martes, xuño 27, 2006

Alegacións por motivos técnicos e de legalidade

Tags

Sr. ALCALDE PRESIDENTE DO CONCELLO DE FERROL

D. ..................................................................................., con DNI .......................... e con enderezo en ......................... ..........................................................................., comparece e, como mellor proceda en Dereito, DI:

Que tendo coñecemento mediante a lectura do acordo plenario de 25 de maio de 2006 exposto no taboeiro de anuncios do Concello con data 2 de xuño de 2006, que a adxudicación á empresa Serviocio do contrato de redacción do proxecto, dá xestión e explotación dun centro deportivo de ocio e saúde no barrio de Ultramar, se somete a exposición pública, quero formular as seguintes


ALEGACIÓNS


PRIMERO

O marco legal urbanístico de aplicación é a LOUPMRG, que na súa disposición transitoria primeira, punto 1a e 1c, relativa ao réxime de aplicación da LOUPMRG en solo urbano de municipios con planeamento aprobado ao abeiro da lei 1/1997 do solo de Galicia. Este precepto establece que será de aplicación o establecido nesta lei para o solo urbano, sen prexuizo de respecta-la ordenación establecida no planeamento en vigor.

Esta disposición outorga un carácter transitorio ao planeamento vixente, a espera da súa obrigada adaptación á lei 9/2002 e a súa modificación lei 15/2004 (en adiante LOUGA).

Ó fío desta afirmación non se pode xustificar unha actuación urbanística no cumprimento dos preceptos do plan xeral, sen ao mesmo tempo demostrar o cumprimento das condicións establecidas na LOUGA para o solo urbano.


SEGUNDO

O artigo 174 da LOUGA dí:
Os concellos que dispoñan de plan xeral de ordenación municipal deberán constitui-lo patrimonio municipal do solo, coa finalidade de obter reservas de solo para actuacións de iniciativa pública, facilita-la execución do plan e contribuir á regulación do mercado de terreos destinados ao desenvolvemento urbanístico.

Se o Concello de Ferrol non ten constituido o seu patrimonio municipal do solo como a lei establece, as consecuencias desta omisión no cumprimento dunha obriga non se debería en ningún caso interpretar de forma ventaxosa á hora de xestionar os bens públicos que por definición forman parte deste patrimonio municipal do solo, saltándose as condicións que a LOUGA establece para a xestión destes bens. (a LOUGA neste caso é de aplicación ao ser máis restrictiva que o plan xeral, que non impón limitacións aos fins aos que se poderían destinar estas parcelas).


TERCEIRO

A parcela cualificada como DEP-22 polo plan xeral vixente forma parte do patrimonio municipal do solo, segundo o establecido no artigo 176.2.a) da LOUGA, ao tratarse dunha- parcela de titularidade municipal clasificada como solo urbano.

O fin previsto na parcela cualificada como DEP-22 polo plan xeral non parece estar entre os contemplados pola LOUGA no seu artigo 177, que son:

a) Construcción de vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública.

b) Á propia planificación e xestión urbanística, en especial o pagamento en especie, mediante permuta, dos terreos destinados a sistemas xerais e dotacións públicas.

c) Actuacións públicas dotacionais, sistemas xerais ou outras actividades de interese social.

d) Conservación e mellora do medio ambiente, do medio rural e do patrimonio cultural construido.

e) Creación de solo para o exercicio de actividades empresariais compatibles co desenvolvemento sustentable.

f) Conservación e ampliación do propio patrimonio.

O único punto asimilable ao uso pretendido para o DEP-22 é o do punto c), pero non se trata dunha actividade de interese social: a lei distingue entre actividades, usos constructivos e usos non constructivos (unha actividade é, por exemplo, unha romería, ou unha excursión). Poderíase tratar dunha actuación pública dotacional pero é dubidoso este carácter por canto participa a iniciativa privada na súa financiación e xestión.


CUARTO

O plan xeral, no seu artigo 118.2 tipifica os usos permitidos nos equipamentos, entre os que os deportivos se definen como lnstalacións destinadas á práctica do deporte e anexos de servicio. Edificacións para espectadores. Aparcamentos.

Ou sexa, canchas, pistas, piscinas, ximnasios, etc...vestiarios, duchas e lavabos... gradas... aparcamentos. O encadre dun centro de ocío nestes usos é bastante cuestionable.


QUINTO

No seu punto 118.3 di:

Os equipamentos e dotacións regularanse en principio polo tipo de ordenación da zona onde se encadran e manterán condicións de composición urbanística acordes coa mesma, procurando respectar e mante-las aliñacións do seu cuarteirón e colindantes. Non obstante adaptaránse ás condicións de edificación, estándares e programas correspondentes á súa lexislación específica....
Enténdese que as dúas formulacións de excepcionalidade refírense a aqueles casos nos que sexa necesaria unha adaptación destas condicións a unha lexíslación específica.

Procurarase que a altura da edificación non pase dos 92 m. sobre a cota natural do terreo. Non obstante, cando os equipamentos se sitúen en zonas non formalizadas e en áreas libres de edificación aceptaráse a ordenación volumétrica especifica non debendo pasar normalmente dos 12 metros de altura máxima nin dos 0, 8 m2/m2 de edificabilidade bruta.

Faise explícita a posibifidade de aceptar unha ordenación volumétrica específica no caso de zonas non formalizadas, do que se deduce que esa definición da ordenación volumétrica non se permite cando o equipamento se sitúa nun ámbito cun tipo de ordenación definida.

Neste caso a nova edificación deberá respectar as aliñacións do seu cuarteirón, a non ser que os estándares mínimos do equipamento que se propón esixiran adaptar estas condicións de edificación.

A parcela DEP-22 situase nun patio de cuanteirón rexido pola ordenanza 12 do ensanche. O sistema de ordenación establecido nesta ordenanza é de cuarteirón regulado por aliñacións e fondos edificables.

A ordenanza 12, ao ser unha ordenanza de cuarteirón, regula as excepcións nas que se permite a ocupación parcial ou total dos patios. Os límites máximos desta ocupación son 4.

- O 100% da planta baixa para garaxe aparcamento en atención ás necesidades da zona e impacto na circulación.

- O 100% de sotos e semisotos para garaxe e outros usos.

- Usos deportivos ó aire libre e pequenas edificacións de planta baixa destinadas a servicios e equipamentos privados de uso común.

- 10 metros de ocupación en planta baixa a partir da fondo máximo establecido en planos de ordenación para calquer uso autorizado pola ordenanza.

Ao tratarse dunha parcela de titularidade pública non é posible un uso mancomunado (privado), polo que o uso previsto, igual que calquera outro, debería ubicarse no soto e no semisoto do patio de cuarteirón, así como nunha banda de 10 metros por detrás da liña de fondo edificable da planta baixa.

Ningunha ordenación proposta para o Centro de Ocio pode contradecir este tipo de ordenación de cuarteirón, establecido para esta zona da cidade, taxada na memoria de ordenación do plan que, recordemos, ten o mesmo carácter normativo e vinculante que as ordenanzas.

Unha ordenación que cuestione estes límites e que faga desaparecer o patio de cuarteirón está poñendo en cuestión a decisión do plan, previa á formulación da ordenanza 12, de optar por unha ordenación de cuarteirón para os ensanches da cidade.

Argumentar que un patio de cuarteirón non debe estar sometido á mesma ordenanza que afecta a parte construida do cuarteirón, independentemente da súa titularidade pública ou privada, pon en cuestión a mesma coherencia da ordenación do plan, poñendo aspectos circunstanciais (como a propiedade ou o destino do solo) por riba do sistema de ordenación específico para unha área.

Máis adiante conclúe:

As dotacións asistenciais, sanitarias e socioculturais, relixiosas, e público-administrativas, en razón das súas características.... poderán intercambiarse ou compartirse dentro de cada unha das reservas específicas establecidas no plan...

En ningún punto se explica que o uso deportivo se poida cambiar por outro diferente. Este precepto, en relación ao explicado no punto CUARTO cuestiona que unha parcela de uso deportivo poida albergar un centro de ocio.


SEXTO

O artigo 6 do título preliminar da LOUGA establece:

"as dúbidas na interpretación do planeamento urbanístico producidas por imprecisións ou por contradiccións entre documentos de igual rango normativo resolveranse tendo en conta os criterios de menor edificabilidade, de maior dotación para espazos públicos e de maior protección ambiental, e aplicando o principio xeral de interpretación integrada das normas"

A contradicción que poidera existir entre o artigo 133. Ordenanza 12 do Ensanche, e o artigo 118. Sistema de equipamentos e dotacións (que non é unha ordenanza específica para os equipamentos, senon que refire a súa ordenación ás ordenanzas propias das zonas nas que se ubican) deberíase resolver co axuste aos criterios mencionados no artigo 6 da LOUGA, esto é, rexeitando a actual formulación do centro de ocio de Sartaña, por supoñer éste unha maior edificabilidade, maior ocupación en planta (e polo tanto menor espacio público) que a que se axustaría á ordenanza 12.

En consecuencia, por todo o exposto anteriormente,

PIDO

que se admita a miña comparecenza no presente procedemento, e co obxecto de non incurrir nunha ilegalidade, se proceda á cancelación da construción do centro de ocio na ubicación que o Concello pretende, así como que se teña en consideración o que os vecinos realmente desexan, que non é outra cousa que a urbanización da zona, e a reparación e adecentamento das instalacións existentes na praza de Sartaña para o seu uso público e gratuito.

En Ferrol, 26 de xuño de 2006


<< Voltar ao Blog da Plataforma Ártabra 21


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon