quinta-feira, abril 19, 2007

Defendamos a Fraga de Menánacaro

Onte 18 de abril, ás 7 e 1/2 da tarde tivo lugar unha importante reunión da Comunidade Menáncaro e as organizacións ecoloxistas ADEGA, SGHN e VERDEGAIA, nos locais do Ateneo Ferrolán, diante dun eminente atentado ecolóxico que se vai cometer contra a Fraga de Menáncaro este venres, 20 de abril, ás 9 e 1/2 da mañá nun Pleno Extraordinario do Concello de Ferrol.

A reunión tivo moito éxito, non só pola asistencia de persoas, senón polo unanime interese e preocupación, pola situación que se está dando sobre todo este proceso e en particular pola intención manifesta dos que hoxe están gobernando no Concello [PP e IF], de aprobar o Plano de Sectorización de Menáncaro-Serantes, alegando "silencio administrativo positivo".

As persoas e entidades reunidas acordamos reiterar que de producirse un acordo no Pleno Municipal no sentido xa citado, sería política e eticamente deplorábel, cometeríase un atentado ecolóxico e un delito penal por prevaricación, ademais de ser nulo de pleno dereito e ilegal:

Porque o Concello non pode alegar silencio administrativo, sen ter en conta o Informe [REX. Nº 037435 e data 01.12.2006], da D. X. de Urbanismo, DESFAVORÁBEL AO PLANO DE SECTORIZACIÓN, pois considerámolo vinculante e preceptivo, como así dispón a lexislación vixente no artigo 86.1.d) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección de medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004. Polo que consideramos que non se pode aplicar silencio administrativo, pola excepción clara que se indica no Artigo 90.3 da Lei 9/2002 que non foi modificado pola 15/2004 na sua nova redacción. Este artigo establece “que non se aplicará o silencio administrativo estimatorio cando os plans ou instrumentos contuviesen determinacións contrarias á Lei, aos plans de superior xerarquía ou ás directrices de ordenación do territorio de Galiza”. E a propia resolución da Dirección Xeral fai mención expresa a que o Plano de Sectorización Menáncaro-Serantes non se axusta ao PXOM, que incumpre a Lei do Solo e que non respecta as áreas de protección do contorno do río Aneiros e das masas de caducifolias.

Porque non pode alegar Silencio Administrativo positivo, sen antes contestar ao Informe da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, emitido con data do 16 de Outubro de 2006, e número de Rex. 017746, onde se lle empraza, ao Concello, a someter o Plano de Sectorización ao trámite de Avaliación do Impacto Ambiental, considerando a revisión do Estudo de Impacto Ambiental presentado no seu día, e completar este cunha serie de informes [da D. X. de Conservación da Natureza, da D. X. de Patrimonio Cultural e de Augas de Galicia], outros trámites e actuacións, así como efectuar o trámite de información pública; chegando a cualificar a Fraga como unha zona de importancia ecolóxica e paisaxística.

Porque ademais é que unha vez que o primeiro Informe preceptivo desa Dirección Xeral de Urbanismo foi desfavorábel ao proxecto urbanístico, estamos a falar do primeiro con data de febreiro de 2006, a empresa promotora citada, presentou, en abril de 2006, un novo planeamento modificado, informado favorabelmente polos ténicos municipais, mais o concello non cumpríu co disposto na lexislación vixente de sometelo a información pública polo prazo dun mes mediante anuncio, incumprindo co establecido no artigo 86 da Lei 9/2002 de 30 de decembro de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Pola incongruencia que supón que o Concello de Ferrol, dentro das súas rutas turísticas polo termino municipal, que son poucas, inclúa a da Fraga de Menáncaro, presentadoa con varios mapas e fotografias e a seguinte lenda:

"DESCRIPCIÓN DA RUTA
Sendeiro interior que xunto có da Cabana son os únicos que recorren soutos e fragas de castiñeiros e carballos, no caso de Menáncaro, centenarios, visitando así un dos poucos reductos deste tipo de bosques autóctonos que quedan no Concello. Para velos mellores exemplares de carballo deberá subir polo monte que queda á esquerda do camiño uns 10 ou 15 metros. Remontando o Río Sardiña chégase ás pistas da parcelaria, perfectas para percorrer en bici, podéndonos acercar tamén ó Castro de Ferreiros, cuberto polo bosque pero que aínda permite adiviñalas súas fortalezas e fosos. A dificultade é mínima e o percorrido efectúase nunha hora."

Pola contradición manifesta que suporía coa decisión anterior [Agosto 2006] do Concello de Ferrol de solicitar que a Fraga de Menáncaro sexa incluida no Catálogo Galego de Árbores e Formacións Senlleiras, por considerala un espazo natural e paixasístico merecedor dunha especial conservación.

Porque Juan José Fernandez García, Teniente Alcalde do Concello de Ferrol, e o verdadeiro promotor do proxecto urbanístico xunto coa empresa SAT AGROPINO 735 XUGA, propiedade de Amando Romero Castrillón, que chegaron a un acordo coa entidade mercantil BROS NOROESTE EMPRESA INMOBILIARIA S.L., mediante unha opción de compra escriturada ante notario [11.11.2004]. Estes son os propietarios do 73,68 % da superficie delimitada no Plano de Sectorización e maiores beneficiarios de que este Plano se aprobe. Esta opción de compra, na súa redacción pode que conteña supostos delitos penais de cohecho e tráfico de influencias, custións que ter que investigar a fiscalía.

Porque a principal parcela do Plano de sectorización que supón case o 75% da delimitacíón, na mitade indivisa que lle corresponde a Juan José Fernández García, ten unha carga en forma de dúas hipotecas, unha por un principal de 124.977 € e outra por un principal de 201.837 €, a favor de Manuel Santalla Gato e Francisca Peñazola Torres. Mais non só iso senón que tamén hai tres embargos, para resoponder por 325.737,74 € cada un, segundo autos seguidos co nº 755/2004 no Xulgado Nº de Ferrol. Como se pode apreciar as cantidades coincien na súa suma, mais as persoas, " a favor" cambian, todo segundo consta no Rexistro da Propiedade de Ferrol. Polo que se pode presupoñer que todo este tinglado económico financieiro de prestamos e prestamistas, como o pagaré pola opción de compra, sexa o argumento de peso mais importante para que o proxecto urbanístico sexa aprobado en sesión plenaria. Só é unha suposición, pois probas non hai.

Porque en Setembro de 2001 relizouse na Fraga de Menáncaro unha tala indiscriminada ilegal de todo o bosque de ribeira por parte de Juan José Fernández García e Amando Romero Castrillón, propietarios e autores da mesma, onde interveu, na paralización tardía, a administración autonómica e a policía municipal do Concello, pola que foron expedientados.

Por todo isto demandamos que o proxecto urbanístico definitivamente non se aprobe, que se recalifique a zona cunha figura de protección total e expresa para toda a Fraga de Menáncaro, por considerar a zona, merecedora de normas protectoras específicas, dado o seu interese natural, didáctico, científico, cultural, paisaxístico e ecolóxico do conxunto do hábitat natural e dalgunhas das árbores e espécimes da flora existentes na Fraga, xa que constitúe un patrimonio natural e cultural valioso, de interese público, e unha das escasísimas e reducidísimas mostras de bosque autóctono existentes no Concello de Ferrol, irrecuperábel no caso da súa destrución ou desaparición.


Acordamos:

Facer unha chamamento á cidadanía para que acudan ao pleno deste venres 20 de abril e ser testemuñas da ilegalidade que pretenden levar a cabo os grupos que hoxe gobernan no Concello de Ferrol.

Poñernos en contacto telefónico con Presidencia, Dirección Xeral de Urbanismo e Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, para que interveñan diante deste intento de atentado ecolóxico que sería aprobar definitivamente o proxecto de urbanización.

Achegarnos até os Xulgados de Ferrol para poñer en coñecemento do Fiscal que se vai cometer un delito de prevaricación, artigo 404 do Códigopenal en vigor.

Informar ao Fiscal de Medio Ambiente que ten sede en Compostela deste atentado Ecolóxico.

No caso de producirse unha aprobación no Pleno extraordinario, solicitar aos grupos políticos da opisición que interpoñan recurso de reposición.

Igual que un grupo de veciños e veciñas xa teñen, a nível particular contratado os servizos dun bufete de advogados da cidade, a Comunidade Menáncaro, xa o ten preparado a través de ARDEFA, para que interpoña un recurso de reposición e no seu caso continuar con un proceso xudicial até o final.

Convocar unha nova reunión nos locais do Ateneo Ferrolán, o vindeiro Luns 23 de Abril ás 19:30 hrs.

___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon