mércores, novembro 25, 2009

A perla da Ría era falsa

O ex-presidente da Xunta, Manuel Fraga, referíase á planta de gas de Mugardos (ría de Ferrol) como "a perla da ría". Tamén algúns medios de comunicación, animados pola euforia do momento, anunciaban que a construción da planta e a súa posta en servizo ía supor o "fin da secuela do paro" en Ferrolterra. (ver hemerotecas, 2 agosto 2001).

Pasaron dous anos desde a súa posta en funcionamento e a regasificadora non satisfixo aquelas expectativas. Todo o contrario, pois segundo os últimos datos publicados por Enagas, xestor do sistema gasista, a regasificadora da ría de Ferrol produce menos gas cada mes que trascurre e está lonxe de alcanzar a cifra da súa produción nominal (nestes momentos regasifica o 29% da súa capacidade). Pódese dicir que "a perla era falsa".

[Clicar acima da imaxe para ampliar]

Para o colmo, outra contrariedade vaille a xurdir á regasificadora de Mugardos, xa que o novo gasoduto MEDGAZ (1) tendido entre Orán (Alxeria) e Almería está a piques de comezar a fornecer gas natural (2) cunha capacidade de 8.000 Mill. m3/ ano, o que reducirá nun 30% a regasificación das plantas de gas licuado (GNL) existentes en España. Este gas natural ademais de ser máis barato que o licuado o seu consumo é prioritario pois ao estar suxeito á típica cláusula comercial "take or pay" o gas deberá ser consumido pois pola contra habería que pagalo igual.

Vexamos uns números:
  • Capacidade Nominal de regasificación (INICIAL) 2.500 Mill. m3/ano
    (85 GWh/día)
  • Produción en outubro 2008
    61 GWh/día
    (o 51 % de 120 GW.h/día -actual)
    (o 25% de 240 GW.h/día- futuro)
  • Capacidade Nominal de regasificación (ACTUAL) 3.600 Mill. m3/ano
    (120 GW.h/día)
  • Produción en outubro 2009 37 GWh/día (3)
    (o 29 % de 120 GW.h/día- actual)
    (o 14% de 240 GW.h/día- futuro)
  • Capacidade Nominal de regasificación (FUTURA - solicitada) 7.200 Mill. m3/ano 240 GWh/día
  • Produción reducida polo gasoduto MEDGAZ (estimada) 26 GWh/día (3)
    (o 20% de 120 GW.h/día- actual)
    (o 10% de 240 GW.h/día - futuro)
Este novo escenario situaría á regasificadora cunha produción de gas igual a un 20 % da capacidade nominal actual e do 10% si amplíase ao dobre a instalación de regasificación.

Esta análise mostra unha vez máis que a planta regasificadora da ría non era necesaria. Ademais debemos ter en conta que o gasoduto de Tui está pechado desde o inicio da operación da planta polo que o gas procedente de Alxeria, vía Marrocos (e máis barato) non chega a Galicia.

Malos ventos pois para a regasificadora da ría. Esta circunstancia unida á baixa operatividade dos ciclos combinados e á inexistencia das programadas industrias químicas nas Pontes (ver informe do CNE) augura un custoso sistema de subministración de gas natural en Galicia. Espérase tamén con impaciencia a sentenza do Tribunal Supremo sobre a súa ilegal localización.

Ferrolterra - Cidadáns Aliados para Protexer a súa Contorna
f-cape.org


1) http://www.cepsa.com/medgaz/pages/index.htm
2) O impulsor deste gasoduto foi D. Carlos Pérez de Bricio, presidente de CEPSA (sempre se mostrou contrario ao negocio do gas natural LICUADO polo seu carácter especulador). O gasoduto ía atender inicialmente o mercado francés e español e construíuse con fondos europeos. Segundo a noticia do xornal "Expansión" (
4) de data 29 de outubro pasado, Francia négase a ampliar os gasodutos de conexión (1) coa rede española polo que os 8.000 millóns de m3 antes citados vainos ter que consumir soamente España. Unha boa noticia para os consumidores ao non depender tanto do gas natural (GNL) licuado.
3) Estes valores están por baixo do "mínimo técnico de produción" da planta o que a situaría en "situación de operación excepcional" requirindo un fluxo suplementario de GNL para o funcionamento normal do relicuador. Ver páxina 22 - Nota de operación 19, do informe de Enagas de Outubro 2009. http://www.enagas.es/
4) http://www.expansion.com


Enviado por:
Ferrol CAPE -ferrol.cape@gmail.com-
24 de novembro de 2009 09:08
www.f-cape.org
Colectivo universitario opositor a Planta de gas (GNL) da ría de Ferrol (GALICIA)

______________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon