mércores, febreiro 21, 2007

Fraga de Menáncaro: Verdegaia alerta da aprobación definitiva do Plan de Sectorización

Verdegaia alerta da aprobación definitiva do Plan de Sectorización de Menáncaro

A pesares de que o Plan de Sectorización conta con varios informes desfavorábeis da Xunta de Galicia; dous da Dirección Xeral de Urbanismo e un da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, preténdese, dende o Concello de Ferrol, aprobar definitivamente o proxecto urbanizador de Menáncaro acolléndose á figura do silencio administrativo por terse emitido ditos informes fóra do prazo legalmente estipulado.

A Carballeira de Menáncaro (Serantes) continua seriamente ameazada pola execución do “Plan de Sectorización de Menáncara-Serantes” nesa zona. A (sin)razón: construción de setenta chaletes e un hotel no mesmo corazón da fraga.

De acordo coa documentación que obra no expediente, a empresa promotora do Plan de Sectorización, a inmobiliaria Bros Noroeste, S.L., solicitou en varias ocasións ao Concello de Ferrol que certificase a aprobación definitiva de dito plan e a publicase no D.O.G e no B.O.P por entender que o proxecto de Menáncaro ficou aprobado definitivamente por silencio administrativo, dado que, ao parecer, os informes preceptivos da Xunta de Galicia foron emitidos fóra do prazo estipulado por Lei. No mesmo senso exprésase o Oficial Maior do Concello a través dun informe suscrito por este, polo que existe a posibilidade de que a aprobación definitiva do plan urbanizador de Menáncaro se efectue oficialmente en sesión plenaria ou simplemente mediante a súa publicación no D.O.G. e no B.O.P. antes das elecións municipais.

Mais, o que non dí a empresa inmobiliaria Bros Noroeste S.L. nen o Oficial Maior do Concello é que, de acordo co apartado 2 do artigo 90 da Lei 9/2002 (modificada pola Lei 15/2004), o Plan de Sectorización ficaría aprobado definitivamente sempre e cando “... se obtivesen os informes preceptivos en sentido favorable”, lembrando que o devandito plan conta con tres informes desfavorébeis. Tampouco din que o apartado 3 do mesmo artigo dispón que “Non se aplicará o silencio administrativo estimatorio cando os plans ou instrumentos contivesen determinacións contrarias á Lei, ós plans de superior xerarquía ou ás directrices de ordenación do territorio de Galicia”, lembrando tamén que o Plan de Sectorización de Menáncaro contén numerosas irregularidades; parte das cales reflíctense nos devanditos informes desfavorabeis da Xunta de Galicia. Por conseguinte, o silencio administrativo quedaría sen efecto neste caso e, polo tanto, a aprobación definitiva do Plan de Sectorización por parte do Concello de Ferrol resultaría nula de Pleno Dereito.

Por outra banda, o feito de que se pretenda levar a cabo o proxecto urbanístico en Menáncaro colisiona frontalmente coa petición efectuada polo Concello de Ferrol ante a Consellería de Medio Ambiente para que a Carballeira de Menáncaro se inclúa no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

Venres, 16 de Febreiro do 2007
Núcleo de Ferrol de VERDEGAIA
http://www.verdegaia.org/

_____________________________________
Enlace co Blog da Comunidade Menáncaro
http://menancaro.blogspot.com


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon