sábado, xuño 20, 2009

Os riscos da Planta de Gas

Polo seu interese e actualidade publicamos un informe editado polo Colectivo Universitario Opositor á Planta de Gas da Ría de Ferrol na sua web [www.f-cape.org] o 1 de Abril do ano 2007.

Paga a pena parar-se a ler e analisar este documento. Pois moitas veces compañeiras e compañeiros dedican o seu tempo e esforzo en traballar os argumentos contra o desproposito gasístico de REGANOSA que merecen a nosa atención en máis dunha ocasión. O pasado mes de Maio tivemos oportunidade de coñecer estes traballos na Xornada de Formación Cidadá, onde vimos a importante actividade que realizamos no transcurso da loita, para reforzar a nosa formación e difundir as nosas razóns de oposición á Planta de Gas. Na maioria das veces, actividade silenciada ou manipulada polos medios de comunicación convencionais. Desde a nosa opinión o documento que presentamos é un dos que paga apena voltar a publicar e difundir.


Resumo de riscos da Planta de GAS

EVALUACIÓN DAS CONSECUENCIAS DE POSIBLES ACCIDENTES NA TERMINAL DE ALMACENAXE E REGASIFICACION DE GAS NATURAL LICUADO SITUADA NA RÍA DE FERROL

- RESUMO -

Nota dos autores: Este informe recolle as conclusións dos estudos de risco realizados para as administracións públicas de EE.UU, seguindo as normas en vigor na Unión Europea e naquel país. Debemos ter en conta que os estudos privados son moi caros, non dispoñibles ao público e son celosamente gardados polas empresas que os encargaron e/ou elaboraron.

Consideraremos tamén de interese a ordenanza que o Concello de Barcelona redactou para as posibles intervencións suxeitas ao R.D. 1254/1999 (coñecido por Lei Sevesso II/III) de nome OMAIA (Ordenanza Municipal de Actividades e de Intervención Integral da Administración Ambiental de Barcelona) por ser punteira nesta materia (Ferrol non a ten a pesar da ameaza que supón Reganosa).

1.-) Regulamentación e leis aplicables: No que concierne á Avaliación de Riscos deste tipo de instalación industrial son de aplicación as seguintes normas e leis: R.D.1254 / 1999 e modificacións posteriores (Directiva 96/82/EC ... Lei Seveso II), Norma UNE-EN 1473 "Instalacións e equipos para Gas Natural Licuado (GNL). Deseño de instalacións terrestres", Norma UNE-EN 1532 "Instalacións e equipos para GNL. Interfaz entre buque e terra", Norma NFPA 59 A "Norma para a produción almacenamento e manipulación de GNL" e R.D. 1196/2003 "Directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves nos que interveñen sustancias perigosas".

2.-) Xeneralidades: Enténdese por Zona de Intervención aquela na que as consecuencias dun accidente producen danos que xustifica a aplicación inmediata de medidas de protección e Zona de Alerta aquela na que as consecuencias dun accidente provocan efectos que aínda que son perceptibles para a poboación non xustifican a intervención.

A OMAIA establece no capítulo 33, sobre riscos admisibles, que: as Zonas de Intervención e Alerta que se determinan mediante unha Análise de Riscos Determinista (ARd) non deben afectar en ningún caso a áreas de poboación permanente ou liñas vitais da cidade.

Enténdese por Nube de Gas inflamable, a nube formada pola vaporización do GNL logo dunha fuga masiva do mesmo. En tanto o gas non alcance unha densidade determinada esténdese pola zona a rentes do chan ou do mar con posibilidade de ignición. Se se sucede esta ignición do gas, prodúcese unha Radiación Térmica que causarían queimaduras a persoas cunha gravidade dependendo da intensidade e tempo de exposición. Tamén poden suceder os anteriores fenómenos se o gaseiro verte gas licuado ao mar e que se arde o gas regasificado produce o que se coñece como Charco de lume.

Enténdese por Zonas de Exclusión dous tipos de áreas situadas na periferia da instalación de GNL, e que se establecen debido aos efectos catastróficos derivados polos fenómenos descritos no parágrafo anterior: a) por radiación térmica e b) por dispersión da nube de gas inflamable (UNE-EN 1473 e NFPA 49 A).

3.-) Escenarios de riscos: Para coñecer as zonas afectadas por un accidente nunha planta de GNL ou buque gaseiro determínanse uns escenarios de fallos, accidentes probables, ... por tipo de planta de GNL e situación xeográfica da mesma. Os escenarios de regas manexadas nos modelos de Análises Cuantitativas de Riscos deste tipo de planta son xa comúns no sector do gas, aínda que de difícil acceso á poboación tal como dixemos máis arriba.

Na actualidade e debido aos atentados terroristas de Nova York, Madrid, Londres, India, ... e pola inconmensurable cantidade de enerxía almacenada nos tanques e buques gaseiros, estanse demandando pola sociedade nos países de occidente, análises para coñecer as consecuencias de accidentes por fugas masiva de gas, moito maiores que as manexadas anteriormente nas análises de riscos.

Resumimos a continuación algunhas conclusións de estudos de risco.

Nota: Na planta de Ferrol xustifícase moito máis este tipo de análise polo difícil acceso que presenta a canle de entrada á ría para os grandes buques gaseiros tal como se describe no capítulo 5 deste informe.

4.-) Resultados: Tendo en conta o anterior resumimos os resultados de Dispersión de gas natural e de Radiacións térmicas elaborados con programas de prestixio internacional (DEGADIS, LNGFIRE, EFFECTS 5.5, CANARY, FEM3A, PHAST 6.42, ..., seguintes:

  • James Fay:
    • Zona Límite Inflamabilidade = 2.900 metros.
    • Zona Exclusión térmica = 1.800 metros.

  • Quest Consultans:
    • Zona Límite Inflamabilidade = 3.200 metros.
    • Zona Exclusión térmica = 600 metros.

  • Sandia National Lab.:
    • Zona Límite Inflamabilidade = 2.450 metros.
    • Zona Exclusión térmica = 1.305 metros.

  • ABS Consulting:
    • Zona Límite Inflamabilidade = 4.000 metros.
    • Zona Exclusión térmica = 1.400 metros.

  • Universidade d'As Palmas:
    • Zona Límite Inflamabilidade = NON INDICA.
    • Zona Exclusión térmica = 2.230 metros.
[Clicar acima da imaxe para ampliar]

No noso caso, a distancia debe ser da orde dos 3.000 a 4.000 metros, como mínimo, segundo os resultados obtidos polos organismos citados na táboa comparativa de riscos. Segundo a Universidade das Palmas o impacto dun avión sobre un tanque almacén provocaría unha dispersión de gas que alcanzaría os 10 km de distancia (A ría de Ferrol é ruta de aproximación do aeroporto de Alvedro - A Coruña).

Non debemos esquecer que a peculiaridade da nosa canle de acceso á Ría foi citada na autorización da construción da planta onde se listaron unhas actuacións mínimas que se deberán realizar antes de recibir a autorización de inicio de operación da planta de gas.

Lembramos que o mesmo Ministerio de Fomento emitiu unha Orde Ministerial de data 10 de Maio de 2.001, onde se expón que "por razóns de seguridade procederase á ocupación urxente de terreos para iniciar a construción do porto exterior de Ferrol porque os buques teñen que navegar ao longo da canle de entrada en condicións de seguridade, e xa se sucederon casos puntuais de accidentes na canle, por fortuna sen consecuencias".

Nota dos autores: Estes accidentes rexistráronse en buques de tamaño moi inferior aos buques gaseiros que visitarán a planta de GNL de Ferrol (135.000 m3 de capacidade ... case 300 metros de eslora).

Cremos que polo exposto anteriormente, a localización da planta regasificadora de GNL na Ría de Ferrol supón un ALTO RISCO para a poboación, polo que se debería analizar con maior rigor e non permitir a súa posta en funcionamento [A planta regasificadora leva funcionando desde Maio de 2007 e con autorización administrativa desde Outubro do mesmo ano], para evitar danos de consecuencias inimaxinables.

Fonte: Ferrol-CAPE
___________________

Lembrar:

SÁBADO 20 DE XUÑO DE 2009, ACCIÓN DE PROTESTA DO COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA, ANTE A ENTRADA NA RÍA DE FERROL DUN NOVO BUQUE GASEIRO CARGADO CON GNL-LNG PARA A ILEGAL E PERIGOSA REGANOSA, CONCENTRACIÓN DIANTE DO EDIFICIO DA XUNTA
______________________

1 comentarios so far

Interesante artigo, non podo máis que felicitar aos autores por explicar con tanta claridade o que uns poucos, con moito poder, impuseron á maioria do pobo de Ferrolterra. Queda claro que esta planta regasificadora nunca se debía contruir e menos en Mugardos.

Seguiremos na loita.

Grazas.

Antón


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon