martes, xuño 27, 2006

Alegacións por motivos cívicos e sociais

Tags

Sr. ALCALDE PRESIDENTE DO CONCELLO DE FERROL

D. .................................................................................., con DNI .......................... e con enderezo en ....................... ..................................................................................., comparece e, como mellor proceda en Dereito, DI:

Que tendo coñecemento mediante a lectura do acordo plenario de 25 de maio de 2006 exposto no taboeiro de anuncios do Concello con data 2 de xuño de 2006, que a adxudicación á empresa Serviocio do contrato de redacción do proxecto, da xestión e explotación dun centro deportivo de ocio e saúde no barrio de Ultramar, se somete a exposición pública, quero formular as seguintes


ALEGACIÓNS

1. Cando se di que a maioría do barrio de Ultramar quere o centro de ocio, estase a faltar á verdade xa que esta decisión foi tomada persoalmente polo expresidente da Asociación de Veciños Sr. Argüeso sen contar con ninguén, e foi comunicada ó Concello de maneira verbal, esquecendo absolutamente os desexos dos veciños, e encomendándose descaradamente a intereses de sopeitosa natureza.

2. Os veciños non queren a construción do centro de ocio por moitos motivos, pero fundamentalmente, porque se pretende privar ó barrio dun espazo público gratuíto de esparcimento para novos e maiores, e implantar no seu lugar un servizo que para nada se pode considerar público, porque se destinaría a jacuzzi, sauna, chorro de auga, lámina de auga, gardería, cafetería etc., en definitiva a actividades elitistas e de pago.

Por outra banda existen serias dúbidas de que as actividades que aí se realizarían puideran ter cualificación de deportivas, requisito que se debe cumprir tal e como recolle o uso que no seu día se estableceu no Plan Xeral, para a parcela DEP-22 na que se quere encadrar.

3. Poderíase entender que en Ferrol houbera unha demanda deste tipo de servizos, pero en todo caso se é verdade, o racional sería dar resposta cunha visión política de cidade e non de barrio.
Polo tanto, tendo en conta que os usuarios serían cidadáns de todo o concello, o lugar idóneo para a construcción do centro de ocio, debería ser noutras zonas dotacionais das que o Concello dispón sin custo algún, e onde poderíanse planificar unhas instalacións dignas con piscina de grandes dimensións, e uns servizos complementarios incluindo aparcadoiro, de acordo coas necesidades da nosa cidade.

4. O barrio de Ultramar precisamente carece de zonas ailladas do tráfico onde poder xogar á pelota, ou a calquera outro xogo dun xeito improvisado.

O lugar que propón o Concello para sustituir a pista de Sartaña, é o Colexio Ponzos, argumento non convincente xa que a utilización deste pavillón está sometida á autorización do consello escolar previa solicitude formal que soamente está ó alcance de grupos, ou federados ou dalgunha maneira organizados. Ademais o seu uso está condicionado a ter unha chave.

En resumo, o Concello xa descarta totalmente o fomento dos xogos de maneira espontánea, e tamén destrúe un punto de encontro nas relacións sociais e humanas na infancia e na xuventude, tan importantes nos tempos que andamos.

5. A verdadeira vontade dos veciños puídose comprobar nas manifestacións celebradas os días 15 de febreiro e 2 de xuño de 2005, que gozaron da presenza multitudinaria de persoas do barrio e de fora do mesmo, e contaron coa asistencia de asociacións de veciños, asociacións culturais e deportivas, grupos políticos, sindicatos, asociacións para a defensa do medio ambiente, colexios profesionais, etc. En resumo a sociedade ferrolá está en contra da instalación.

6. No aspecto urbanístico cabe destacar que este edificio vaise a encaixar nun patio de cuarteirón a catro metros das ventás (a cinco dende a base dos edificios colindantes) co conseguinte trastorno para os veciños, principalmente dos primeiros e segundos pisos. E con independenza da legalidade ou ilegalidade desta actuación que se xustifica dicindo que é de interese xeral e afecta a unha minoría, vaise a cometer a inxustiza de plantificarlles un muro ós veciños e consumar un atropello no nome da democracia.

7. Outros perxuizos para os veciños que vai provocar esta instalación, son a contaminación acústica y de emanación de gases, cloro etc, así como o alto risco de infección e propagación de “legionella” provinte das torres de refrixeración do ar acondicionado.

Non se coñece no mundo enteiro unha instalación destas características ubicada no interior dun patio, tan preto das vivendas.

8. Outro dos inconvenientes que nos atopamos é que se vai a especular co patrimonio público propiedade da cidadanía, entregandoo durante 50 anos a unha empresa privada, pola cantidade ridícula de 2.000 € ao ano.

9. O concepto de Axenda 21 nace na Conferencia de Río de 1992, e proponse alcanzar o desenvolvemento sostible impedindo a destrucción do medio ambiente. Neste sentido dous anos despois de Río, ten lugar a conferencia europea sobre as cidades sostibles na cidade dinamarquesa de Aalborg, onde é creada a carta de Aalborg: unha declaración de compromiso das autoridades locais para o desenvolvemento de procesos e estratexias que levan á toma de medidas de acción concretas na consecución da sustentabilidade urbana. Así as cidades en canto unidades máis pequenas de desenvolvemento están en contacto con numerosos desequilibrios arquitectónicos, sociais, económicos, políticos e ambientais que as afectan, debendo por iso identificalos e resolvelos adecuadamente dunha maneira integrada, loxística e sostible.

Na actualidade, máis dunha de década despois da carta de Aalborg, vemos como no noso entorno urbano, lonxe de camiñar na liña proposta por este documento, o Concello de Ferrol teima en levar a termo proxectos como o do centro de ocio que atentan contra a calidade de vida da cidadanía, depredando o patrimonio herdado e desenvolvendo políticas urbanísticas insustentables.

10. En lugar de fomentar a proliferación de tanto cemento, Ferrol debe aspirar a ser unha cidade sostible, e iso pasa por ser unha cidade capaz de satisfacer as súas necesidades no presente sen comprometer a capacidade para satisfacer as súas necesidades no futuro, mirando pola integridade e a estabilidade social e económica, e a calidade de vida da súa poboación.

En consecuencia, por todo o exposto anteriormente,

PIDO

que se admita a miña comparecenza no presente procedemento, e se revoquen ou se deixen sen efecto os acordos plenarios de 16 de febreiro de 2005 e 25 de maio de 2006 relativos a este expediente, e se proceda á cancelación da construción do centro de ocio na ubicación que o Concello pretende, así como que se teña en consideración o que os veciños realmente desexan, que non é outra cousa que a urbanización da zona, e a reparación e adecentamento das instalacións existentes na praza de Sartaña para o seu uso público e gratuito.

En Ferrol, 26 de xuño de 2006


<< Voltar ao Blog da Plataforma Ártabra 21


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon