mércores, abril 30, 2008

1º de Maio de 2008 en Ferrol Terra

1º DE MAIO DÍA DO INTERNACIONALISMO PROLETARIO

Os sindicatos reivindican outro modelo produtivo nos actos do Primeiro de Maio


A división entre os sindicatos estatais e a CIG, con representación maioritaria na comarca, volve marcar a celebración do Primeiro de Maio. Porén, as tres centrais coinciden en rexeitar o actual modelo produtivo froito da globalización e reclaman que os traballadores non sexan os que paguen a actual conxuntura de crise.

A CIG manifestarase neste Primeiro de Maio por un “Modelo socioeconómico xusto e sustentable”. O lema, explicou onte o secretario comarcal, Xesús Anxo López Pintos, vén a conto cando se están a batir récords de produtividade e ó mesmo tempo de pobreza. Segundo sinalou, nos últimos oito anos as empresas españolas aumentaron os seus beneficios netos nun 73%, máis do dobre do que o fixeron a media das europeas, e os salarios só medraron o 3,7%, cinco veces menos que na UE. O sindicato nacionalista culpa desta realidade ás centrais estatais e maila súa política de pactos de contención salarial.

“Debemos mobilizarnos por un novo modelo socioeconómico, porque esta é unha crise do sistema neoliberal”, sinalou Pintos, que lembrou que a CIG reclama, xunto ás melloras para a clase traballadora galega, o dereito á autodeterminación. Segundo explicou o secretario de organización, Francisco Cartelle, a manifestación do xoves sairá ás doce do mediodía do local sindical e fará o percorrido habitual, pola avenida de Esteiro e rúas Españoleto, Rochel e Real, ata o Cantón de Molíns. Á mesma sumaranse, segundo dixo, varias asociacións de inmigrantes na comarca.

Pola súa banda, CCOO e UGT convocan conxuntamente a súa mobilización baixo o lema “É o momento da igualdade, do salario digno e do investimento produtivo”. O plantexamento faise tamén desde un prisma global e propón un cambio de modelo neste momento de crise. En palabras de Xulio Abelleira, secretario comarcal de CCOO, “o sistema produtivo fracasou porque está baseado na especulación e a mellora a curto prazo” e é necesario apostar pola inversión en I+D+i e en infraestruturas. No mesmo sentido, a responsable de UGT, Mónica Ferreira, reclamou “que a desaceleración económica non afecte só ós traballadores”.

A manifestación de CCOO e UGT sairá o xoves ás doce do mediodía do Inferniño e rematará na praza de Armas, onde intervirán os responsables de ambas centrais. O acto significará a reaparición do secretario comarcal da UGT, Juan Luis Dopico, que estivo afastado do traballo sindical nos últimos tempos por unha grave enfermidade.

Tamén en solitario, a USTG trae este ano á comarca de Ferrolterra o seu acto central. A Casa da Cultura de Pontedeume acollerá, á unha da tarde, unha intervención do secretario xeral, José María Freire, e posteriormente celebrarase un xantar nun restaurante de Nogueirosa. A Unión Sindical de Traballadores de Galicia celebra a data co lema “Non imos quedar parados” e acusa ás centrais “oficiais” e maioritarias de estar “atrapadas nos grandes aparatos que constitúen unha morea de burócratas preocupados en manter o seu status quo”.

Por M. MAYORAL
DIARIO DE FERROL - 30.04.2008

______________

Enlaces relacionados:

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Confederación Intersindical Galega CIG
Confederación Galaica da CNT - AIT
Confederación Unitaria de Traballadores CUT
UGT - Galicia
Unión Sindical de Traballadores Galegos USTG





































Manifiesto da CSI con ocasión do Primeiro de Maio de 2008








_______________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon