mércores, outubro 24, 2007

O conflito das expropiacións de Canido segue sen resolverse

De: Expropiados Ferrol
-expropiadosferrol@gmail.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 24 de outubro de 2007 12:40
Asunto: O conflito de Canido segue sen resolverse



AFECTADOS POLAS EXPROPIACIÓNS DE VIVENDAS EN CANIDO (FERROL)

A tardanza na solución do problema está provocando a deterioración das vivendas que os afectados non poden reparar porque van ser derrubadas

O conflito de Canido segue sen resolverse

Un mes despois de que o Concello anunciase a solución ó conflito das expropiacións de Canido, esta segue sen chegar. Ningún dos tres veciños ós que debería de ofrecérselles un realoxo alcanzou un acordo en firme coa empresa promotora Albantur, que pretende construír no barrio ferrolán unha nova urbanización de 260 vivendas. Os afectados piden ó concelleiro de Urbanismo, o socialista Angel Mato, que explique por que tivo tanta présa en publicitar o desbloqueo dunha situación que comezou en 2004. Ese ano o Concello taxou ilegalmente os 18 inmobles expropiados por un valor de 224.932 euros, uns 12.000 euros por cada un, e iniciou un proceso de expropiacións que excede o esperpento.

Tres anos despois, os veciños están fartos de coaccións, ameazas de desaloxo e promesas que nunca se cumpren. A suposta solución á que fai referencia o concelleiro baséase simplemente nunha oferta da empresa Albantur. Os tres afectados pendentes de realoxo, están dispostos a aceptala, con todo, levan dous meses esperando a que llos convoque para asinar os documentos xurídicos que a avalen.

O propio Valedor do Pobo resalta, na última comunicación remitida ós veciños, que a situación actual é inaceptable. A institución que agora dirixe Benigno López enviou dez cartas ó Concello pedindo que lle concrete como vai ofrecerlles o reacollo ó que legalmente teñen dereito. Desde fai varios meses, o consistorio limítase a responderlle que hai unha negociación aberta. “Non pode entenderse que esa efectividade (a do realoxo) veña só pola vía dunha prolongada negociación entre os afectados, o Concello e a promotora”, resalta o Valedor, quen engade que “a actual indefinición crea unha situación de inseguridade que vostedes, os afectados, padecen, e que non deberían soportar”.

A tardanza na solución do conflito está carrexando, ademais, novos problemas. As vivendas expropiadas son antigas e algunhas necesitarían reformas para poder vivir nelas dignamente. Pero os afectados non poden facer obras, porque as casas vanse a derrubar. Os veciños reclaman unha vez máis ó Concello que poña fin ó problema, pois polo momento parece que só ten interese en simular que está resolto. De prolongarse esta situación, os afectados veríanse obrigados a iniciar un novo procedemento xudicial contra o consistorio para reclamarlle danos e prexuízos polas molestias ocasionadas.
______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon