Onte, 4 de Setembro tivo lugar unha reunión en Madrid na sede do Ministerio de Industria, na Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, co seu titular na dirección do organismo, Jorge Sanz e coa subdelegada de Hidrocarburos, Carmen Martínez. Pola importancia da noticia transcribimos como redactan a mesma diferentes xornais nas súas edicións dixitais de hoxe.
Nas próximas horas agardamos o análise de dita reunión polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, que manterá un encontro da súa Mesa de Traballo, hoxe 5 de setembro ás 8 da tarde nos locais da Asociación Veciñal de Ferrol Vello, no Porto de Ferrol. Ao mesmo tempo o Comité Cidadán tomará acordos diante da prevista entrada doutro buque gaseiro que se espera para o vindeiro venres, 7 de Setembro.
_________________
PARA ESTE VENRES 7 DE SETEMBRO, ESTÁ PREVISTA A ENTRADA DUN NOVO GASEIRO, POLO QUE TODO O MUNDO ATENTO Á CONVOCATORIA DO COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA, POIS POR MANDATO DA ASEMBLEA CIDADÁ, TERÁ QUE TER LUGAR UNHA CONCENTRACIÓN NO PORTO DE FERROL, SEN DESCARTAR OUTRAS ACCIÓNS.
___________________
Diario de Ferrol
5 de Setembro de 2007
Industria comprométese a revisar os informes sobre Reganosa
O colectivo veciñal O Cruceiro de Mehá mostrou a súa satisfacción tras o encontro mantido con responsables da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas. Segundo os portavoces dos encerrados durante 44 días no Concello de Mugardos, o Ministerio de Industria revisará os informes sobre Reganosa.
REDACCIÓN > FERROL
Luz Mariña Torrente, presidenta da AVV O Cruceiro de Mehá, e a avogada Patricia Gabeiras mantiveron onte un encontro en Madrid co director xeral Jorge Sanz e coa subdelegada de Hidrocarburos de Industria, Carmen Martínez, no que, segundo a versión dos veciños, os representantes do ministerio mostráronse receptivos a estudar a información facilitada pola entidade en relación co procedemento de otorgamiento das autorizacións outorgadas á planta de Reganosa.
Neste sentido, os responsables ministeriais comprometéronse a revisar os informes que no seu día avalaron o funcionamento da planta de gas mugardesa, supeditado a que se cumprisen determinados condicionantes que, segundo expresan os afectados, non se tiveron en conta en posteriores autorizacións emitidas.
Entre os requisitos que condicionaban a autorización da construción da planta atopábanse o respecto ás distancias de seguridade aos núcleos de poboación e que os buques, en caso de urxencia, puidesen abandonar a ría o máis axiña posible e polos seus propios medios.
Así mesmo, os responsables de Industria aceptaron mediar cos máximos responsables do Ministerio para que o colectivo poida ser recibido polo seu titular, Joan Clos, ou ben polo secretario xeral de Enerxía, Ignaci Neto.
Ademais, continúa pendente a petición de entrevista co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. A asemblea dos afectados que iniciaron o pasado mes de xullo o peche decidiu de forma unánime continuar con esta medida de presión mentres non se produzan estes encontros.
Asemblea > Así mesmo, esta tarde manterán unha reunión co Comité Cidadán de Emerxencia ás oito no local da AVV de Ferrol Vello. A asemblea prodúcese dous días antes da chegada do próximo gasero, prevista segundo a Autoridade Portuaria para o venres.
O GNL "Ollo" chegará á planta mugardesa para descargar 63.681 toneladas de gas natural licuado. Na última asemblea cidadá, celebrada o pasado 9 de agosto, acordouse que en caso de chegada dun novo gasero realizaríase, como mínimo, unha concentración con cacerolada-tamborrada en Ferrol Vello ou en Mugardos, sen descartar a posibilidade de otrras actuacións, algunhas delas con lanchas, para realizar manifestacións por mar ou para obstaculizar a entrada dos gaseros, de forma real ou simbólica, segundo o Comité.
Enlace coa noticia orixinal no Diario de Ferrol
___________
A noticia no xornal El País, por Lorena Bustabad
O Ministerio de Industria promete á veciñanza de Mugardos revisar os permisos de Reganosa
LORENA BUSTABAD - Ferrol - 05/09/2007
O Ministerio de Industria comprometeuse onte a revisar todos os permisos concedidos no seu día a Reganosa para a construción e posta en marcha dunha planta de gas en Mugardos, ao sur da ría de Ferrol. É o compromiso que os veciños de Mehá aseguran haberlle arrincado onte ao director xeral de Política Enerxética e Minas, Jorge Sanz, tras 45 días de peche no concello mugardés e unha reunión na sede ministerial.
Satisfeita pola actitude "paciente e receptiva" do director xeral de Política Enerxética, a presidenta da plataforma veciñal de Meá, Luz Torrente, regresou a Mugardos cun "importante compromiso" debaixo do brazo: a revisión de todos e cada un dos permisos outorgados no seu día a Reganosa para a construción dunha regasificadora que opera en fase de probas.
Luz Torrente e Elena Rei, veciñas da parroquia mugardesa onde se asenta a instalación, abandonaron por unhas horas a súa protesta para viaxar a Madrid acompañadas da letrada Patricia Gabeiras e cargadas "con fotos e documentos" que na súa opinión evidencian os reiterados incumprimentos da compañía gasística. "Escoitáronnos e tomaron nota de todo. Ata recoñeceron que descoñecían algúns detalles do proceso", manifestou unha das afectadas,
Os veciños sosteñen que a planta está moi próxima ás súas vivendas (a menos de 200 metros das primeiras casas habitadas) e moi lonxe dos dous quilómetros que, como mínimo, esixe a directiva europea Seveso II. Ademais, aseguran que a norma EN-1532, que regula o tráfico de buques gaseros, non se cumpre nunha ría pequena e angosta como a ferrolá. "Cada permiso concedíase en base ao anterior e así ata formar unha bóla de neve. Pedimos que se revise todo de arriba abaixo", esixiu Torrente.
Un portavoz do ministerio consultado por este diario rehusó valorar o resultado dun encontro que cualificou de ámbito estritamente privado.
Pese ao compromiso formulado por Industria, os veciños anuncian que proseguirán un peche indefinido que iniciaron o pasado 23 de xullo. "Aínda esperamos que nos reciba o presidente da Xunta e o ministro de Industria, Joan Clos", declarou a portavoz do colectivo. Mentres, Reganosa agarda este venres a chegada do seu sétimo gasero, LNG Oyo, cargado con 63.681 toneladas de gas natural licuado.
Segundo as previsións da Autoridade Portuaria de Ferrol, o metanero arribará durante a pleamar diúrna do día 7, poucas semanas despois da atracada do último buque no medio das protestas dos mariscadores ferroláns que retomaron os bloqueos en sinal de protesta pola localización da regasificadora.
Reganosa defende que a planta cumpre "estritamente" o Regulamento de Actividades Molestas (Raminp) sobre a distancia que teñen que mediar entre a regasificadora e a poboación. A empresa promotora da instalación, na que participa a Xunta, sostén que na súa construción utilizáronse as "últimas tecnoloxías" de seguridade e que a probabilidade de que ocorra "calquera incidencia" é "moi remota".
Enlace coa noticia orixinal en "El Pais"
________________________________
Reganosa considera ´moi remota´ a posibilidade de incidentes na planta
Os veciños de Mugardos afirman que a Dirección Xeral de Política Enerxética comprometeuse onte a revisar a documentación sobre a seguridade da regasificadora.
REDACCIÓN Redacción.Ferrol
Reganosa asegurou onte que a planta de gas de Mugardos cumpre "estritamente" a normativa sobre a distancia que debe existir entre a regasificadora e a poboación e cualificou de "moi remota" a posibilidade de incidentes na instalación.
A empresa explicou onte que tanto o cumprimento do Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas (Raminp) como o uso de "modernas" tecnoloxías garanten que calquera incidencia na planta sexa pouco probable e afirma que, en todo caso, "os seus efectos limitaríanse ao propio recinto da terminal".
Reganosa informa nun comunicado de que o Raminp sinala nos seus artigos 5 e 20 que os 2.000 metros de distancia mínima entre a planta gasística e o núcleo de poboación establecidos no artigo 4 son unha distancia "orientativa" e non exixible en todos os proxectos, "a condición de que se adopten as medidas que se requiran en cada caso".
A compañía considera que ditas medidas quedaron establecidas nos reais decretos 1254/1999 e 1196/2003. O artigo 12 do primeiro fixa que os órganos competentes, neste caso a Xunta, serán os que determinen as distancias adecuadas á poboación, tras a elaboración dun estudo de seguridade.
No caso de Reganosa, o estudo pertinente foi elaborado, segundo a empresa, "por unha entidade independente e de prestixio", e avalado polo Executivo galego, que o aprobou este ano. A investigación estableceu que as "áreas vulnerables na zona terrestre non afectan á poboación", xa que se atopan dentro dos límites de Reganosa e da empresa lindeira, Forestal do Atlántico.
Reganosa tamén fai referencia ao segundo requisito establecido no artigo 4 do Raminp, que esixe que a localización dunha planta de regasificación atéñase ás ordenanzas municipais e aos plans de urbanismo.
A regasificadora manifesta que as súas instalacións atópase nunha zona cualificada no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PGOM) de Mugardos como chan urbano industrial G, que permite, expresamente, "o almacenamento e regasificación de gas natural licuado". "Polo tanto, segundo a normativa municipal, a localización da planta é correcta", destaca Reganosa.
Por outra banda, o vindeiro venres chegará a Reganosa o buque LNG Oyo con 63.681 toneladas de gas natural licuado. Será o sétimo que descargue na planta tras o inicio da súa fase en probas, o pasado 9 de maio.
Continúa o peche
Os veciños de Mugardos que se opón á planta de gas mostráronse onte "satisfeitos" coa reunión mantida en Madrid con representantes da Dirección de Política Enerxética e Minas e confían en que o organismo revise a documentación sobre a seguridade das instalacións. Aínda así, anunciaron que continuarán co peche de protesta iniciado no concello fai 44 días.
A portavoz dos afectados, Luz Mariña Torrente, manifestou a súa "satisfacción" polo encontro, que se prolongou durante dúas horas e media, e no que os representantes de Política Enerxética escoitaron "sen présas" e de modo "moi receptivo" os seus argumentos sobre a falta de seguridade da planta de gas. Segundo afirmou, a Dirección de Política Enerxética comprometeuse a revisar a documentación existente sobre a seguridade de Reganosa para constatar se cumpre cos condicionantes que se impuxeron para o funcionamento da planta.
Os veciños denuncian que Reganosa incumpre os requisitos establecidos na autorización concedida pola Dirección Xeral en 2002 e aseguran que a instalación incumpre a distancia mínima á poboación esixida na Lei Seveso II e no Regulamento de Actividades Molestas, así como que non acredita a saída a mar aberto dos gaseros en caso de accidente -reclamada na norma EN-1532-.
Luz Mariña Torrente afirmou que os representantes de Política Enerxética confirmaron que os veciños serán recibidos polo secretario do Ministerio de Industria ou o propio ministro, Joan Clos, "canto antes".
Enlace coa noticia orixinal en "La Opianión de A Coruña"
____________________________
Enlaces de interese:
__________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon