellor os pasos dados por Israel. En primeiro lugar, o fracaso das conversacións impulsadas por EEUU e o enfado dalgúns sectores da administración norteamericana coa intransixencia do goberno israelí (o propio Kerry avisou a Israel do avance preocupante da campaña BDS e da imaxe de Israel ligada ao Apartheid).

En segundo lugar o acordo nacional entre Hamas e Fatah, acompañado dun importante recoñecemento internacional e dos pasos palestinos para o seu recoñecemento en Nacións Unidas. E todo iso acompañado dalgunhas críticas desde a UE á política de asentamentos.

A escusa ou o suposto detonante utilizado por Israel, será nesta ocasión a morte de tres rapaces colonos en Hebrón, Cisxordania. Desde o primeiro momento tanto o goberno israelí como os militares coñecían o fatal desenlace do que nun primeiro momento se quixo presentar como un secuestro. Malia iso puxeron en marcha unha campaña mediática masiva acompañada de detencións masivas de militantes de Hamas en Cisxordania.

Ante esas medidas de Tel Aviv, desde Gaza lánzanse algúns foguetes contra Israel (nunca mísiles, como algúns medios sinalaron), e á vez que a montaxe do secuestro está deixando en evidencia as mentiras israelís, o goberno lanza a súa operación contra Gaza, nesta ocasión a escusa será acabar co lanzamento de foguetes da resistencia palestina.

Pouco tempo despois ante a incapacidade de deter, malia a destrución e morte sementada en Gaza, eses lanzamentos, Israel lanza a operación terrestre, nesta ocasión cunha terceira escusa, destruír os túneles da resistencia.

O último ataque contra Gaza foi un novo ciclo de violencia, deixando claro que non hai solución militar. Ademais, sorprendeu aos dirixentes sionistas a capacidade de resistencia palestina, que pode continuar lanzando foguetes e que o seu sistema de túneles non foi destruído. Ademais, nestes días as vítimas israelís foron na súa case totalidade militares, o que preocupa e moito aos estrategas sionistas, bastante descontentos ademais co incremento da presión internacional.

Cada vez queda máis claro que non estamos ante un conflito entre dúas realidades parellas. Os falsos argumentos de Israel en torno ao dilema da súa seguridade e o dereito de autodefensa, non se soportan. Como sinalaba recentemente Chomsky, a ocupación é ilegal, e non estamos ante “un conflito senón ante as consecuencias dunha colonización ilegal”.

Israel está perdendo todas as caretas que mantivo até o de agora. Un estado xurdido como froito da mala conciencia das potencias coloniais occidentais, controlado por unha pequena elite de políticos, militares, relixiosos e industrias de tecnoloxía e armamento, estase mostrando como unha entidade de colonización, ocupación e fanatismo.

O auxe e influencia dos sectores máis reaccionarios ligados ao sector nacional/relixioso (a día de hoxe no goberno, no parlamento, no exército e nos medios de comunicación) está traendo a reafirmación dun estado por e para xudeus, que exclúe ao mesmo tempo a outros cidadáns ou que impide o retorno da poboación palestina expulsada.

A demonización do palestino, o racismo, o maior peso de políticos e dirixentes relixiosos extremistas, o impulso de novos asentamentos está logrando que a intolerancia da sociedade israelí sexa cada vez máis común.

Os arrestos masivos, os asaltos armados, a morte de centenares de palestinos (moitos deles menores), pechar e sitiar cidades e pobos, a destrución de vivendas, os ataques aéreos, a tortura... son unha mostra da política de Israel cara a Palestina, e todo iso, até o de agora con total impunidade.

É a cultura da vinganza, é a utilización do castigo colectivo, algo que está terminantemente prohibido pola lexislación internacional (as responsabilidades individuais por unha acción non poden ser entendidas como colectivas), e que Israel fai caso omiso.

A situación en Palestina mostrou outra realidade estas semanas. A capacidade da resistencia, e sobre todo a unidade de todas as organizacións palestinas nas negociacións de Exipto, anticipan un novo futuro para o devir do pobo palestino. Estes días mandaron unha mensaxe clara, “a ocupación é inaceptábel e ilegal, e o seu mantemento terá un custo económico e político para o ocupante”. A nova estratexia pasa por poñer fin á cooperación de determinados sectores palestinos con Israel e coordinar os novos movementos en tres frontes.

En Gaza hai que romper os muros do maior cárcere ao descuberto do mundo, derrubar os muros de guetto que permitirá que a poboación palestina viva con certa dignidade; en Cisxordania incidirase en poñer fin á colaboración coa ocupación (un mozo palestino afirmaba que “si teño dez balas, unha será para o meu inimigo e as nove restantes para os traidores”); e en Xerusalén as protestas e manifestacións terán que reverter a ocupación e expulsión que Israel leva adiante contra a poboación palestina.

Estas semanas, ademais da resistencia armada en Gaza, asistimos a innumerábeis protestas en Haifa, Nazaret ou Xerusalén, cunha resposta israelí baseada na represión e que leva cara a unha maior radicalización dos territorios ocupados. Sobre o escenario paira o que algúns definiron a antesala da terceira Intifada.

A equiparación co apartheid é cada día máis evidente. Antes de que dese comezo a última agresión militar contra Palestina o secretario de estado de Estados Unidos, John Kerry, afirmara que "Israel corre o perigo de converterse nun estado de apartheid”, e aínda que as posteriores presións fixeron que rectificase, é moi significativo que esas palabras proveñan dun aliado de Israel.

Os que evitan equiparar a situación do pasado de Sudáfrica e a de Israel, non o fan tanto en función de que son dúas realidades diferentes, ou polo menos non son idénticas na súa totalidade. Fano medorentos de que se aplique un guión similar para superar a situación de discriminación da meirande parte da poboación.

O argumento demográfico anteponse ao democrático. Se en Sudáfrica valesen os argumentos do status quo de Israel, o sistema de apartheid non finalizase, xa que a minoría branca estaría indefensa. E ao fío desa comparación, se en Sudáfrica a solución pasaba por un novo estado, pero non dous, por que non habería de valer o mesmo para Palestina e Israel?

O paradigma dos dous estados non se sostén, e mesmo como sinalan moitas analistas “morreu”. Trátase de elixir entre democracia (cos seus defectos) ou discriminación. Israel tamén é consciente diso pero prefire gañar tempo apostando polo actual status quo, e desa forma evitar que as súas violacións dos dereitos humanos e crimes de guerra acaben ante un tribunal internacional.

A ocupación de Cisxordania non é para protexer a Israel, senón para manter e ampliar a infraestructura das colonias. Ao mesmo tempo, o sitio e agresión constante a Gaza non é para evitar os ataques con foguetes senón para castigar colectivamente a poboación. Hai quen sinalou que a salvaxe agresión a Gaza podería ser unha cruel cortina de fume que Israel utilizaría para continuar coa súa colonización ilegal de Cisxordania, á vez que apontoa os alicerces dun futuro Gran Israel.

Este status quo supón a solución menos mala para os actuais intereses de Israel. Esa fotografía móstranos a guettización de Gaza e a ocupación e colonización de Cisxordania, e como sinala un historiador palestino, “os guettos inevitabelmente tenden a loitar contra os que os someten a esa situació ?”. Por iso, os defensores da reacción de Israel como “autodefensa” agochan unha premisa, que o pobo palestino está ocupado, e que Israel está defendendo esa ocupación.

Baixo a estratexia de ocupación, permanente violencia e ciclos de treguas e novas agresións, Israel pretende acabar con calquera intento de unidade palestina, á vez que persegue continuar expandindo as colonias e o status quo actual.

As consecuencias desta última escalada de Israel estanse mostrando cada vez con maior clareza. Aos apoloxistas do status quo defendido por Israel fáiselles cada día máis difícil seguir defendéndoo ante a opinión pública dos seus respectivos países. A histórica impunidade do estado sionista pode ter os días contados (as acusacións de usos de armas ilegais e de crimes de guerra gañan peso por momentos).

A retórica da vitimización do sionismo pode estar tamén tocando ao seu final e cada día faise máis difícil para os dirixentes de Israel manter a ese estado dentro dos estándares internacionais.

Malia discursos-trampa, como eses que pretenden equiparar calquera crítica ou oposición ás salvaxadas de Israel como anti-semitismo (o pobo palestino tamén é semita), cada día son máis as persoas, institucións e estados que están comezando a distinguir entre israelí, sionista ou xudeu. Porque como sinalan moitos xudeus, eles non están representados por Israel, e sobre todo sionismo e xudaísmo son dous termos moi diferentes.

Finalmente, os acontecementos destes días tamén están servindo para derrubar outro mito. Non estamos ante un conflito entre árabes e xudeus, senón ante a ocupación de Palestina por parte do estado de Israel. A actuación de Arabia Saudita, Exipto ou Xordania, verdadeiros aliados do estado sionista, móstrannos os verdadeiros obxectivos e intereses que historicamente moveu a dirixentes dalgúns estados árabes en torno a Palestina. A utilización interesada das demandas palestinas é abandonada cando se enfrontan á xeoestratexia dos citados dirixentes.

As presións sauditas, a proposta envelenada de Exipto, a cooperación de Xordania ou as propostas non publicadas de EEUU (apoio militar e tecnolóxico, para controlar sen ser visto?) mostran claramente a parcialidade deses actores.

Como apuntaba receentemente un xornalista británico, a actual fotografía móstranos “un pobo ocupado, que ante a destrución sistemática do seu país e a negación dos seus dereitos, decidiu utilizar a violencia”.

A clave para entender o conflito reside na ocupación de Israel e a súa opresión cara ao pobo palestino. Non se trata, xa que logo, de foguetes, nin de “escudos humanos” ou túneles. Estamos falando do permanente control que Israel exerce sobre a terra e o pobo palestinos.

Publicado e traducido por Avantar | 26.08.2014


[Artigo tirado do sitio web 'Rebelión', do 23 de agosto de 2018]

[*] Txente Rekondo, Membro do Gabinete Vasco de Análise Internacional (GAIN).

Máis artigos de Txente Rekondo en Avantar.