xoves, marzo 08, 2007

Escríbelle a Isaac, acción en rede contra o silencio

De: isaac@escribelleaisaac.info
Para: artabra21@gmail.com
Data: 8 de marzo de 2007 20:36
Asunto: Escríbelle a Isaac, acción en rede contra o silencio


Escríbelle a Isaac, acción en rede contra o silencio

A Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo vén de pór en liña unha nova páxina:
www.escribelleaisaac.info, para dar resposta a un agravio informático contra Isaac Díaz Pardo acontecido no web do Grupo Sargadelos. Hai dous días, os xestores do sitio anulaban e silenciaban a conta de correo de Isaac Díaz Pardo no dominio do grupo, onde o mestre recibía mensaxes de todo o mundo, especialmente desde a Galiza emigrante. A ligazón á súa biografía (http://www.sargadelos.com/ga/diazpardo1.html) é ao formulario de correo foi deshabilitada da páxina principal nunha clara tentativa por parte da nova dirección de Sargadelos de desvencellar a imaxe corporativa do grupo do seu fundador.

Sabedores deste singular exercicio de cibermesquindade, varios activistas de Arredemo, decidiron copiar as páxinas orfas, aloxalas nun novo dominio e ofrecer ao mestre unha nova conta de correo onde poder continuar a recibir a solidariedade e o agarimo dos miles de galegos e galegas que aínda lle profesan a admiración, o agradecemento
e o respecto debidos a un dos homes que máis loitou e traballou a prol da nosa cultura e da nosa identidade como pobo. No novo web inclúese tamén unha ligazón á campaña “Apoio a Isaac Díaz Pardo”, mestreisaac.aduaneirossemfronteiras.org, que desde hai varios meses recaba sinaturas contra a xubilación anticipada do mestre e a nova filosofía mercantilista que a actual dirección pretende imprimir ao grupo Sargadelos.

Deste xeito, a Rede de Acción Socio-Cultural ARREDEMO, que actualmente traballa na posta a punto do seu novo portal de comunicación socio-cultural, quere anunciar o inminente desenvolvemento dunha serie de accións de solidariedade con Isaac Díaz Pardo e co Instituto Galego de Información, actual obxectivo da nova dirección de Sargadelos na súa estratexia de liquidación do legado histórico e conceptual de Luis Seoane, Andrés Fernández-Albalat e o propio Díaz Pardo, sen o cal a actual cultura galega non se podería comprender.

Neste sentido, Arredemo quere facer un primeiro chamamento ao mundo social e cultural galego para participar e colaborar na campaña facéndolle chegar ao mestre mensaxes de solidariedade e apoio a través da súa nova conta de correo: isaac@escribelleaisaac.info, aloxada en www.escribelleaisaac.info.

Por riba das coitas e loitas propias dunha empresa como Sargadelos, desde Arredemo pensamos que preservar a dignidade persoal e intelectual dun home como Isaac Díaz Pardo é un compromiso que atinxe a toda a cultura galega.


Contacto: info@arredemo.info
981554248


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon