"A xente perdeu o medo ao poder"
Os escritores Rivas e De Touro destacan o cambio que desatou a marea negra
S. V. - Santiago - El País 11/11/2007
Unha Galicia "afogada", con "medo" e "falta de liberdade", un país no que ninguén se atrevía a disentir" porque quen o facía "desaparecía", era "silenciado". Así era, segundo os escritores Manuel Rivas e Suso de Touro, a sociedade que presenciou arrepiada a avalancha contaminante que lanzou o Prestige en novembro de 2002. Rivas cre que aquela marea negra deu lugar a unha "ecoloxía da liberdade" e De Touro escoitou durante aquela crise "un berro enorme de rabia, unha rabia liberadora". "A xente perdeulle o medo ao poder", subliña Rivas.
Estes escritores foron dous das caras de Nunca Máis, un movemento no que os artistas galegos puxéronse á cabeza. "A catástrofe púxonos ante o dilema de responder ao golpe como unha sociedade desaparecida ou como unha sociedade da imaxinación, e a que emerxeu foi a segunda", argumenta o coruñés Rivas. O compostelán De Touro considera que durante uns meses o "réxime de Fraga perdeu o mando sobre os cidadáns", que "descubriron o papel de control político dos medios de comunicación" e "aprenderon a autoorganizarse". Rivas sostén que ese "xiro copernicano" é "irreversible", unha percepción coa que coincide De Touro: "Foi o comezo dunha etapa na que aínda estamos hoxe".
O autor de Os libros arden mal considera que o Goberno de PSOE e BNG "non está á altura da sociedade da imaxinación" que emerxeu tras o naufraxio do petroleiro e o de Madeira de Zapatero opina que o Goberno bipartito non comprendeu aínda o "cambio" que experimentaron os galegos. "A xente perdeulle o medo ao poder político", esgrime.
Controlar aos habitantes de Galiza púxose máis difícil para o poder político. Xa non chega con intervir na información que ofrecen os medios de comunicación nin contar con organizacións sociais que sirvan de "correa de transmisión".
"As organizacións sindicais e políticas fixéronse autónomas", sinala De Touro, quen apoia a súa afirmación aludindo ás críticas e mobilizacións contra o bipartito que foron dirixidas por colectivos nacionalistas como o sindicato CIG ou a asociación ecoloxista Adega. Por iso De Touro considera especialmente "perverso" que a actual Xunta manteña unha relación cos medios similar á do PP, en relación ás axudas directas que seguen recibindo do Goberno galego as empresas de comunicación. "Os políticos galegos non comprenderon aínda que agora se goberna a cidadáns, non a fregueses que seguen cegamente ao cura párroco", subliña o escritor.
Rivas opina que a Galicia actual "está paladeando o sabor da crítica", tras a "derriba do antigo réxime". "Hoxe en Galicia fálase con liberdade", afirma, "e por iso un problema como o da Cidade da Cultura, que antes non existía, é agora un tema central". O xornalista avoga por non esquecer os xeitos do fraguismo e, ademais do silencio sobre a desmesura da Cidade da Cultura, rememora as "intervencións gubernativas que intentaron amedrentar á poboación" durante a crise do Prestige. "Intentouse prohibir que a manifestación de Nunca Máis entrase no Obradoiro e chegouse a dicir que eramos de Batasuna".
O cambio experimentado pola sociedade galega vese hoxe, segundo De Touro e Rivas, no movemento de oposición ao plan de piscifactorías, que pretende expropiar máis de tres millóns de metros cadrados xunto ao mar para entregarllos en concesión ás empresas. Tamén na recollida de 21.000 firmas contra a legalización de canteiras no Courel, ou na creación dunha rede de organizacións cidadás en defensa do litoral, denominada Rede Litoral Vivo. Rivas recórdalle ao bipartito que "parte consustancial da súa existencia é esta sociedade crítica" e De Touro está convencido de que a transformación non ten volta atrás.
Enlace co artigo orixinal no xornal en "El País"
_______________________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
xoves, novembro 15, 2007
A xente perdeulle o medo ao poder
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan xoves, novembro 15, 2007
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon