domingo, setembro 09, 2007

Señoritos voraces, artigo de Suso de Toro

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 9 de setembro de 2007 11:26
Asunto: Señoritos voraces, artigo de Suso de Toro



Señoritos voraces

SUSO DE TORO 09/09/2007


A nosa autonomía naceu, como algunhas mazás, co verme dentro. Desde dentro do propio país trabállase dun modo sistemático para destruír o noso poder político. O poder político democrático é o dos cidadáns. Existen moitos outros poderes nunha sociedade dinámica, desde os empresarios aos sindicatos, desde os movementos sociais á actividade dunha persoa particular. Pero non é admisible que calquera deses poderes pretenda substituír ao seu antollo ao poder político. Os intereses particulares lexitimamente poden estar a favor dunha ou outra opción política, pero non é tolerable que pretendan destruír as institucións de goberno democrático, ao poder político mesmo.

Vén isto a conto da campaña de prensa contra a Cidade da Cultura que vimos contemplando sen que nos estrañe o seu descaro. A Cidade da Cultura foi un capricho dun gobernante irresponsable e megalómano; non respondía a ningunha necesidade social nin se sabía para que serviría, máis aló de glorificar a memoria de Manuel Fraga. Era unha tolemia que comprometería os nosos orzamentos para anos e a prensa galega debeu informar á cidadanía, pero non o fixo. Son contados os artigos que denunciaron de fronte aquel disparate. Cando había que facelo, practicamente toda a prensa galega calou, amparou o proxecto. Sobre todo a que agora denuncia a utilidade desa obra.

Por que o fixo? Seguramente por varias razóns. Estarían de acordo entón co proxecto e poida que o que agora lles parece disparate entón parecéselles marabilla. Poida que identificásense con aquel poder político ata o punto de silenciar graves decisións. E poida que, como percibían grandes sumas de diñeiro da Xunta, iso crease complicidade.

Pero por que o fan agora? pasaron varios anos e as obras están a metade de execución. A nova Xunta xa decidiu que a solución mellor era continuar e buscarlle algunha utilidade. (Doutra banda comeza a funcionar o porto exterior de Ferrol sen contar con accesos adecuados, mentres se afunde diñeiro no fondo do mar noutro porto exterior á beira e iso non merece páxinas de prensa). Poida que algúns se alarmen agora pola Cidade da Cultura porque vexan que se equivocaron entón, cando calaron. Ou poida que non se identifiquen con este Goberno e pretendan cambialo utilizando agora erros dos anteriores gobernantes contra os actuais. Ou poida que, aínda que seguen percibindo iguais ou maiores sumas de diñeiro tamén desta Xunta, pretendan recibir aínda máis.

Sexan estes ou outros os motivos, desde logo parece evidente que se pretende destruír a gobernabilidade. O novo Goberno da Xunta chegou moi condicionado por unhas eleccións que gañou por un só deputado a un poder político moi asentado non só na Administración senón tamén na sociedade. A Xunta do PP non só era dun partido, era tamén dalgúns grupos e empresas que estreitaran lazos con aquela Administración. E parece que o que perderon nas urnas quéreno recuperar agora a través de campañas de prensa.

Preténdese condicionar ao Goberno ata o punto de que só se poida gobernar co permiso dun xornal, coma se en Galicia houbese un poder político sobre o poder democrático do presidente da Xunta.

Houbo unha opresión histórica sobre Galicia e aínda a hai en certos aspectos, pero esconde o máis ferinte: o papel dalgúns galegos que se cren donos do país e pretenden devoralo. A autonomía e as súas posibilidades para crear un país que afronte os seus problemas históricos estivo e está sendo boicoteada sistematicamente desde dentro. E a debilidade e os enfrontamentos internos dos partidos que encarnan o cambio impídelles librarse da telaraña de intereses e ataduras que seguen actuando para condicionar a política democrática, a única que é lexítima. O demais son chantaxes. A política en Galicia é un xogo corrupto pola deslealdade ao país dalgúns poderes, señoritos que pretenden desde a sombra dominarnos a todos.

Enlace co artigo orixinal

________________
ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-

Web veciñal
Blog veciñal

________

[*] Suso de Toro.-

Xesús Miguel de Toro Santos, máis coñecido como Suso de Toro, é un escritor contemporáneo galego de grande éxito comercial.

Naceu en Santiago o 10 de xaneiro de 1956. Licenciado en Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. É guionista para televisión e colaborador habitual na prensa e na radio, publicou en galego máis de vinte libros de narrativa, teatro e ensaio. A súa obra, ademais de ser traducida a varias linguas, foi obxecto de estudo en diversas universidades europeas.


Suso de Toro na Biblioteca Virtual Galega.
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon