Baixo o lema "Inundemos as rúas contra a barbarie machista", en Ferrol, como noutras cidades e vilas da Galiza e do resto do Estado, o Movimento feminista, realizou un acto en repulsa polos feminicidios e a violencia vicaria, violencia que exercen os maltratadores contra as fillas, fillos ou dependentes, para facer dano ás mulleres. Unha forma de violencia machista moi cruel que pretende matar emocionalmente as mulleres, coa intención de que sufran de por vida.
A recuperación do corpo de Olivia a irmá maior de apenas 6 anos de idade, a mil metros de profundidade no mar de Tenerife, unha das nenas desaparecidas, secuestradas polo seu pai, o pasado 26 de abril, desencadeou unha indignación xeral na sociedade. Pasaron máis de 45 días desde o secuestro de Olivia e Anna, As dúas meniñas foron secuestradas polo propio pai, Tomás Antonio Gimeno, e as esperanzas de atopa-las con vida morreron onte ao rescatar do fondo do océano á pequena Olivia.
O pai das nenas enviou unha mensaxe á nai, Beatriz Zimmerman, horas antes de que desapareceran, dicindo que se ía a un lugar lonxe, onde xamais volvería a ver ás pequenas. No dia en que tiña a responsabilidade de deixar as fillas xunto á nai, o pai de Anna e Olivia decidiu fuxir con elas rumbo a alta mar, onde presuntamente as asasinou e as ancorou no fondo do mar.
No emotivo acto de Ferrol, que tivo lugar este venres 11 de xuño de 2021, ás 10 da noite na Praza de Armas, tomou a palabra Beatriz Sestayo que ademais da traxedia do sucedido en Tenerife, lembrou a Rocío, a última vítima mortal e ás outras 17 mulleres asasinadas, vítimas da violencia machista no conxunto do Estado, no que vai do ano 2021. Rocio unha menor de apenas 17 anos, asasinada polo seu ex-compañeiro de só 23, deixa un pequeno, de 4 meses, o sétimo orfo pola violencia machista no que vai de ano.
Ao final do acto pediu-se a liberdade de Juana Rivas, que esa mesma mañá ingresara nun centro de inserción social de Granada para cumprir dous anos e medio de prisión, despois dun longo proceso xudicial, acompañado de intensas mobilizacións do movemento feminista, desde mediados de 2017, por negar-se a a entregar aos seus fillos ao seu maltratador.
Ao remate do acto no que participaron varios centos de persoas, o que ía ser un minuto de silencio, converteu-se en varios minutos de ruído pola rabia e indignación fronte ao feminicidio, e a violencia machista e vicaria que se exerce contra as mulleres polo feito de se-lo.
_______