Amosando publicacións coa etiqueta Xavier Vence Deza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xavier Vence Deza. Amosar todas as publicacións

martes, xaneiro 25, 2011

Unha folga para gañar o futuro - Un artigo de Xavier Vence

Por Xavier Vence Deza [*]
25.01.2011

Existe algo peor que a crise financeira. O peor é o derrotismo e a resignación. O peor é a sensación de derrota preventiva que os causantes da crise queren instalar no corpo social, para que os que nada real gañaron nos anos de exuberancia financeira acepten resignadamente o seu rol de perdedores eternos. Perdedores non só a curto prazo en forma de sacrificios salariais e impostos indirectos (IVE, tabaco, carburantes, enerxía) senón con “reformas estruturais” que os converten en perdedores por moito tempo (reducción das pensións, elevadísimos xuros de débeda a longo prazo, compromiso de pago de rendas e regalías por décadas aos inversores privados que participan na construcción de hospitais, camiños de ferro, autovías, etcétera). A reforma das pensións e a bancarización das caixas é a volta de torca dun expolio social a beneficio das finanzas, ansiosas por ampliar campos de negocio seguros e redíbeis. Quen o dubide non ten máis que ler o longo e claro informe de Inverco –a patronal das sociedades e fondos de investimento– para corroboralo.

O peor é que con todas as mal disimuladas entregas de dereitos e riqueza social dos últimos tempos estase a entregar tamén a alma da democracia. A obscenidade e a violencia coa que o poder con maiúsculas está impoñendo o seu dereito de pernada está a destruír as bases esenciais da democracia: a autoconfianza dos cidadáns sobre o seu propio poder e a confianza nos seus elixidos. A manumisión obscena dos grandes partidos pola vía do financiamento; a gran corrupción pola vía das “portas xiratorias” entre poder político-gobernos-finanzas; o control directo sobre os medios de creación de opinión e adoutrinamento, etcetera acaban traducíndose na destrucción das bases da democracia. A gran corrupción non é a suma de corruptelas de comisións ou pequenos contratos aqui e alí, a gran corrupción é o uso do BOE e DOG para cambiar leis, reglas, gravames, tarifas, privatizacións, grandes infraestruturas, etcétera a beneficio das grandes finanzas, eléctricas, telefónicas, grandes contratistas, grupos de comunicación...

Cando os cidadáns teñen a convicción de que os políticos están aí para atraizoalos ou chegan ao convencemento de que voten o que voten da igual porque as decisións importantes adóptanse fóra das institucións democráticas, nese momento a democracia perde calquera valor para eles e convértese en pura máscara, pantomima e “xogo da clase política”. Cando iso ocorre de xeito persistente moitos poden ter a tentación de abrir o paso a “gobernos técnicos” e ditaduras de facto. Ben Alí e Hosni Mubarack gañaron as “eleccións” por maioría absoluta, case polo 100%, ¡que máis dá! Claro está que nalgún momento acaba chegando o límite de soportabilidade pero entón a alternativa xa non entra pola vía das urnas senón polas revoltas ou as revolucións.

A submisión case en directo do PSOE ás demandas das altas finanzas está a alimentar a sensación de derrota social e tamén o descrédito da política e a democracia, como reflicten as enquisas do CIS. Pero a ese mesmo descrédito poden estar contribuíndo as cúpulas dos dous grandes sindicatos estatais cando aceptan converterse no seguinte elo da cadea de submisión. Acaban facéndose cómplices da regresiva reforma laboral e das pensións pero tamén da fiscal e do desmantelamento das caixas de aforros. Esa supeditación acaba deslexitimándoos e debilitando cada vez máis a súa capacidade de reacción como se viu no pouco ánimo e convicción que moveu a folga xeral de setembro.

Nese panorama a convocatoria de folga xeral da CIG para o día 27 de xaneiro debe ser saudada non só como unha merecida e necesaria resposta ao recorte das pensións que pretende impoñer o Goberno, a beneficio dos fondos de pensións, senón tamén como expresión da vitalidade e valentía democrática que segue existindo nun amplo segmento da nosa sociedade. O apoio explícito do BNG –e doutras organizacións minoritarias– revaloriza o pluralismo político e sindical que temos en Galiza e permite apreciar a importancia do nacionalismo, coas características concretas que ten no noso país, como baluarte da defensa dos intereses da maioría social e dos propios contidos substantivos dunha democracia digna de tal nome.

Outros artigos en xornal.com

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
____________________________

mércores, novembro 03, 2010

Orzamentos da Xunta para 2011: "Feijóo, concesiones y contratas" - "A I+D nas contas de Feijóo"

Publicamos dous interesantes artigos do Catedrático de Economía Aplicada da UDSC, Xavier Vence. O investigador, escritor e analista político, Xavier Venze, aborda unha pequena análise dos orzamentos 2011 da Xunta de Galicia.

Feijóo, concesiones y contratas

Por Xavier Vence Deza [*]
24.10.2010

Os orzamentos da Xunta para 2011 consagran unha reducción da iniciativa pública dun 10,6%, ao redor de 1.120 millóns de euros menos –sen ter en conta a inflación. O retroceso é xeneralizado pero alcanza proporcións dramáticas nas consellerías que teñen que ver coa economía produtiva: cae un 34% en Economía e Industria; un 21% en Medio Rural; un 18% en Mar e un 33% Medio ambiente, territorio e infraestruturas. Educación, I+D+i e Sanidade experimentan recortes que están entre o 5-7%, que debido ao seu peso absoluto concentran grande parte da merma e, por outra parte, debido ao tipo de gasto que executan verán seriamente afectada a súa dotación de persoal e, polo tanto, na calidade dos servizos que prestan.

A Xunta e os seus múltiples valedores mediáticos dinnos que non cabe outra. Hai que reducir o déficit custe o que custe, aínda que este estea nun razoable 2,7% do PIB. Que hai reduccións de gasto que poderían realizarse sen que o benestar e o dinamismo económico se resentisen é algo que calquera estará disposto a admitir –sobre todo á vista de certas obras e gasto suntuario de dubidosa utilidade social– pero tamén haberá que admitir que as reduccións que se están a practicar en Galiza e no Estado español prodúcense nun contexto de alto paro e atonía da demanda que non aconsellan recortar gasto e, ademais, pola súa contía e tipo de servizos afectados van provocar un retroceso notable tanto no benestar coma na creación de recursos para impulsar actividades de futuro. Ninguén nos vai regalar a ciencia, os coñecementos e os equipamentos para participar nas actividades que xiran arredor do novo paradigma tecnolóxico que está a emerxer ao noso redor.

Nin a máis tépeda venda podería ocultar que o acento na reducción do gasto deriva da negativa dos financeiros e rendistas a falar dos impostos, é dicir, introducir ou simplemente recuperar impostos a aqueles grupos sociais que teñen capacidade de pago real e que nas últimas décadas conseguiron un réxime fiscal absolutamente privilexiado. Tan privilexiado como irresponsábel, por ter orientado a asignación de recursos cara as actividades máis lucrativas no curto prazo e con mellor trato fiscal: as financeiras e especulativas. Por iso é unha irresponsabilidade meter a tesoira en capítulos de gasto sen antes falar en serio dos ingresos e sen antes demostrar que todos ese gastos son prescindíbeis e non van ter efectos irreparábeis de cara ao futuro.

Pero a irresponsabilidade agrávase cando, por non querer gravar máis ás fortunas e negocios financeiro-especulativos, se propón suplir a falta de recursos públicos abríndolle as portas á participación do capital privado (504 millóns de euros), que se asegura por esa vía obras, concesións e rendas durante trinta anos. É unha inmoralidade que os gardiáns do déficit e da débeda pública sexan os mesmos que propoñen un mecanismo que incrementa os custes para a facenda pública e crea unha bola de débeda que todos haberemos de ir pagando ao longo de tres décadas. É difícil entender porque o déficit orzamentario é pecado e a débeda extraorzamentaria é fetén. A razón é clara: é un ilusionismo monetario que crea un fabuloso e seguro negocio para o capital financeiro durante trinta anos. É unha das vías a través da que o capital financeiro está tentando unha fuga cara adiante, derivando cada vez máis claramente nun modelo de “capitalismo rendista” –á moda do Antigo Réxime–, onde os pagadores de renda seremos todos os contribuíntes presentes e futuros.

En definitiva, estes orzamentos traducen en cifras unha política que renuncia a usar as pancas do autogoberno para afrontar a crise e liderar con iniciativa e estratexia un futuro para o país. Parece que Feijóo tomou ao pé da letra aquela vella consigna do liberalismo “laissez faire, laissez passer”. Pero “passa” tanto que a súa (in)acción de goberno produce unha estraña sensación onde se mestura a falta de iniciativa e falta de interese, coma se se tratara dun goberno con autoconciencia de estar de sobra. Mesmo parece entender que o orzamento non está tanto para prestar servizos públicos como para dar negocio á empresa privada. Sobre todo se forma parte do conglomerado no que funden os intereses privados, o poder e a acción política, a patria dos sacrificados apóstolos do partenariado público-privado.

xabier.vence@usc.es

Publicado no Xornal de Galicia


A I+D nas contas de Feijóo

Por Xavier Vence Deza [*]
29.10.2010

Posiblemente a cidadanía non alcance aínda a percibir en toda a súa magnitude o alcance dos efectos que os orzamentos da Xunta para 2011 van ter nas súas vidas e na marcha da nosa economía. Diría máis, vendo o grao de descoñecemento evidenciado por Feijóo no debate parlamentar cabe dubidar que el mesmo sexa moi consciente das consecuencias do que está a presentar. Unhas reducións de máis de 1.120 millóns de euros concentradas nas consellerías máis importantes van ter efectos devastadores sobre servizos públicos esenciais como a sanidade e nalgunhas actividades estratéxicas como a educación ou a investigación, a innovación ou o apoio a sectores produtivos en xeral. Para maior preocupación cómpre advertir que, á vista dalgúns capítulos de ingresos ficticios que aparecen pintados nos orzamentos e que de seguro non se materializarán, cabe agardar reaxustes sobre a marcha que levarán a que a redución real acabe sendo bastante superior ao 10,8% agora anunciado.

Pola súa importancia estratéxica merece a pena pararse no relativo á investigación e a innovación. Nesta materia as reducións alcanzan o 20%, baixando desde uns 154 millóns de euros en 2010 a 112 millóns para o ano vindeiro. É unha queda que se acumula aos recortes xa introducidos no presente ano e á non execución dunha parte dos programas de recursos humanos. Acentúanse, pois, os recortes nos programas de bolsas e contratos para persoal investigador e consolídase a supresión das convocatorias de persoal de apoio, mantendo tan só as renovacións obrigadas por compromisos anteriores. Con toda razón empezan a manifestar o seu desacougo todas esas categorías de xoves investigadores que non só son “precarios” hoxe senón que o seu futuro inmediato está seriamente ameazado e, polo tanto, a súa carreira como investigadores ou como técnicos truncada. Terán difícil explicarlles a situación a todos eses mozos e mozas que tomaron a serio o discurso oficial de que o futuro está na economía baseada no coñecemento.

Nestes dous anos volveuse aceleradamente á situación anterior á chegada do bipartito. Na lexislatura 2005-2009, o esforzo público en I+D pasara de representar o 0,94% do orzamento autonómico a un 1,4% e incluíndo o apoio á innovación acadara o 1,6%. Non colmaba os obxectivos pero foi un salto notable. Agora volta a un 1,2%. Isto significa que cae en maior proporción que o orzamento total, evidenciando unha menor prioridade para o actual goberno.

Esta opción ralentizadora pode constituír unha ameaza para a consolidación dos avances realizados e aboca ao sistema galego de innovación a unha seria crise. Con todo, esta crise non se limita ao volume de recursos senón tamén á alteración das prioridades e á continuidade dos instrumentos utilizados, en particular os relativos a estruturación e coordinación dos elementos do sistema de innovación.

Para comezar, desmantelouse a estrutura de xestión do Plan de I+D+i, despedindo aos mellores profesionais que tiñan experiencia acumulada; para seguir, continuamos á espera do novo Plan de I+D+i que ha remprazar o actual, cuxa vixencia remata. Iso si sabemos que para a súa redacción foi contratada recentemente unha asistencia técnica a unha consultora sen experiencia que acaba subcontratando o labor a unha equipa catalá. Con eses vimbios e con ese coñecemento das capacidades do noso sistema de I+D só cabe encomendarse ao noso apóstolo milagreiro para que aforre tales irresponsabilidades, pagadas do noso peto.

Todo ese desleixo esta levando, por exemplo, a un baixísimo aproveitamento e participación no Fondo Tecnolóxico aprobado pola UE para as rexións españolas de converxencia (300 millóns) que ven xestionando o CDTI: desde o seu inicio até abril de 2010 apenas foron financiados 52 proxectos empresariais de I+D, cunha aportación de 35,5 millóns de euros por parte do Fondo.

En fin, parece que o goberno Feijóo non está especialmente inspirado na forma de abordar a crise actual; tampouco parece que os seus desvelos estean centrados en identificar os retos que nos plantexa e o tipo de políticas públicas estratéxicas acaídas para superalos.

Como amosa a experiencia pasada e a comparación con outros países, o futuro non está na degradación das condicións de vida e de traballo para que as empresas máis ineficientes recuperen unha competitividade efémera. As bases dunha economía realmente innovadora non se sentan racaneando recursos para a educación e a investigación, imprescindíbeis para poder contar con recursos altamente cualificados, dos que non estamos sobrados. O que algúns gobernantes parecen non entender é que tanto na ciencia como na innovación non se producen saltos dun ano para outro. Os cambios son evolutivos e acumulativos; máis aínda, para consolidalos requírese certa perseveranza nos obxectivos e continuidade nos instrumentos. Porén, nos dous últimos exercicios rompeuse unha senda de avance e os orzamentos para o ano que vén non permiten albiscar unha reconsideración desa liña senón máis ben a confirmación dunha brusca freada.

Como son optimista quero pensar que a maioría desta sociedade xa non se conforma coa política de Q+D (que máis da).


Outros artigos en xornal.com

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
____________________________

luns, maio 10, 2010

Hai alternativa?


Por Xavier Vence Deza
09.05.2010

Quen dixera que estamos saíndo da crise? Vendo as bolsas mundiais en caída libre –non só a española senón de todas as demais– e vendo mesmo a ameaza de creba da débeda soberana dalgún país da zona euro, non cabe moita dúbida de que seguimos instalados nunha profunda crise. Non se trata dunha nova crise; trátase dunha nova ronda da que estourou hai xa tres anos, que segue desbocada. E iso é o máis serio e preocupante porque significa que todos os sacrificios endosados ao sector público e á poboación até agora non serviron para atallala. A algúns non nos pilla de sorpresa porque xa dixemos desde o primeiro momento que non se diagnosticara correctamente e, en consecuencia, non se adoptaron as medidas para corrixir a raíz do problema. Non era só un problema sectorial ou de malas prácticas no sector financeiro de xeito que un esforzo temporal do sector público puidese bastar para soster a actividade económica até que se corrixisen os desaxuste e todo volse ao rego dos negocios coma decote. Non, o problema era inicialmente de débeda e de débeda segue a ser neste momento. A única diferenza –non pequena– é que a burbulla de débeda inicial foi creada polo sector financeiro e estaba nos seus balances e agora, despois de todos os programas de rescate dos gobernos e, sobre todo, dos bancos centrais, a débeda está ao lombo do sector público e da sociedade no seu conxunto; pero segue a estar aí e mesmo agravada polos efectos da caída dos ingresos públicos provocados pola profunda recesión que deixou tras de si o estourido da burbulla.

Polo tanto, a débeda era e segue a ser o problema. Por iso a solución non era endosarlla ao sector público e deixar que o sistema financeiro unha vez saneado seguise funcionando do mesmo xeito; do único xeito que sabe cando funciona con total libertade que é movendo anotacións e especulando. Tampouco era solución baixar impostos como propugna a dereita porque, nun contexto de crise, só podía significar un aumento do déficit público e da débeda pública –e máis aínda despois de sufragar o rescate da débeda da banca. O certo é que ese despropósito foi feito polo goberno central, en consonancia co PP, cando suprimiu o imposto de patrimonio, reduciu o de transmisións e doazóns e o de sociedades en plena crise; ou cando se permite a alegría dos regalos fiscais dos 400 euros lineais. Pero a solución tampouco podía ser disparar o gasto público despreocupándose da queda radical dos ingresos e recorrendo con alegría ao endebedamento público como se iso non tivera límites. Esta última posición defendida polos neokeynesianos americanos –como Krugman e outros– só ten consistencia para o caso deles, para os Estados Unidos. Efectivamente, o seu poder político e financeiro e o monopolio de fabricar dólares, dálles a capacidade para acabar endosando ao resto do mundo grande parte da súa débeda e, por iso, poden tomala como un problema dixeríbel; pero ese é o seu privilexio, que ningún outro país do mundo temos. Polo tanto, non é ser ortodoxo, senón simplemente realista asumir, que nin España nin ningún outro país europeo pode lanzarse a grandes programas de gasto sen pensar ao mesmo tempo de onde saca os recursos. Agora ben, iso non significa que non poida aumentar o gasto senón que ten que poñer en marcha os mecanismos que lle permitan recadar máis. E aquí é onde está o nó da cuestión neste momento.

Así pois, é posible aumentar o gasto e reducir a débeda? Si, aumentando os impostos. A quen? Non poden aumentarse impostos que afonden a recesión, polo tanto non é o momento de gravar máis o consumo. O aumento do IVE resultará contraproducente desde o punto de vista da demanda e regresivo sobre a redistribución da renda.

Cales poderían ser os impostos que non gravasen o consumo? Témolo dito moitas veces: a) Imposto do Patrimonio e Grandes Fortunas, que non sexa meramente simbólico, senón que permita devolver á sociedade parte das vizosas fortunas acumuladas durante as burbullas especulativas; b) Imposto extra sobre os beneficios de banca, que seguen a ser importantes; c) Suprimir o réxime especial que bonifica nun 99% os beneficios das Sicav e outras sociedades de investimento puramente financeiro; d) Imposto ás transaccións monetarias e financeiras internacionais de curto prazo (especulativas), a famosa taxa Tobin que moitos gobernos e o FMI están a considerar agora pero... parece que non lle resulta simpática aos fondos e á gran banca internacional; e) Elevación do Imposto sobre as rendas do capital e do aforro, sería razonable unha taxa semellante á das rendas do traballo, ou non? ; f) Tipo marxinal do 60% para os bonus e os salarios dos altos executivos superiores a 200.000 euros anuais; g) E para rematala non estaría mal que nuns mercados movidos pola fibra óptica e internet fosemos quen de controlar a evasión fiscal e eliminar os paraísos fiscais. Cal sería a magnitude de ingresos fiscais recadábeis por todas esas vías sen que a capacidade de compra do 99% da poboación se resentise? Outro día podemos facer os números, pero non se asuste se lle digo que poderiamos axustar bastante rápido as contas públicas. Xa sei que un pequeno grupo de economistas podería facer os cálculos pero nin todos os economistas xuntos poderían convencer a ese 1% de que merecería a pena un sacrificio para salvar o sistema. Non sei se os gregos, que xa inventaran o famoso cabalo de Troia, serán quen de asaltar a muralla, pero o certo é que as boas razóns non parecen abrandar as conciencias dese 1%. Certo tamén que as murallas de hoxe son moito máis sibilinas e insidiosas que as dos tempos de Homero porque están construídas cos tixolos invisíbeis que codifican a información e amoblan os cerebros.

Pero non todo vai ser aumentar os impostos, tamén se pode reducir o gasto público. Pois claro que si. Pero non podemos deixar envolvernos por palabras lindas como austeridade, que todos apreciamos e nos gustaría ver en todos os gobernos e institucións, aumentando a eficiencia e mellorando a calidade dos servizos. Gustaríanos que a austeridade comezase por erradicar as comisións nos contratos coas empresas amigas, eliminar o despilfarro que representan as marxes e beneficios das empresas concesionarias de servizos públicos privatizados, erradicar as rendas de monopolio derivadas das concesións graciosas para a explotación das grandes infraestuturas –con prórrogas de automáticas do período de vixencia mesmo unha vez amortecidas... O que non podemos aceptar é que as verbas se revirichen até o punto que a austeridade se traduza por reducción dos comedores escolares, das axudas aos dependentes, do persoal nos centros de saúde, do número de profesores ou do número de investigadores. En definitiva, non podemos admitir a fraude intelectual e moral de que alguén circule a idea de que detrás da austeridade está a eficiencia cando realmente está o recorte dos servizos públicos.

Pero, se non existise a muralla da comunicación, si poderiamos suxerir capítulos de que axudarían a reducir o gasto público de xeito notable, ao tempo que podían contribuír a outras nobles causas. Non é demagóxico recordar neste momento que o gasto militar español absorbe o 1,8% do PIB e preto do 5% do gasto público total, que o noso acompañamento á guerra imperial en Afganistán absorbe –o recoñecido– uns 500 millóns de euros por ano. Tampouco son baladí os 170 millóns de euros que van vía IRPF á Igrexa Católica que xuntoa coas demais axudas, bonificacións e subvencións se valoran nuns 5.000 millóns de euros. Por suposto, as Administracións Públicas poderían aforrar moitísimo en publicidade e axudas para aloumiñar a prensa. E diante da imperiosa necesidade de aforrar, cabe preguntarse por que malgastamos os 99.000 millóns de euros habilitados para un FROB que ten esencialmente a vontade política de forzar a remuda e bancarización do sistema de caixas e non o deixamos reducido ao mínimo necesario para afrontar aquelas situacións que realmente precisen de rescate. Tamén é certo que podemos aproveitar para facer unha racionalización dunha administración central e periférica do estado que resulta hoxe disfuncional e redundante co estado das autonomías.

En fin, claro que se pode falar de reducción do gasto público pero o que non é admisible nunha sociedade que se di plural e democrática é que os únicos argumentos que están sobre a mesa do medios de adoutrinamento sexan os da dereita. Que calidade de democracia padecemos que opaca e invisibiliza as propostas alternativas de forzas que representan a unha porción moi significativa da sociedade? Que mesmo o goberno central, dito socialdemócrata, non sexa quen de facer un catálogo de medidas fronte á crise que se saian do guión neoliberal tanto polo lado do gasto coma do ingreso resulta descorazonador. E igualmente o feito de non ser quen de verbalizar algunha medida para meter en cintura o sistema financeiro, que non sexa esborrallar xustamente a parte máis social deste.

Non creo que sexa alarmismo afirmar que estamos nun deses momentos en que ou o sistema democrático se vigoriza para ter a flexibilidade suficiente e incorporar novas propostas –aínda que sexan algo heterodoxas– ou corre o risco de enrocarse na defensa numantina dun modelo que representa os intereses dunha pequena minoría económico-financeira pero que é inviábel, como os feitos teimudos nos fan ver máis unha vez. Ou a sociedade democrática regula e domestica o sistema financeiro e os chamados mercados ou o caos –primeiro financeiro e logo social– apoderarase destas sociedades que se crían moi maduras e sólidas. Pero para iso cómpre dar voz e escoitar as alternativas de verdade, porque non é que non as haxa. Hainas e, desde logo, a alternativa ás políticas neoliberais non é máis neoliberalismo senón outra cousa.

xabier.vence@usc.es

Publicado en Xornal de Galicia

Outros artigos en xornal.com

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
____________________________