mércores, novembro 07, 2007

O conflito das expropiacións de Canido no Programa de TV "Callejeros" na Quatro

Tags

De: Expropiados Ferrol
Para: artabra21@gmail.com
Data: 7 de novembro de 2007 12:31
Asunto: O conflito das expropiacións de Canido no Progra de TV "Callejeros" na Quatro



AFECTADOS POLAS EXPROPIACIÓNS DO BARRIO DE CANIDO (FERROL)

Mato debería de explicar publicamente porqué anunciou unha solución ó conflito que non chega

As expropiacións de Canido, en Callejeros, este venres 9 de novembro, áas 22 hrs.

A inxusta situación que padecen os veciños afectados polas expropiacións do barrio ferrolán de Canido poderá coñecerse este venres ás 22.20 horas nunha reportaxe do programa Callejeros, que emite a cadea Cuatro para toda España. O reporteiro David Moreno recolle no seu traballo audiovisual “o drama de decenas de familias expropiadas” en diferentes puntos do estado, segundo informa a cadea televisiva. Os tres veciños pendentes de que se lles dea un realoxo (ou unha compensación económica suficiente para buscalo por si mesmos) explican a Callejeros os problemas que lles carrexou a decisión do goberno local de expropiar as súas casas por prezos rídiculos de ata 10.000 euros, para permitir que unha promotora madrileña, Albantur, faga un suculento negocio construíndo unha urbanización de máis de 260 vivendas.

Os afectados recordan que fai máis dun mes o concelleiro de Urbanismo, Angel Mato, convocou unha rolda de prensa para anunciar a resolución dun conflito aberto no ano 2004. A día de hoxe esta segue sen chegar. Os veciños cren necesario que Mato compareza publicamente para explicar porqué tivo tanta présa en publicitar un acordo coa promotora, que non foi subscrito aínda. Reiteran que están fartos de que se lles ofrezan expectativas sobre a solución dos seus problemas e que logo nunca se cumpran. Ademais, denuncian que o comportamento dos sucesivos concelleiros que ocuparon a carteira de Urbanismo non fai máis que evidenciar a falta de respecto da clase política cara á cidadanía.

O problema das expropiacións no barrio de Canido tivo desde as primeiras amenezas de desaloxo unha ampla cobertura mediática. Ademais dos medios locais e autonómicos, a cadeas estatais tamén fixeron eco da noticia. O programa Caia Quen Caia de Telecinco acudiu a Ferrol para esixir explicacións ó entón alcalde, Juan Juncal. A reportaxe foi seguida por 4,2 millóns de espectadores. O vídeo aínda pode verse en Internet, a través de You Tube. Ata o momento foi reproducido en máis de 18.000 ocasións.
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon