mércores, febreiro 18, 2009

Por que furar Ferrol ?


A propósito dos estacionamentos subterráneos e a calidade de vida


Un pouco de historia.

A Praza do Concello, oficialmente Praza de Armas [que outros xa a re-nomearon como "Praza da Paz" durante os 13 días de Folga de Fame do noso compañeiro Xosé Álvarez Crucio], segundo técnicos municipais necesitaba unha remodelación, xa que había informes municipais que alertaban do seu progresivo deterioro.

Cando gobernaba o bipartito conservador [PP e IF], procedeuse á convocatoria dun concurso público para a presentación de ofertas de reforma, a cambio da concesión de máis espazo de negocio, en sentido vertical claro.

O concurso, foi anulado nun pleno municipal [a pesar de que IF -Pita Romero- teimaba en que fora aprobado - o porqué saben-no eles - "negocios" ?], parece ser que debido a que o prego de condicións establecido, non cumpría o Plano Urbanístico Municipal de Rehabilitación para o bairro da Magdalena, o que provocou que a empresa implicada -única licitante-, Ferrolxest [unha das de Isidro Silveira], presentase unha demanda contencioso-administrativa contra o Concello ferrolán. O xulgado, finalmente, deu a razón ao Concello, nunha sentenza coñecida en Outubro de 2007.

A situación era óptima para retomar o asunto da Praza, obrigar a Isidro Silveira a cumprir coas súas responsabilidades como empresa concesionaria e senón fora así, revocar a concesión do estacionamento e locais comerciais [algún deles fechado desde hai anos], rescatando a mesma -se fora posíbel expropiando -alegando interese público- como así o é, para unha posterior reforma e rehabilitación da Praza e estacionamento, conforme ao citado Plano Urbanístico. E porque non, posteriormente ofertar a concesión ou aluguer de prazas individuais a residentes do barrio.


Ao asunto, con argumentos

Os nosos responsábeis municipais pretenden demostrarnos que os estacionamentos subterráneos están feitos para facilitar a vida urbana e mellorar a súa calidade de vida. Alega-se que hai que devolver ao "peón" o espazo que até agora ocupaban os coches. Todo un tópico que non se corresponde coa realidade. A realidade é todo o contrario, o que se pretende e facer-lle máis espazo, dentro da cidade, ao vehículo particular motorizado privado, pois xa non collen nas rúas. Na vez de limitar paulatinamente a entrada destes vehículos no centro da cidade.


A construción dos estacionamentos subterráneos no centro das cidades

A simple vista, os estacionamentos subterráneos permiten deixar os coches baixo terra, desculpas polo "lapsus", quixemos dicir baixo cemento, na cidade, facéndo-os desaparecer das rúas e gañar espazo para a xente da pé. Mais, deixando para despois o máis significativo da súa perversidade, os efectos perniciosos da súa construción están á vista para o medio ambiente urbano. De entrada, como é un negocio, o aproveitamento ao máximo do espazo converte-se en premisa fundamental, arrasando con todo o verde e o pouco arborado existenten nas cidades. Para, logo, re-urbanizar a maior parte das prazas e rúas, para de seguido ocupa-las polo asfalto e cemento, por regla xeral sen árbores ou no mellor dos casos xardineiras diseminadas pola superficie. Perante a súa construción, ruídos e molestias ao comercio e á cidadanía da súa contorna. Maquinaria pesada, grúas, innumerábeis camións formigoneiras, ... Utilización de cantidades enormes de cemento.


O Caso da Praza do Concello de Ferrol

No caso do da Praza do Concello, imaxinemos tres andares e remodelación da Praza. O máximo lucro do negocio, como antes mencionabamos, leva ás empresas concesionarias a ocupar a práctica totalidade da praza e rúas que a ladean, instalando nas beirarrúas, ramplas de acceso e outras de saída, casetas para escaleiras e ascensores na superficie, ... E agora imaxinemos un grande furado diante da casa do Concello, con obras de duración superior ao ano e medio ou dous anos. Di-se que tamén se quere beneficiar ao comercio do Centro, máis se lle vai castigar sen 100 estacionamentos, mentres duren as obras. Xa non falemos do colapso do tránsito motorizado e das xa mencionadas molestias e ruídos. Dentro da súa lóxica, non parece lóxico. Os negocios máis débiles resentiran-se e até pode que cheguen a un deterioro económico irreparábel.

Máis a nosa oposición, non é só polo dano ao medio ambiente urbano, nunha zona sensíbel como é o bairro histórico da Magdalena. Outro motivo é continuar coa privatización dun servizo público municipal. Gastar no seu rescate case dous millón e medio de euros, para voltar a privatizar, parece un despilfarro económico, cando só faltaban uns poucos anos [din que 10 anos] para o fin da concesión.


Animando a utilizar o vehículo motorizado particular privado

Doutra banda, a desaparición dos coches estacionados baixo a superficie, non supón, por iso, un menor tránsito motorizado pola cidade, senón máis ben o contrario, unha maior circulación de vehículos que, animados pola existencia de lugares para aparcar, non terán tantos reparos para adentrarse no casco histórico da Magdalena no centro da cidade. Polo que, en lugar de desanimar aos motorizados para que non collan o coche ou non entren con el na cidade, ante as dificultades para poder estacionar no centro e, deste xeito, favorecer o uso doutras formas máis ecolóxicas de desprazarse [a pé, en bicicleta ou collendo o transporte público], anímaselles a utilizar o vehículo motorizado. Circulación motorizada que se agrava e que vai continuar agravando-se na medida que a cidade se expande innecesariamente pola actual zona rural a través de numerosos plans parciais, como polo de agora permite o actual e de urxente reforma PXOM [para exemplo o Plano Sectorial de Menáncaro que se non chega a ser pola loita firme e consecuente da Comunidade Menáncao e os colectivos ecoloxistas, hoxe teríamos unha urbanización de luxo no lugar, coa conseguinte desaparición do valioso espazo natural] e mentres o centro urbano de Ferrol baléira-se e as distancias desde o lugar de residencia ao do traballo, administracións ou zona comercial, aumentan.

Deste xeito, atopamo-nos ante a degradación das condicións de vida da cidade, onde cada día máis xente vai ao centro de Ferrol, para facer algún tipo de xestión, comprar ou a locais culturais ou de ocio, para o que se utiliza o coche particular que necesita, á súa vez, unha praza de estacionamento, o que provoca, unha maior contaminación acústica e atmosférica das rúas, pola afluencia continuada de vehículos motorizados.

A nós, non nos cabe a menor dúbida de que a construción de estacionamentos subterráneos no centro da cidade, vai na dirección de potenciar o uso do vehículo particular motorizado privado, non na súa redución no centro de Ferrol.


Saúde

Estamos a falar dunha cidade pequena, onde as distancias son curtas, todo queda perto, ao lado, a poucos minutos. Ampliar o estacionamento da Praza do Concello vai contra toda lóxica e sobre todo contra un futuro saudábel. Hoxe en día, cando a OMS [Organización Mundial da Saúde] chama a cambiar os hábitos pouco saudábeis de vida, establecendo a "Estratexia Mundial sobre Réxime Alimentario, Actividade Física e Saúde", concretado na Galiza no "Programa Pasea" que pretende abordar en conxunto unha estratexia de concienciación e mobilización comunitaria fronte ao problema de saúde colectivo, promovendo hábitos saudábeis que condicionen un cambio global no estilo de vida. Demos 10.000 pasos ao día e o corpo no lo agradecerá.

Colectivo Ártabra 21
_________________

Enlace relacionado:

Colectivo Ártabra 21: No Pleno Municipal de hoxe, en Ferrol, vai-se hipotecar parte do futuro da cidade ...
__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon