A Comisión Galega de Porteción Civil, ven de aprobar un Proxecto de Plano de Emerxencias Exterior de REGANOSA, polo que comeza unha nova loita, dado que o Plano vai ser elevado á Comisión Estatal de Proteción Civil, así como terá que pasar un trámite de aprobación polo Concello de Mugardos, e máis tarde terá que ser aprobado para a súa homologación definitiva polo Consello Xeral da Xunta de Galicia.
Pola importancia da noticia transcribimos o publicado no xornal comarcal Diario de Ferrol, no día de hoxe. Así como facilitamos o enlace coa noticia que emite a propia Xunta de Galicia a través do seu Gabinete de Prensa:
Méndez Romeu anuncia que o Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa en Mugardos podería estar aprobado este mes de xullo
__
Diario de Ferrol
3 de Xullo de 2007
O plan para Reganosa inclúe 40 tipos posibles de accidentes
A Comisión Galega de Protección Civil aprobou onte un plan de emerxencia homologado para Reganosa, un proceso que podería estar definitivamente concluído no mes de xullo, segundo a Xunta. O documento inclúe 40 tipos de accidente e establece medidas de protección para um perímetro de 400 metros ao redor da planta.
O documento foi aprobado por unanimidade pola comisión, requisito previo para que a factoría, acutalmente en fase de probas, poida entrar en operatividade comercial. No entanto, o plan aínda está pendente de homologación por parte da Comisión Nacional de Protección Civil e do visto e prace definitivo do Consello da Xunta.
Segundo explicou a Xunta a través dun comunicado de prensa, o conselleiro de Presidencia, José Luís Méndez Romeu, confiou en que a tramitación conclúa antes do descanso estival, é dicir, en xullo, para garantir canto antes que Reganosa "funciona como calquera factoría industrial: baixo estritas medidas de control nos aspectos que deben ser previstos e con todas as garantías para a poboación circundante".
Neste sentido, o plan abarca as operacións de descarga, tratamento e distribución dos diferentes tipos de gas que se van a producir na planta situada en Mugardos, e segundo o conselleiro, "non houbo ningunha dificultade" para a súa aprobación, posto que foi elaborado por especialistas e supervisado por un equipo técnico que emitiu unha certificación.
Desta forma, Méndez Romeu mantivo que, desde o punto de vista legal, séguese "escrupulosamente" a planificación necesaria para que cando a factoría abra as portas para a explotación comercial "conte con todos os permisos necesarios e os documentos que garantan que funciona como calquera factoría industrial".
"A Administración local será a encargada de exercer un control permanente" sobre a planta de Mugardos, comentou Méndez Romeu á saída da reunión da Comisión Galega de Protección Civil.
Diálogo > No entanto, admitiu que "paralelamente", a implantación da empresa sofre "un proceso de contestación" entre sectores da comarca de Ferrol cos que se abriu un "proceso de diálogo para disipar incertezas e tranquilizar posibles temores non suficientemente fundamentados", sinalou asegurando que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos iniciou contactos coa Confradía de Mariscadores de Ferrol, un dos colectivos que maior oposición mostrou á planta de gas.
O obxectivo destas conversacións, nas que tamén, dixo, abórdase a "posible afectación" a intereses marisqueiros, pasa por garantir que, no momento no que se inicie a explotacíon comercial dunha industria "estratéxica para o futuro desenvolvemento industrial de Galicia, exista un grao de consenso e aceptación social suficiente".
A este respecto, explicou que "os radios de protección non son de exclusión", no sentido de que, ao considerar que as afectacións pódense producir neses 400 metros, o plan prevé "respostas concretas ante cada tipo de accidentes cos medios necesarios para garantir en todo momento a seguridade", concluíu.
Enlace coa noticia orixinal no Diario de Ferrol
_____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon