Amosando publicacións coa etiqueta Violencia Machista. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Violencia Machista. Amosar todas as publicacións

xoves, marzo 26, 2020

As mulleres e a crise provocada polo novo coronavirus (Covid-19) - Son os traballos feminizados os que están en primeira liña fronte a pandemia - Recursos contra a violencia machista nos tempos de crise


A pandemia do novo coronavirus (Covid-19) non é só unha crise sanitaria, senón que tamén social e económica, de consecuencias previsibelmente profundas, onde principalmente son as mulleres as que cargan cos labores de coidados nos fogares, mais tamén, só fai falta fixar-se na imaxes que saen polas pantallas das nosas televisións, para dar-se conta que son os traballos feminizados os que están en primeira liña fronte a pandemia, na sanidade, no comercio de alimentación, nos coidados en dependencia, nas residencias de maiores, nas farmacias, como traballadoras sociais, atendendo as aulas virtuais, ... aceptando correr un maior risco de infección e de perda dos seus medios de vida. Somando-lle a dificultade para acceder á saúde sexual e reprodutiva. Mais desde hai días preocupa en especial a situación de moitas mulleres que conviven cos seus agresores. O aumento da violencia machista dentro dos fogares. E non é un problema menor, senón que as cifras rexistradas na Galiza son dunha contundencia alarmante, es as reais, non rexistradas, totalmente silenciadas polo medo e moitas das veces polas condicións económicas, son tres veces máis. Son situacións que se viven ocultas dentro das casas. Moitas agresións machistas acaban en asasinatos, ate o punto de convertese a violencia contra as mulleres en feminicidio e isto é algo que acada ás sociedades de todos os continentes.

En situacións de confinamento, a experiencia, os estudos e a realidade, di que a violencia contra as mulleres vai aumentar. Vivir confinada cunha parella violenta, pon en perigo a integridade das mulleres, menores e adolescentes. Os poderes públicos deben poñer medios para atallar ese potencial perigo, preocupando-se por esta situación, facilitando o acceso á axuda e a disposición de fogares seguros como posíbeis refuxios.

Son as mulleres as que maioritariamente realizan traballos na economía submerxida para facilitar a supervivencia familiar, sobre todo en unidades de convivencia monoparentais, hoxe en día cuantitativamente moi importantes. Polo que se volve de importancia vital unha Renda Básica hoxe chamada de Corentena, como dereito pleno, moi beneficiosa neste momento para as mulleres en situación de risco, pola violencia da pobreza e a do machismo.

Servizos de apoio ás mulleres reforzados ante a crise

Teléfonos e correo-e de axuda e información á muller vítima de violencia machista:

016
016-online@mscbs.es
❁ O Servizo de atención telefónico da Xunta de Galicia 900 400 273 (24hs) funcionará con normalidade todos os días da semana as 24 horas do día.

Emerxencias:
112

WhatsApp estatal:

682 916 136 e 682 508 507

Web Oficial de Mulleres en Galicia:

http://igualdade.xunta.gal/

A Guía de recursos ante a violencia machista de servizos, programas e contactos, para a atencións de emerxencia, social, psicolóxica, xurídica, económica, laboral,...

Guía de recursos fronte á violencia de xénero en Galicia. | Acceder/Baixar.

A Xunta pon en marcha un plan de reforzo destinado á atención e protección das vítimas de violencia de xénero.

Plan de reforzo da atención das vítimas da violencia machista que garanta a súa seguridade durante o estado de alarma por covid'19. | Acceder/Baixar.

Igualdade lanza unha campaña de información ás vítimas de violencia de xénero durante a crise do Covid-19.

Guía de actuación para mulleres que estean sufrindo violencia de xénero en situación de permanencia domiciliaria derivada do estado de alarma por Covid'19. | Acceder/Baixar.

Web oficial da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero.

http://www.violenciagenero.igualdad.gob.es/
_______

luns, febreiro 10, 2020

Acto en Ferrol: Basta de Femenicidios, o machismo mata ! - Vídeo


O feminismo galego responde con máis de 40 mobilizacións convocadas este luns 10 de febreiro en toda Galiza.

Resposta do Feminismo Galego nas Comarcas

En Ferrol, como en moitos outros concellos da Galiza, tivo lugar unha concentración, na Praza Amada Garcia, en repulsa polo novo asasinato machista, des Clara Expósito Vilanova, en Lugo.

Accións de repulsa convocadas polo conxunto do movemento feminista galego.

Basta de Femenicidios, o machismo mata !

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza



_____________

domingo, febreiro 09, 2020

En Ferrol, en Cabanas e nas Pontes, como en moitos outros concellos da Galiza, van ter lugar concentracións en repulsa por un novo asasinato machista, desta vez cometido en Lugo - Mobilizacións o luns 10 de febreiro


O feminismo galego responde con máis de 40 mobilizacións convocadas para o luns 10 de febreiro en toda Galiza.

Resposta do Feminismo Galego nas Comarcas


En Ferrol , en Cabanas e n'As Pontes, como en moitos outros concellos da Galiza, vai ter lugar unha concentración en repulsa por un novo asasinato machista, desta vez cometido en Lugo.

Accións de repulsa convocadas polo conxunto do movemento feminista galego.

Basta de Femenicidios, o mahismo mata !

Este luns 10 de febreiro.

💜 En Ferrol, na Praza Amada Garcia, diante do edificio da Xunta, ás 20:00hs.

💜 En Cabanas, diante da Casa do Concello, ás 20:00hs.

💜 N'As Pontes, na Praza do Hospital, ás 20:30hs.

"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
9 de fevereiro de 2020 17:53

_________________

Nova Relacionada:

En Praza Pública | A policía detén o mozo da muller acoitelada en Lugo noutro posible caso de violencia machista. | Praza Pública @prazapublica  | domingo 9, febreiro 202. | Ir á Web.
___________________________

luns, xaneiro 27, 2020

Basta de Femenicidios, o mahismo mata: En Ferrol e n'As Pontes, como en moitos outros concellos da Galiza, vai ter lugar unha concentración en repulsa por un novo asasinato machista, desta vez foi n'A Pastoriza

Resposta do Feminismo Galego nas Comarcas

En Ferrol e n'As Pontes, como en moitos outros concellos da Galiza, vai ter lugar unha concentración en repulsa por un novo asasinato machista, desta vez foi n'A Pastoriza. Accións de repulsa convocadas polo conxunto do movemento feminista galego.

Basta de Femenicidios, o mahismo mata !

Este luns 27 de xaneiro.

💜 En Ferrol, na Praza Amada Garcia, diante do edificio da Xunta, ás 20:00hs.

💜 N'As Pontes, na Praza do Hospital, ás 20:30hs.

"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
26 de janeiro de 2020 21:48

_________________

xoves, novembro 21, 2019

Mobilizacións do 25N no 'Día Internacional Contra a Violencia Machista' - Luns 25 de novembro - Se a xustiza é machista, non é xustiza - Erradiquemos o patriarcado da xustiza coa loita feminista



[ 25N ] 📌📢📢Queremos neste 25N colocar o foco sobre a violencia xudicial que reproduce cada día no noso país violencias contra as mulleres e as crianzas.

Nos últimos anos constatamos o incremento da toma de conciencia feminista das mulleres e dos avances formais que o feminismo organizado impulsou e conseguiu trasladar ás institucións en materia de violencia machista. Hoxe temos en marcha algunhas políticas públicas que hai 10 anos eran impensábeis, as campañas institucionais cada día avanzan na mellora da caracterización da violencia, algúns medios visibilizan as violencias con discursos non revictimizadores e as rúas énchense de mobilizacións sinalando a opresión das mulleres e a necesidade de transformar a sociedade para pórlles fin.


Mas todos estes avances resultan insuficientes cando profundizamos neles e analizamos a súa aplicación. Moitos, ademais, están reproducindo violencias contra as mulleres que temos a obriga de visibilizar e denunciar para non ficarmos nun feminismo cómodo que mire ao lonxe as grandes transformacións lexislativas ignorando a súa aplicación e a consecuencias que esta ten para a vida das mulleres.

👉 Compartimos ademáis as convocatorias do feminismo galego a nivel local e nacional que sairá este 25N á rúa en diferentes localidades.

Convocatorias do 25N:


➡️A Coruña, 20h Obelisco.
➡️A Estrada, 20:30h diante do Concello.
➡️As Pontes, 20.30h na Praça do Hospital.
➡️Betanzos, 20h. a carón do Palco da Música.
➡️Celanova, 20h na Praza Maior.
➡️Compostela, 20h Praza 8 de marzo
➡️Ferrolterra, 19h no Cantón de Molíns.
➡️Lugo, 20h diante do Concello.
➡️Marín, 20.30h Praza 8 de Marzo.
➡️Ourense, 20h subdelegación do Goberno.
➡️Pontevedra, 20h na Peregrina.
➡️Ribeira, 20h na Praza do Concello.
➡️Val Miñor, 200h no cruce da Ramallosa.
➡️Verín, 20.30h Praza do Concello.
➡️Vigo, 20h cruce de Vía Norte con Urzaiz.

"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da
Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
20 de novembro de 2019 11:06

__________

xoves, setembro 19, 2019

En Ferrol como noutras cidades e vilas da Galiza ocuparon-se as rúas para manifestar a repulsa polo brutal feminicidio de Valga - Non á violencia machista


En Ferrol como noutras cidades da Galiza, centos de persoas, na súa grande maioría mulleres, saíron á rúa para amosar a súa repulsa polo triplo asasinato machista de Valga, combate contra o feminicidio. Corte de rúa, siluetas pintadas no pavimento, batucada e un minuto de ruído "... polas que están, polas que non están, polas que perigan, rebelión e autodefensa contra a súa violencia...”. O acto rematou coa lectura do comunicado da Marcha Mundial das Mulleres. Nas comarcas do noreste tamén tiveron lugar actos en Cabanas, As Pontes e Cariño.
#QuerémonosVivas #FeminismoOuBarbarie #NenUnhaMenos #MachismoMata #BastaDeViolencia #RespostemosTodas #GalizaEnPéContraOMachismo !

A continuación transcribimos a nova publicada en Avantar.


As mulleres galegas toman as rúas para manifestar a súa repulsa polo brutal feminicidio de Valga. | Celebráronse concentracións e mesmo manifestacións en decenas de cidades e vilas de Galiza.

As mulleres galegas tomaron novamente as rúas e prazas de Galiza nas decenas de concentracións e manifestacións convocadas ao longo e ancho da xeografía do país para manifestar o seu máis enérxico rexeitamento á violencia machista, tras do brutal asasinato, en Valga, de Sandra, María Elena e Alba diante das crianzas de 4 e 7 anos de Sandra. O asasino, José Luis Abet Lafuente, o seu ex-marido, disparoulle ás tres para logo entregarse á Garda Civil. Un episodio de violencia machista que conmocionou á nosa nación.

Ao remate das mobilizacións deuse lectura a un manifesto no que se rexeitou a violencia e se reclamaron medidas reais e efectivas na súa prevención e combate.

Para iso, nas cidades e vilas fíxose un chamamento a construír, desde o local ao nacional, un feminismo forte que procure “avances reais e medidas transformadores e non fique apenas en celebracións rotineiras ou meras medidas simbólicas” e subliñouse que “a axenda non pode tomar descanso no verán e volver co ritmo da pugna polo poder nas institucións ou para servir de apoio a medidas que non se constatan como útiles ou que non se comprometen a revisar o que falla e pór recursos ao servizo desta causa”.

Dúas das asasinadas non serán computadas como vítimas da violencia machista

Denunciouse ademais que dúas das asasinadas neste crime machista, María Elena e Alba, non aparecerán para o Estado como vítimas de violencia machista, pois “pese a que este ten subscrito o convenio de Estambul e colocado a vontade de trasladar o mesmo á lexislación no Pacto de Estado, nada diso foi efectivizado até hoxe. Segue no papel”.

Recoñeceuse que porén, a lexislación na Galiza, si considera estes crimes como crimes machistas, o que nos sitúa en posicións avanzadas “para reclamar dende a nosa acción melloras ao que xa temos cunha axenda propia que tensione as nosas institucións e dote de recursos as ferramentas das que xa dispomos”.

Nas mobilizacións advertiuse ademais de que “o tempo de pedir xestos rematou” e afirmouse que “é momento de conquistar realidades”. Por iso denunciouse que “o tan reclamado Pacto de Estado asignaba este ano ao Concello de Valga 1.766,48€ para a realización de reforzo dos servizos municipais, prevención, sensibilización, atención ás vítimas...”

Unha cantidade que consideraron “de miseria” e que, denunciaron, “amosa a absoluta falta de compromiso dese documento co combate real da violencia machista”. De aí que se rexeitaran as fotos e promesas, as accións cara á galería, os minutos de silencio, as condenas enérxicas e as iluminacións.

Fronte a isto exixiron “medidas contundentes e reais, recursos e orzamentos que garantan que se pode avanzar na formación de todos os axentes que interveñen na educación, a sanidade e a prevención e atención das mulleres que sofren violencia machista. Tres mulleres asasinadas, e a normalidade continúa tras colgar a pancarta ou realizar a declaración institucional de turno, mentres as aulas se baleiran de contidos de xénero e de metodoloxías pedagóxicas transformadoras, mentres a sanidade se recorta e a detección da violencia na mesma se imposibilita, mentres os puntos de encontro familiar se enchen de maltratadores visitan ás crianzas, os xulgados se ateigan de mulleres que deciden non facer efectiva a denuncia, se chegan a facela, as sentenzas deitan unha e outra vez custodias compartidas con agresores, as comisarías se baleiran de efectivos para vixiar as ordes de afastamento, os medios procuran o morbo nos feminicidios, as vítimas seguen cuestionadas, o machismo continúa ocupando o espazo público e se blanquea aos reaccionarios que combaten os avances do feminismo”.

Fartas de que se use o feminismo “para dar cor a acción política”

Xunto a isto denunciaron que se use o feminismo para dar cor á acción política sen que iso redunde en melloras ou avances reais e a “hipocresía” da dereita que recorta leis e orzamentos ao tempo que di sumarse á repulsa da violencia.

Lembraron que “sen recursos non hai combate da violencia. Sen educación en equidade e diversidade non hai combate da violencia” e chamaron a cuestionar “os cimentos mesmos da nosa educación para construírnos como suxeitos nunha sociedade na que a vida, das mulleres e de todas, debe estar no centro”.

O manifesto concluíu coa proclama de que “estamos fartas de que non se ille aos agresores nos nosos contornos máis próximos, onde nace e se perpetúa a violencia. De que se reproduza a educación machista e a discriminación que marca a lume o noso rol social a través das familias” e coa denuncia de que “todas aquelas persoas que negan a violencia machista, ou ben que a xustifican negando que o único motivo dos asasinatos é o patriarcado, é cómplice de cada asasinato”.

De aí que lembraran que “estamos na rúa porque urxe considerar a violencia machista como problema social e político de extrema gravidade, pero para esixir cambios reais. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir como algo cotián os asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Máis de 1000 no estado español”.

Ante isto exixiron “que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, esiximos recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito. Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada”.

Publicado en Avantar.
_______

martes, setembro 17, 2019

Violencia machista, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
17.09.2019


VIOLENCIA MACHISTA

Entrementres eu lía a Antoloxía do conto galego de medo de Silvia Gaspar e nel debullava o ​ Espanto de nenos , ​ ese desacougante conto de Rafael Dieste onde os nenos, a xeito de conciencia da morte, ven nun buraco do teito un ollo alerte e só que os fita mentres xogan, entrementres, en Cordeiro, no concello de Valga dous pequechos de catro e sete anos presenciavan o asasinato da nai, a tía e a avoa a mans de seu proprio pai. Arreguiza o corpo ser humanos e capaces dunha crueldade tamaña como a de ningún outro animal. Porque o estarrecedor non é o gore nen o terror producido por un monstro ou un descoñecido senón mesmamente o terror impensavel, ese que convive ou conviviu na sombra connosco.

Haverá algo máis terribel que a agresividade da realidade hostil na propia familia?.Haverá algo máis estarrecedor que a violencia dentro da propria casa? A primeira hora da mañá e cando se dispuñan a ir cara a escola, o pai, separado, chega e mata a súa muller, a súa cuñada e a súa sogra a tiros. Parece que a súa exmuller non fixera denuncia algunha. Ao pouco e movidas pola alerta feminista, anúncianse concentracións como denuncia e rexeitamento do triplo asasinato machista en moitas cidades e vilas galegas.

Ao pouco xa xurden twitters políticos recriminando o crime e todos son a solidarizarse coa familia das vítimas, incluso aqueles responsabeis das políticas máis patriarcais. Uns claman por recursos e medios, outros falan de machismo criminal como dando a entender que o machismo non lles ocupa nen preocupa até atopar vítimas e aqueloutros aínda falan de aberración. Desafortunada palavra por canto unha aberración é un erro, desvarío ou perturbación. E certamente o asasinato é todo iso pero tamén, no caso de asasinato a mulleres ou aos fillos, hai algo máis a analisar e sobre todo tomar medidas políticas radicais que non se resolven só con máis medios e recursos como reclaman as políticas máis feministas da oposición.

A violencia machista é o normal na sociedade patriarcal como esta na que vivimos. Os machistas manifestan conductas aprendidas baseadas en conceptos e valores que foron e aínda son norma. Por que non desarmamos os banzos desta escalada de violencia machista? Os banzos dos videoxogos sexistas, das telenovelas, series e publicidade degradante para a muller, a pornografíamachista, os livros de texto patriarcais, o sexismo no traballo...todos os banzos desa longa escada que remata no crime que algúns aínda chaman paixonal.

Perante os crimes contra as mulleres non podemos limitarnos a nos concentrar berrando ou en silenzo. Temos que entrar a saco (expresión bélica por demais) a combater todas as violencias cotiás nas que caladamente participamos. Todos os días, na realidade real e na virtual asistimos á degradación da muller en distintos graos e xeitos. Dos macro aos micromachismos. Leo por aí que o 80% dos casos de violencia de xénero ocorren após a separación da parella. Parece que isto nos obriga, cando menos, a revisar esa sacrosanta institución chamada matrimonio. Volve a repuntar na mocidade ​ a cultura do dominio antes de se ter eliminado nas anteriores xeracións criadas nos anos da presunta liberación sexual. As mozas seguen a ser máis sumisas que os mozos, e estes adoitan seguir confundindo a homía cun abano de comportamentos agresivo-chulescos. Moitas mulleres seguen a pensar que ter parella é o estado ideal e o matrimonio a aceptación da renuncia a si mesmas.

Ao tempo, anuncios de voda machistas, aceptados con normalidade e incluso chacota polas mulleres do estilo ​ Ana tiñas unha avería e Javi desatascou a cañería, campan por todos os valados e postes do país. E, como ben aponta o antropólogo e historiador Felipe Senén, son un exemplo da degradación cultural na que vivimos.

Un estudoso destes temas da violencia dime que pode que o aumento dos casos de machismo, alén do focado da prensa para os visibilizar, poden ser causados, paradoxalmente, pola maior igualdade das mulleres así como a conquista de dereitos que, como o divoricio, ate hai pouco non tiñamos. Para un home machista e violento que unha muller poida deixar de ser súa, -pois por unha propriedade a ten- pode ser o detonante de resolver a súa frustración, a súa falla de éxito, co asasinato.

Moitos estaredes preguntándovos por que falo do criminal e non da víctima. Pois porque desde o ponto de vista educativo agresor e víctima forman nos comezos un tándem indisoluvel. E non estou a falar da moral nen das responsabilidades penais. Estou a falar de que temos que mudar a escala de valores desta sociedade que entroniza o abuso en aras do éxito. Esta sociedade onde se educa na cultura do dominio, onde se abusa do poder e onde a lei de tripar ao que se ten por feble campa por todos os recunchos.Choremos a estas tres mulleres e solidarizémonos cos familiares, mais é tempo de ir alén. Reclamemos unha educación sexual e emocional seria nas escolas, non somentes unhas nocións de bioloxía e anticoncepción. Organicemos actividades nos barrios sobre sexualidade e poder, cuestionando a cultura da dominación. Elimimemos os colexios segregados e a educación diferenciada. Cuestionemos os conceptos de pecado e culpa que a cultura xudeocristiana nos inoculou en vea. Non eduquemos ás nenas para ser sempre doces, sensibeis e serviciais e aos nenos para ser sempre rexos, rudos e dominantes.

E sobre todo, esixamos da prensa un código ético non-machista e non-sensacionalista.

Leo "El autor confeso del crimen de Valga tenía antecedentes...habría cometido pequeñas sustracciones de gasoil y chatarra. Regentó varios negocios fallidos..." ou estoutra: "...​ un asesino con antecedentes por robo de gasoil". Queren dicirnos os xornalistas, con esta vergoñenta trivialidade de recheo do xornal, que os ladróns de luva branca, que en vez de gasoil e chatarra sustraen diñeiro de aforradores das preferentes, non serían quen de asasinatos machistas?.

Como dicía Mark Twain, case tan terribel é o suceso como os titulares do día despois.

[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.

Enviado:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
16 de setembro de 2019 22:26

________________