TEXTO ÍNTEGRO DO COMUNICADO LIDO NA PRAZA DA QUINTANA AO REMATE DA MANIFESTACIÓN DE GALIZA NON SE VENDE O 15/02/09
Compañeiras e compañeiros:
Volvemos hoxe aquí, un ano despois da última cita, porque sobran os motivos.
As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE expresamos a nosa máis enérxica protesta ante o panorama que deixa este goberno disfrazado de progresista coas súas políticas ambientais e sociais que están destruíndo os recursos naturais de Galiza, a súa biodiversidade e o seu patrimonio humano e cultural. Políticas ambientais e sociais que significan a continuación das de gobernos anteriores no triste camiño de entregar o país ás grandes empresas multinacionais e ós grandes intereses económicos, utilizando o gasto público para alimentar este obsoleto e inxusto modelo económico e social.
Políticas que, xordas e cegas diante das fondas crises económica, enerxética e ambiental que vivimos, pretenden seguir, como se nada pasara, na senda imposible do "crecemento económico continuado e ilimitado". Na trastornada senda de destruír máis, para producir máis, para consumir máis.
A lista dos obxectivos e puntos de denuncia é, por desgraza, longa e variada. Céntranse no corazón magoado da nosa realidade natural e social:
- Denunciamos o esquecemento interesado das persoas máis necesitadas economicamente, por falta de políticas verdadeiramente sociais.
- Denunciamos o proceso de marbellización do noso litoral. Especulación, recheos agresivos e paseos de formigón. Niveis de contaminación das nosas rías que as fan incompatíbeis coa pesca e o marisqueo. Un Plano de Portos Deportivos que pretende multiplicar por catro os que xa existen, enmascarando urbanizacións e apropiación privada do litoral, buscando tan só un bo negocio a conta da nosa costa.
- Denunciamos un Plano Acuícola devastador das zonas mellor conservadas do litoral para proveito das empresas transnacionais. Un plano acuícola que ameaza Corrubedo, Quilmas, Corcubión, Merexo, Camelle, Arou, Seráns, Oia, e até 20 lugares máis.
- Denunciamos un Plano Eólico caótico que non ten en conta áreas de alto valor ecolóxico, arqueolóxico, nin as zonas protexidas, que agasalla cos nosos montes ás compañias privadas de electricidade: Serra da Groba, Serra do Xistral, Serra de Careón, Serra do Suído e tantos outros lugares que nos queren encher de tarabelas
- Denunciamos un Plano da Minaría, que é un triste modelo de espoliación do territorio, zonas de grande riqueza natural roídas pola cobiza: A Serra do Courel, a Terra Cha e moitas outras comarcas da Galiza.
Defendemos a pesca artesanal, totalmente desamparada no camiño programado cara a súa extinción.
Denunciamos a continuidade do modelo de concentracións parcelarias destrutoras de áreas de valor ambiental, agrícola e paisaxístico, que afondan nun modelo de agricultura industrial e insostible.
Esiximos medidas que eviten o progresivo abandono do rural e do agro, que nos fai ser dependentes, tendo que importar os productos máis básicos e, pola contra, fomenta a introdución dos perigosos transxénicos e dos cultivos enerxéticos.
Os nosos ríos están completamente contaminados e a degradación e sobre-explotación hidroeléctrica está matando a súa biodiversidade. Os vertidos aos ríos Umia, Tambre, Sar, Gallo, Alvedosa, Lagares, Lengüelle ou o desastre do Xallas, son só algúns exemplos
Os nosos montes están sufrindo un proceso de eucaliptización total, acabando coa biodiversidade autóctona, para beneficio exclusivo das celulosas. Un proceso estreitamente ligado aos incendios forestais que xera maior vulnerabilidade perante temporais como os que acabamos de padecer.
Industrias nocivas e perigosas espállanse por todo o país, como Reganosa, Ence, ou o proxecto de Parque de Residuos no Ribeiro...
Denunciamos os lagos artificiais d´As Pontes e Meirama polo perigoso impacto ambiental e social e denunciamos o posible traslado de Ence á localidade d´As Pontes.
Sufrimos un sistema de transportes que fomenta o uso do vehículo privado, significa a continua construción de carísimas autovías e supón un forte e irreversible impacto no territorio. Un sistema que nunca resolve definitivamente o problema da saturación do tráfico senón que o acrecenta. O Plano de Estradas de Galicia ou o Vigo Íntegra son bos exemplos de malgasto do diñeiro público na perpetuación dun sistema obsoleto e ineficaz, que leva aparellado o abandono do transporte público, terrestre, marítimo e ferroviario.
O golpe de gracia á nosa pobre rede de ferrocarril ven agora da man do AVE, que vai significar o peche de ducias de estacións e o desmantelamento do precario sistema de trens de proximidade, en aras dun negocio destrutor do territorio, elitista e enerxeticamente insustentábel.
A legalidade urbanística, ambiental e de patrimonio son sistemática e impunemente vulneradas coa complicidade das distintas administracións, cando non pola súa propia actuación e iniciativa. Os cascos vellos das vilas e cidades, o noso patrimonio histórico, arqueolóxico e natural son presa da destrución máis feroz, incluso os espazos que supostamente están protexidos.
Proliferación de parques industriais desproporcionados e sen planificación; directrices de ordenación do territorio simplistas e de óptica meramente urbana; proxectos de áreas metropolitanas impactantes e centralizadoras, como as de Coruña-Ferrol ou Vigo-Pontevedra; urbanismo masificador e salvaxe, campos de golf, depuradoras inoperantes, tratamento de residuos ineficaz e tantas cousas máis...
As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE expresamos as nosas ganas de vivir e de recuperar e potenciar os espazos e coñecementos que nos serviron durante séculos, para que nós e as persoas que veñan despois teñamos un futuro garantido.
"Nós sabemos que a Terra non nos pertence, senón que somos nós os que lle pertencemos á Terra". (1)
Por iso non a podemos vender.
Pertencemos a unha terra antiga, montuosa e delicada, humanizada de xeito sustentable ao longo de séculos. Unha terra onde case cada lugar tivo e ten utilidade material e significado vital e que leva asociado, polo tanto, un importante patrimonio cultural, histórico, arqueolóxico e etnográfico. E un importante patrimonio inmaterial que está inserido na conciencia colectiva do País.
"Nós sabemos que o ser humano non creou o tecido da vida, senón que é tan só un fío del. E aquilo que fagamos a ese tecido farémonolo tamén a nós".(1)
As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE temos moi claro que non imos quedar indiferentes ante falsos discursos de cidadanías e democracias cando se nos criminaliza por ser cidadás e cidadáns e expresar o que pensamos. Non imos quedar indiferentes ante discursos que baleiran de contido as palabras, e agochan detrás actuacións cheas de parcialidade.
“Como se pode comprar o azul do ceo ou a calor da terra? Quen pode vender o vento, as ondas do mar ou a luz do mencer? O ser humano non pode posuír a terra, como tampouco pode ser amo do ceo, do frescor do aire ou do brillo da auga. Nós somos unha parte da Terra, e ela é unha parte de nós".(1)
Por iso estamos aquí, para amosar que aínda mantemos intacta a nosa dignidade de pobo que non quere morrer. Para defender a paisaxe, a natureza, a Terra, a nosa identidade e a nosa forma de vida. Para reclamar o noso dereito a unha terra viva e a unha vida digna.
Para berrar unha vez máis, con voz unánime, forte e clara:
GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE
Compostela, 15 de febreiro de 2009
__________________________
(1) “Nosaltres som una part de la terra" Mensaxe do Gran Xefe Seattle ao presidente dos Estados Unidos de América no ano 1855. J.J. Olañeta, editor. Palma de Mallorca 2002.
_________________________
Enlaces de interese relacionados:
- A axencia Europa Press da máis de 3.000 persoas na Manifestación da rede "Galiza Non Se Vende": Máis de 3.000 persoas maniféstanse con 'Galiza non se vénde' para reclamar "dereito a terra viva e vida digna"
- A información en "Vieiros": 'Galiza non se vende' sae á rúa para exixir políticas máis respectuosas co territorio
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon