De: santiago diaz-gazón morillo
-xantia@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 18 de novembro de 2007 20:20
Asunto: IMPRESCINDIBLE. DE SUSO DE TORO
Hai cinco anos
SUSO DE TORO El PAÍS - 18-11-2007
Dicimos "fai cinco anos" e pensamos que só datamos, que recontamos, non nos damos conta de que ao dicir así facemos que un día, un momento, sexa especial. Non nos damos conta de que facendo así consagramos un día, facemos sacra unha data. Días especiais, días santos (Os humanos somos seres relixiosos, segregamos relixión sen querelo).
Fai agora cinco anos foron días especiais e facemos ben recordando e celebrándoos, pois fundaron o noso presente. O presente que hoxe temos, o que sexa que teña a Galicia actual gañámonolo entón contra moito e contra moitos. Que se crían tan poderosos, que os criamos tan poderosos.Cada un pode facer memoria: Onde estaba eu entón? Que estaba facendo cando vin por primeira vez o chapapote? Vino na costa ou na pantalla dun televisor nun bar, na miña casa? A quen lle oín dicir as primeiras mentiras? Oínllas na radio, ou vin a súa imaxe na televisión mentres as dicía? Estiven baixo a choiva gritando a nosa rabia nas rúas de Santiago ou o vin por televisión? Chorei de pena, de rabia? Limpei chapapote? Fixen unha pancarta cos meus fillos? Cada un pode facer a súa memoria e entre todos armamos a nosa.
Recorda, recorda. Tal día 18 fai cinco anos achegueime á costa, La Vanguardia pediume que escribise unha reportaxe sobre o que entón era un naufraxio e, aínda que con desgana, aceptara. No medio daqueles días de temporal era unha mañá tranquila, nalgún momento abríase o ceo e asomaba un pequeno sol frío. Cheguei a Muxía e vin aquilo. Non vou describilo, é difícil pasar a palabras aquel asombro e confusión. Non sabía se rir ou chorar, así que chorei apenas unha bágoa, vía aquilo que o Goberno dicía que non existía. Decidín arrefriar o ánimo para actuar. Xureime que ía contar aquilo e un xuramento ten as súas formas así que mollei a pasta do caderno no chapapote. No caderno tomei notas para os artigos que fun enviando: o día 19 publicouse Flota unha pedra na Costa da Morte, logo A gran balea negra afúndese, Carga de profundidade na fronte do Oeste, Dimisión... Un, que traballa coas palabras, sentiu que debía contalo e debo dicir que nunca escribín tan ben. Pois ás veces a musa máis terrible é a máis inspiradora.
Pero cada un sabe as súas, outros fixeron cousas máis necesarias. Pero entre todos fomos capaces de transformar a merda en ouro, daquel amasillo de chapapote e mentiras fixemos rebeldía e liberdade. Foron días de aprendizaxe e o coñecemento verdadeiro hai que gañarllo, non basta chapar libros, iso serve para aprobar, non para vivir. E aquí gañámonos todos, ou case todos, coñecer. Viñeron moitas persoas de lonxe e viron, vestíronse de branco e durmiron no chan, limparon aquela cousa negra da nosa costa co que puideron e non lle daban. Os nosos mariñeiros improvisaron unha flota gloriosa, inventaron instrumentos e defenderon as rías. As nosas mariscadoras faenaron naquel molusco negro. Os nosos médicos afrontaron unha nova praga. Os nosos profesores ensinaron unha materia nova. Os nosos nenos fixeron unha cadea humana, a máis conmovedora. Os nosos artistas inventaron novos versos. E todos gritamos "nunca máis". Entre todos sumamos esforzos, cifras que non caben en ningún libro Guinness. Entre todos excepto eles, os que nos trouxeron tanto desastre. Os señores das mentiras. Excepto eles.
Naqueles días que fundaron o noso presente, o alcatrán foi a tinta que todo e a todos retratou. Retratou cousas que xa non recordabamos, como o amor que sentiamos pola nosa terra, as nosas rías e o noso océano. Cousas que non nos atrevemos a sentir, como a dignidade colectiva e a liberdade. Retratounos máis fermosos que nunca. Tamén os retratou a eles, aos que gobernaban coas mentiras. Aquel temporal retratou negro sobre branco aos mentireiros.
Quizá nunca volvamos brillar tanto. Hai horas e momentos especiais, son os días de fundación, os instantes de enerxía que fundan un mundo. Ou polo menos o noso presente, o que nos demos. Custounos moito traballo gañalo, debemos ser esixentes connosco mesmos.
Enlace co artigo orixinal no xornal El País
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon