mércores, setembro 26, 2007

A oposición a REGANOSA non se vai deixar amedrentar

Onte, 25 de setembro, unha delegación do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, desprazouse até Compostela á sede do Parlamento Galego, para facer entrega, aos grupos parlamentarios que compoñen a camara de representantes, das 4.000 asinaturas contra o despropósito gasístico de REGANOSA.

O Comité Cidadán entregou pola mañá no rexistro do Parlamento, solicitándolles aos grupos políticos que lle esixan á Xunta de Galicia que abandone o accionariado de Reganosa e que lle pidan á Administración que retire os recursos interpostos no Tribunal Supremo contra as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia -TSXG- que anulaban a tramitación medioambiental da planta regasificadora.

Posteriormente estaba convocada unha rolda de prensa, mais o interese non era as demandas apresentadas no Parlamento Galego, senón o artefacto colocado en Mugardos. Mais o Comité Cidadán foi firme: manifestamos a nosa solidariedade coa veciñanza afectada, recordaron que a explosión foi nas proximidades do local de reunión da Plataforma Veciñal e que se pretende desvirtuar a oposición a Reganosa ou a mobilización prevista para o próximo día 30, cousa que non imos permitir.

A oposición a REGANOSA non se vai deixar amedrentar. Quen queira desviar a tención do principal non o vai conseguir, ou faremos todo o posíbel para que non o consiga, mais xa se sabe quen controla os medios de comunicación convencionais e sobre todo o Grupo Voz, que é o mais interesado en que se desvie a atención a asuntos de "terrorismo". Isto é o que tamén pretenden as autoridades municipais do Concello de Mugardos, con desafortunadas declaracións, culpando directamente á veciñanza de Meá do sucedido, sendo esta a única perxudicada polo acontecido, tanto materialmente, como animicamente.

Algún medio de comunicación insinua que o "artefacto explosivo" ía dirixido contra REGANOSA, mais foi colocado nos Novás-Meá, perto da casa de reunións da Plataforma Veciñal [antiga escola unitaria dos Novás -A Pedreira-], mesmo debaixo da faixa que denuncia o perigo e a aberración que significa REGANOSA en Punta Promontorio. Os aterrorizados non foron os directivos de REGANOSA, senón a veciñanza opositora á planta de gas. Quen se ten que sentir amedrentado ? Sr. Alcalde de Mugardos, como se atreve a culpar a veciños e veciñas, cando tiña que estar solidarizando-se con eles ? As cousas non cadran. E agora aproveita-se este suceso para ameazar co desaloxo da Casa do Concello, ou ao mellor é que as cousas si cadran ? Sr. Alcalde limite-se a condenar o sucedido, o acto violento contra a veciñanza, e solidarice-se con esta que aínda o están agardando.

Última hora:
[O Concello de Mugardos solidariza-se coa veciñanza. A xunta de portavoces reunida acordou un comunicado]
[O acordo no Blog de Esquerda Unida]

O movimento popular e cidadán contra o despropósito gasístico de REGANOSA, temo-nos que centrar na convocatoria deste domingo 30 de setembro, e que a mobilización sexa todo un éxito de participación, resaltemos os nosos argumentos e as nosa demandas e berremos forte: PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !!

O domingo 30 de setembro todas e todos no Porto de Ferrol



___
COMUNICADO DA PLATAFORMA DE VECIÑAL "O Cruceiro de Meá"

A Plataforma veciñal "O Cruceiro de Meá", manifesta publicamente a súa máis enérxica condena ante o atentado contra a seguridade dos veciños do NOVAS-MEÁ concello de MUGARDOS, zona afectada pola explosión producida na estrada AC-133, punto quilométrico 9,100 ás 3:10 horas da madrugada do día 25 de setembro de 2007.

Ao mesmo tempo instan aos corpos de seguridade do estado que están levando a cabo a investigación sobre os feitos, poñan o máximo empeño para o pronto esclarecemento do atentado

Por outra banda queremos facer saber a todos os que se sintan mal informados que, os grandes prexudicados e ameazados pola explosión do colector de vidro, somos os propios veciños e veciñas da parroquia de Meá debido á proximidade tanto de casas habitadas, como de vehículos particulares, como do local social utilizado para reunións por parte da nosa Plataforma de veciñal "O Cruceiro de Meá", situada esta a escasos 30 metros da explosión.

PLATAFORMA VECIÑAL "O CRUCEIRO DE MEÁ"
25 de setembro de 2007 17:33
ocruceiromeha@yahoo.es
http://ocruceirodemea.blogaliza.org/

_____
A noticia en VIEIROS
[Recomendamos entrar por ter interesantes comentarios]
_____


A noticia vista desde a óptica do xornal:
"La Opinión de A Coruña" 26 de setembro de 2007 Mugardos

Un artefacto caseiro explota perto da planta de gas de Mugardos

O explosivo estaba colocado nos Novás, no interior dun colector de vidro e as primeiras investigacións apuntan a que podería estar elaborado con pólvora de feira.
REDACCIÓN Redacción.Ferrol

Un artefacto de fabricación caseira colocado nun colector de recollida de vidro situado nos arredores da planta de gas de Mugardos estourou ás 03.10 horas da pasada madrugada sen que ocasionase danos persoais, segundo informaron fontes da Garda Civil.

A explosión produciuse no lugar dos Novás-Meá, á altura do quilómetro 9,1 da estrada Cabanas-Mugardos, nas inmediacións das instalacións de Reganosa. O colector de vidro quedou completamente destruído e os seus restos, esparexidos nun radio de 60 metros. Como consecuencia da onda expansiva, víronse afectadas dúas vivendas, que sufriron diversos danos, que consistiron na rotura de cristais, portas e fiestras.

O Instituto Armado despregou un dispositivo para iniciar unha completa investigación dos feitos. As primeiras hipóteses apuntan a que podería tratarse dun artefacto de fabricación caseira composto con "pólvora de feira". De momento, continúan as pescudas encamiñadas a esclarecer o sucedido e a súa autoría. A Garda Civil de Mugardos rexeitou realizar máis consideracións sobre o incidente, así como achegar información sobre o ocorrido mentres continúen as investigacións.

O delegado do Goberno, Manuel Ameijeiras, manifestou onte que o sucedido terá unha resposta policial e xudicial e informou de que a explosión xa se está investigando.

Un portavoz de Reganosa negou que se produciu algún tipo de incidente no interior da instalación e sinalou que a planta de gas que se sitúa no núcleo de Meá funciona con "total normalidade".

"Clima de terror"

O alcalde de Mugardos, o nacionalista Xosé Fernández Barcia atópase de viaxe desde o domingo. Aínda así, logo de coñecer o sucedido a pasada madrugada explicou que se trata de "un tema bastante preocupante", que vinculou "ás protestas cidadás contra Reganosa".

Fernández Barcia mostrou a súa preocupación ante un incidente que cre que demostra "que a espiral de violencia está collendo cada vez máis campo", polo que avanzou que, ao seu xuízo, "deberase cortar con isto de raíz". Por iso, o rexedor afirmou que "se non estivesen esas protestas aí non pasaría nada", en referencia ao peche que desde fai dous meses protagonizan veciños de Meá no Concello para mostrar a súa oposición a Reganosa. Respecto diso, o Concello cifrou en máis de 20.000 euros o gasto de mantemento, tanto en electricidade como en tarefas da Policía Local, que supón o peche.

En opinión do alcalde, chegou o momento de "falar" desde o Goberno local cos veciños. Así, asegurou que "ou ben se abandone o peche de forma pacífica, ou ben llo pediremos á Delegación do Goberno". O rexedor nacionalista concluíu que se está creando "un clima de terror que non ten por que existir". A alcaldesa accidental, Carolina Cruz, fixo, pola súa banda, un chamamento á serenidade.

Vecinos de Mugardos protagonizan desde fai dous meses e dous días un peche na casa consistorial da localidade para reclamar información sobre o Plan de Urxencia Exterior de Reganosa e para reclamar que a instalación non entre en funcionamento comercial. Os veciños, afectados pola proximidade da instalación, dubidan da legalidade da planta, porque consideran que non está á distancia mínima esixida ás vivendas e que non pode acreditar a saída de urxencia dos buques gaseros.

As protestas dos veciños contra a planta de gas están apoiadas polo Comité Cidadán de Emerxencia dá Ría de Ferrol, que agrupa a máis de 60 entidades ecoloxistas, culturais e veciñais, entre elas a Confraría de mariscadores de Ferrol, e oponse desde 2001 á presenza da instalación na ría, polo que reclama o seu traslado ao porto exterior. O colectivo convocou unha mobilización para este domingo, ás 12.00 horas no porto ferrolán, para reclamar o traslado da planta de gas ao porto exterior.

A noticia orixinal en "La Opinión de A Coruña"


A noticia desde a óptica de:
NoticiasGalicia, 26.09.2007

Explosión en Mugardos
- O artefacto que explotou en Mugardos é similar ao colocado en Nigrán en abril
- O Delegado do Goberno, Manuel Ameijeiras atribúe o suceso ás recriminacións que se xeraron pola planta de Reganosa
- Asegura ademais que se descoñece a autoría" pero que "ás veces as aparencias enganan"
- O CCE contra Reganosa condena a colocación do explosivo

O artefacto que explotou en Mugardos é similar ao colocado en Nigrán en abril
noticiasgalicia.25/09/07- O delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, recoñeceu que o artefacto que explotou esta madrugada na localidade coruñesa de Mugardos "garda relación" con outros que explotaron en diferentes zonas de Galicia, como en Nigrán en abril deste ano.

No entanto, Manuel Ameijeiras asegura que de momento non se sabe a autoría" e que, por iso, "hai que ter en conta que as aparencias ás veces enganan e pode estarse querendo crear confusión coas reivindicacións lexítimas".

En concreto sinala que non se descarta nada" en relación á autoría, pero atribúe "ás recriminacións que se están producindo na plánta regasificadora" o suceso. "As reivindicacións son lexítimas aseverou e lamentou que non se poden prexudicar con estes feitos que raian o terrorismo".

Ademais, Ameijeiras insiste no respecto á liberdade de expresión pero advertiu de que non se pode pasar da raia" e que, por iso, "estas actuacións terán consecuencias policiais e xudiciais".

O CCE contra Reganosa condena a colocación do explosivo
noticiasgalicia.25/08/07.- O Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, que desde hai oito anos oponse á instalación de Reganosa no interior da ría en Mugardos, condenou a colocación dun artefacto explosivo na localidade na que se sitúa a planta de gas, e que ocasionou danos en dúas vivendas.

Manuel Rodríguez Carballeira, como portavoz do colectivo, manifestou a Europa Press a súa "solidariedade cos afectados pola explosión" e recordou que sucedeu "cerca" de onde se reúnen os veciños da Plataforma de Meá, que desde hai dous meses, manteñen un peche no Concello de Mugardos para pedir información sobre Reganosa.

Así, "condenou" calquera acción deste tipo, á vez que avanzou que "non vai enturbar a decisión que desde fai oito anos" teñen "moitos cidadáns para conseguir que non leve a cabo a barbaridade de Reganosa". En todo caso, manifestou que se os autores do incidente "pretenden desvirtuar" a oposición a Reganosa ou a mobilización prevista para o próximo día 30, "non o van a conseguir".

Así, remarcou que a postura do Comité Cidadán que se opón a Reganosa sempre foi de loita "democrática e cos instrumentos do estado de dereito". Na mesma liña, tamén se manifestou, en declaracións a Radio Coruña, recollidas por Europa Press, Luz Mariña Torrente, portavoz da Plataforma de Mehá e responsable da asociación veciñal do lugar na que se produciu a explosión. Luz Mariña Torrente cualificou de "condenable ao cento por cento" a colocación do artefacto explosivo, e lamentou un incidente que definiu como "antidemocrático".

A portavoz veciñal recordou que o colectivo, no seu rexeitamento á localización de Reganosa no interior da ría, sempre optou "pola vías da legalidade" e da "administración", polo que manifestou que serán os primeiros interesados en "que se esclareza canto antes este tema". Para Luz Mariña Torrente, o sucedido "é moi grave", porque produciu situacións de "pánico" entre os veciños. Ademais, recordou que a explosión produciuse perto de onde está a sede social da súa Asociación de Vecinos. "Parece que alguén quere atentar contra nós", concluíu.
______

A noticia no Diario de Ferrol

A noticia en "El País"

A noticia en "GaliciaHoxe"
_____________

MOI URXENTE

ebanet@enlaspuertasdelcielo.org
25 de setembro de 2007 22:01

Os veciños de Meá precisan apoio "MOI URXENTE".

A pasada noite un artefacto explosivo colocado nun colector de vidro orixinou desperfectos, precisamente, nas casas de varios dos veciños que levan máis de dous meses pechados no concello de Mugardos.

Tanto o Alcalde de Mugardos coma o Delegado do Goberno, en declaracións públicas, parecen acusar deste acto delictivo aos propios pechados, que son os primeiros interesados en que se investiguen e esclarezan os feitos e se deteña aos verdadeiros culpables.

Adxunto o comunicado dos veciños de Mehá e o teletipo da Axencia EFE coas declaracións do Alcalde de Mugardos.

Agora, máis que nunca os veciños precisan do apoio de todos. Necesitan sentirse arroupados por toda Galicia. Se queredes expresarlles a vosa solidariedade, podedes escribirlles a:

ocruceirodemeha@yahoo.es

Lembrámosvos que esta acción que están levando a cabo os veciños de O Cruceiro de Mehá, se enmarca dentro da longa batalla que levan máis de sete anos librando tódalas entidades e cidadáns que forman parte do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, colectivo que integra a máis de 40 entidades de Ferrolterra e que veñen mostrando a súa oposición á ubicación da planta de gas de Reganosa, por ilegal e perigosa.

O Comité Cidadán de Emerxencia ten convocaca unha manifestación para o próximo DOMINGO 30 DE SETEMBRO, ÁS 12 DO MEDIODÍA NO PEIRAO DE FERROL. É importante que acuda o maior número posible de persoas de toda Galicia para apoiar esta convocatoria e, ao mesmo tempo, para mostrar a solidariedade cos veciños de Meá.

PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !!

_____________


Enlace co Blog que oferta un número importante de enlaces con noticias que se produzen con respeito á planta regasificadora de REGANOSA

___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon