xoves, abril 17, 2008

A SGHN denuncia unhas obras no Parque Natural das Fragas do Eume

De: SGHNFERROL -sghnferrol@teleline.es-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 17 de abril de 2008 13:48
Asunto: Denuncia obras Parque Natural das Fragas do Eume



Denuncian obras no Parque Natural das Fragas do Eume

Adxunto vai o escrito de denuncia de obras no Parque Natural das Fragas do Eume, enviouse o mesmo documento a diferentes autoridades:

-Delegado Provincial de Medio Ambiente
-Delegada Provincial de Medio Rural
-Director Xeral de Conservación da Natureza
-Alcalde do concello de A Capela.

Saúdos


A Delegación de Ferrol da Sociedade Galega de Historia Natural amosa o seu total desacordo coas actuacións que recentemente comezaron a realizarse dentro do contorno de Parque Natural das Fragas do Eume, nunha pista forestal que comeza na estrada que une As Neves (A Capela) coa central eléctrica de Ventureira, e discorre polo interior do Parque, rematando nas inmediacións do Mosteiro de Caaveiro.

As obras, xa comezadas, aínda que semella que paralizadas, consisten no pavimentado do firme, cunha ringleira de lousas na parte central, material compactable nas rodeiras, adoquinado nos laterais, e un borde resaltado construído con cemento, pechando unha das beiras do vial.

A pista forestal fora aberta no seu inicio, hai máis de vinte anos, coa finalidade de conectar o Mosterio de Caaveiro coa estrada antes citada. A actuación non chegou a realizarse por completo, quedando inconclusa, resultando un camiño forestal ancho con firme de terra que remata a uns 300 metros do mosteiro. Dende aquela, o único uso que se lle deu foi o de vía de circulación para tractores relacionados coa explotación forestal, ademais da posibilidade de acceso para medios antiincendios en caso de producirse algún lume. Deste xeito, a presión humana sobre o medio resultou mínima, compatibilizándose os usos forestais co uso e disfrute das fragas, dado que o camiño serve como roteiro a pé para aquelas persoas que desexen adentrarse no parque, en dirección ao mosterio, dende o Concello de A Capela.

A nova actuación, pola contra, non cumpre con este requisito de compatibilización de usos e respecto ao medio natural, por varias razóns:

-Non queda garantido que se vaian respectar os usos do aproveitamento forestal, pois o tipo de pavimentación xa construído non se corresponde coas características necesarias para este fin.

-O mesmo se podería dicir a respecto da circulación de vehículos antiincendios.

-Orixínase un considerable impacto paisaxístico, non habendo correspondencia entre a paisaxe natural e a actuación que se está levando adiante, aceptable para un medio periurbano pero non para este espazo.

-Perigo de afección á zona de Caaveiro: ante o absurdo desta actuación, coa pavimentación de arredor de 400m de pista que non conduce a ningunha parte, vémonos na obriga de facer conxeturas acerca do obxectivo real que se persegue, que ao noso entender non pode ser outro que, co paso do tempo, o vial remate sendo un acceso do tráfico rodado cara a Caaveiro. No caso de que isto chegara a ser así, o impacto sobre o Parque sería enorme. En todo caso, a actuación que se pretende, ao non ter un obxectivo claro, é un gasto de recursos económicos e materiais inaceptable.

A falta do Plano de Xestión do Parque e a posta en marcha efectiva da Xunta Reitora do Parque fan posible que se desenvolvan proxectos como este. Non obstante, e referíndonos ao Plano de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) do Parque das Fragas do Eume, no seu artigo 3 establécese: “As infraestruturas de explotación (pistas e vías de acceso) axustaranse ao que dispoña a Consellería de Agricultura e se construirán atendendo a criterios de incidencia mínima sobre o solo e a paisaxe”.

Igualmente, o Decreto 218/1997, de 30 de xullo, no artigo 5.3 establece que existe a obriga de xustificar debidamente todo proxecto de obra ou aproveitamento.

Como queda claro no anteriormente exposto, para este proxecto non hai obxectivo, e, por tanto, xustificación algunha, polo que solicitamos que non se continúe coa obra comezada e se repoña o espazo á súa situación inicial. Cremos que o reafirmado dalgúns tramos da pista será suficiente para mantela en bo estado, sempre e cando se leven adiante, periodicamente, os labores de conservacion necesarios para manter perfectamente encauzadas as augas de escorredura e máis os regos que cruzan o camiño.

Ferrol, a 16 de abril de 2008

O Delegado da SGHN-Ferrol

Asdo.: Juan Ignacio Díaz da Silva

SR. DELEGADO PROVINCIAL DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE
_________________________

Sociedade Galega de Historia Natural
Dende1973 estudiando, divulgando e defendendo o medio natural galego
Delegación de Ferrol
Apartado de Correos n1 356 ; 15480 FERROL (A Coruña)
Tfno. (24 horas) e fax 981 35 28 20
mobil 616 388 935
web: http://www.sghn.org
correo-e: sghnferrol@terra.es
Blog da Delegación de Ferrol:
http://sghnferrol.blogspot.com
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon