venres, decembro 07, 2007

A Constitución celebra o seu 29 aniversario sen garantir o pleno cumprimento dos dereitos fundamentais dos galegos

De: Movemento polos Dereitos Civís
-mpdc@movemento.org-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 5 de dezembro de 2007 14:33
Asunto: A Constitución celebra o seu 29 aniversario sen garantir o pleno cumprimento dos dereitos fundamentais dos galegos


A Constitución celebra o seu 29 aniversario sen garantir o pleno cumprimento dos dereitos fundamentais dos galegos

O MpDC lembra a necesidade de modernizar e adaptar a Carta Magna á nova realidade social

A Constitución Española celebrará mañá o seu 29 aniversario sen garantir o amplo cumplimento de moitos dos dereitos dos galegos recollidos no texto da Carta Magna. Case trinta anos despois de ser aprobada co consenso de todas as forzas políticas existentes naquel intre e contando co apoio da cidadanía, a vulneración dos dereitos é un feito que continúa ocorrendo a cotío, co agravante de que, en moitas ocasións, son as proprias institucións públicas as que se saltan os preceptos que a C.E. promove. Con motivo da conmemoración, o Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) quere denunciar que a sociedade galega vese especialmente afectada no que respecta a defensa dos seus dereitos, xa que, tanto os mandatos do Preámbulo como os recollidos no Título I, os referidos aos dereitos fundamentais, son quebrantados sen que se tomen medidas axeitadas para detelo.

Neste sentido cabe destacar que a cidadanía galega se atopa en desigualdade de condicións no que se refire ao compromiso de “protexer a todos os españois e aos seus pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas e tradicións, linguas e institucións”, posto que de todos é coñecido que a defensa da lingua galega non acada os ratios desexados. Dende as graves declaracións do Valedor do Pobo nas que menosprezaba e minusvaloraba o galego ata a negativa dun gran número de xuíces á dirixirse no noso idioma á cidadanía ou mesmo a traducir as sentenzas mostran a indefensión dos galegos. Feitos estes dos que se pode destacar que a defensa do galego, a nosa cultura e as nosas tradicións non se garanten coa Constitución do Estado Español nacida hai xa 29 anos.

Dereitos Fundamentais

O MpDC tamén quere lembrar que os artigos recollidos no Título I da Carta Magna están sendo vulnerados mesmo polas institucións públicas encargadas de garantir o seu correcto cumplimento. Estes artigos merecen especial protección, xa que atenden aos dereitos fundamentais das persoas, como son o dereito á Igualdade ante a Lei e Dereito a Vida, á Intimidade, á Liberdade de Expresión ou os dereitos dos estranxeiros e nin sequera son respectados polos organismos creadas específicamente para velar polo seu cumprimento.

En Galiza existen claros exemplos de violación de cada un destes preceptos. Hai unhas semanas un veciño de Meis, que se demostrou que era inocente, foi tiroteado por membros da policía, que quedaron absoltos por “non haber intención” de facerlle dano, mentras que os veciños do Eixo, onde si se demostrou a súa non intencionalidade de face dano a un membro dos Corpos e Forzas de Seguridade, están a cumprir cadea dende o 31 de outubro. Pola súa banda, a proliferación das cámaras de videovixiancia fixo que o dereito á Intimidade sexa un dos máis vulnerados en Galiza, na maioría dos casos por parte dos organismos públicos, que no seu afán de plantexar medidas políticas de cara á sociedade instalan dispositivos de control, para os que, en multitude de casos, nin sequera contan cos pertinentes permisos.

Do mesmo xeito a Liberdade de Expresión vese coartada pola limitación da participación cidadá na vida municipal ao impedírenselle a entrada nos plenos ou coa censura no acceso a deteminadas páxinas web aloxadas nos servidores Blogger, dende os edificios dependentes das administracións públicas. Tampouco os estranxeiros residentes no noso país teñen garantizados os seus dereitos, pois a cor da súa pel convértese en moitos casos no factor determinante á hora de identificar ou deter a unha persoa que vai pola rúa. Por todos estes motivos, dende o MpDC lémbrase a necesidade de atender ás demandas da sociedade que reclama a modernización e a adaptación da Carta Magna aos novos tempos e realidades.

Renato Núñez: 61085885
_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon