De: Alexandre -mpoulo@teleline.es-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 20 de fevereiro de 2008 22:35
Asunto: Crónica: a mobilización social que volve
Crónica: a mobilización social que volve
19-02-2008
O pasado domingo 17 de febreiro medio cento de colectivos de ámbito fundamentalmente local e comarcal (a excepción das organizacións de carácter ambientalista) lograron axuntar, nunha manifestación na capital galega, a preto de 10.000 persoas, baixo o rotundo lema de “Galiza non se vende”. Esta mobilización é se cadra, e até o día de hoxe, o maior toque de atención que sectores sociais que propiciaron o cambio político-institucional en Galiza lle dan ao actual goberno bipartito da Xunta. Así, o lema máis coreado da marcha foi “Galiza non se vende, goberne quen goberne”, toda unha declaración de principios para esta iniciativa mobilizadora.
Mensaxe de esquerdas e nacionalista
Aínda que as reivindicacións destes colectivos sexan en si moi heteroxéneas, xa que van desde o rexeitamento do Plan Acuícola que pretende desenvolver o Goberno galego até a defensa de enclaves como o Courel, pasando pola oposición á instalación de Reganosa na ría de Ferrol ou aos proxectos urbanísticos na costa do Morrazo, na mobilización víase un fío condutor común: a defensa da Terra, do territorio, fronte aos abusos que se veñen cometendo desde as esferas do mundo empresarial ou do propio poder político. Un discurso non excesivamente articulado, mais que si se pode situar nos parámetros da esquerda transformadora (denuncia do papel das multinacionais, cuestionamento das políticas neoliberais, etc.) e mais no nacionalismo emancipador (defensa da identidade propia...).
Nese sentido, rastréxase perfectamente o pouso que deixou na sociedade galega a experiencia da plataforma Nunca Máis e e do seu pulo mobilizador tras a marea negra do Prestige de finais do ano 2002. A mobilización do día 17 bebe desas augas e volve situar nun primeirísimo plano o papel da autoorganización social e dun sentimento de país como o que no seu día fora quen de xerar a devandita plataforma.
O PSOE incapaz de encaixar a mobilización
O PSOE, por boca do propio Pérez Touriño e mais de Pachi Vázquez, conselleiro de Medio de Ambiente, non tardou en responder as demandas cidadás, acusando de “oportunistas” aos promotores da mobilización. Unha resposta que é obvio que non agocha o malestar nas fileiras socialistas ante as críticas á súa xestión de Goberno, sobre todo en áreas como Pesca, Medio Ambiente e Política Territorial. Son conscientes, ademais, e de aí a súa actitude chulesca nas súas declaracións, de que boa parte da xente que se mobilizou son persoas e colectivos da base social do nacionalismo e, polo tanto, pouco se poden ver afectadas as súas posibilidades electorais no noso país nos vindeiros comicios de marzo.
Silencio na dirección do BNG
Pola súa vez, o BNG garda un estraño mutismo(*) a respecto da devandita mobilización. A súa dirección política semella sorprendida polo evidente éxito da convocatoria e é sabedora de que ese éxito mobilizador está motivado polo traballo social –en plataformas veciñais- de persoas estreitamente vinculadas á organización frontista. De feito, máis alá das caras públicas do BNG das que se facían eco os medios, como as dos agora “críticos” X. M. Beiras ou Camilo Nogueira, tamén se advertía a importante presenza de militantes desta organización de menor relevancia pública, mais que desenvolven traballo militante en diversas localidades ou comarcas do país.
Fronte a esta realidade, foi clamorosa a ausencia dos pesos pesados do BNG na mobilización, a diferenza do que acontecía antes da súa chegada ao goberno coas convocadas, por exemplo, por Nunca Máis. E este é un factor que tampouco non pasou desapercibido para os manifestantes, que mesmo expresaban o seu desamparo ante este feito, xa non tanto coas consignas (que tiñan como destino preferente a Pérez Touriño e á súa conselleira de Pesca, Carmen Gallego) senón cos comentarios que se deixaban sentir tanto na propia mobilización como nos foros de internet.
Custos, a curto prazo, ao nacionalismo político
Polo tanto, seguramente sexa o BNG a forza máis damnificada a curto prazo polos ánimos concitados tras a mobilización promovida pola plataforma ‘Galiza non se vende’, co risco que isto supón para as expectativas políticas da devandita forza nacionalista, que depende máis que ningunha outra do esforzo dos seus militantes e achegados.
A tradución política disto sería unha perda, aínda relativa, nos apoios electorais ao BNG nas vindeiras eleccións a Cortes Xerais e máis posibelmente nos comicios autonómicos do ano 2009 (se finalmente o PSOE non decide unilateralmente un adianto electoral, tras as eleccións de xuño). Esta posíbel perda de votos do BNG iría ao saco da abstención, xa que nin Izquierda Unida –cun importante despregue de cadros políticos na manifestación- nin as opcións existentes hoxe no independentismo organizado (FPG e NÓS-UP, que nin sequera foron quen de presentar listas aos devandito comicios) parecen estar en disposición de recoller o descontento que se está a xerar nun sector importante do nacionalismo que tradicionalmente viña apoiando ao BNG.
Reflexión da dirección nacionalista
Porén, a día de hoxe, é impredicíbel a lectura que a dirección da organización nacionalista vai facer desta mobilización, aínda que resultaría inexplicábel que non xerase ningún tipo de reflexión nos cadros políticos que conforman o actual equipo dirixente do BNG, con Anxo Quintana á cabeza.
De non o facer, e de non actuar en consecuencia, a dirección do BNG cometería unha grave irresponsabilidade que contribuiría a afondar no que algúns sectores e colectivos denominan como a ‘deriva’ na que se vén sumindo esta forza política, acentuada se callar aínda máis polo seu acceso a responsabilidades de goberno na Xunta de Galiza.
Galiza, 19 de febreiro de 2008
(*) A prensa escrita do día 20 de febreiro recolle as delirantes palabras de Francisco Rodríguez, membro da Executiva do BNG e que viña desenvolvendo o seu traballo político como deputado no Congreso dos Deputados, descualificando por completo os obxectivos da mobilización e as persoas e colectivos que se manifestaron, chegando mesmo a utilizar o adxectivo "desleal" para definir o seu proceder.
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
mércores, febreiro 20, 2008
Crónica: a mobilización social que volve
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan mércores, febreiro 20, 2008
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon