O pasado Xoves, 17 de Abril, Xosé Manuel Sarille, membro da Mesa pola Normalización Lingüística da cal foi o seu Presidente, convidado pola A. C. Fuco Buxan, presentou o seu libro “A impostura e a desorientación na normalización lingüística”, onde realiza unha análise crítica da loita na defensa da língua galega. O xornal comarcal Diario de Ferrol, publicou na súa edición do 18 de Abril, unha entrevista co autor, realizada por María Jesús Rico. Polo seu interese a transcribimos a continuación.
Diario de Ferrol Ferrol
Viernes 18 de Abril de 2008
XOSÉ MANUEL SARILLE PRESIDENTE DE HONRA DA MNL
“A política da lingua do PP, do PSOE e do BNG é a mesma”
Xosé Manuel Sarille, onte, na galería Sargadelos
DANIEL ALEXANDRE
ENTREVISTA DE MARÍA JESÚS RICO
O primeiro presidente da Mesa pola Normalización Lingüística presentou onte en Ferrol, na galería Sargadelos, un libro no que reflexiona sobre o que se fixo e se fai en defensa do galego, moi insuficiente na súa opinión. O acto organizouno Fuco Buxán.
Xosé Manuel Sarille presidiu a Mesa de 1986 a 1997. En “A impostura e a desorientación na normalización lingüística” (Candeia, 2007) disecciona sen compracencias a política dos últimos anos en canto ó galego, incluído o bipartito, e proporciona elementos para un debate urxente.
O libro, ¿recolle a historia do que se fixo no eido lingüístico desde a Transición?
Unha parte, pero tampouco é unha reflexión histórica. Eu considero que hai dous períodos desde o comezo da democracia ata agora. Un débil, no que se fan poucas cousas, cando se poñen as bases democráticas que tamén implican á lingua desde o ordenamento legal, na Constitución, no Estatuto e na Lei de Normalización Lingüística. Despois hai outro período, o de Fraga, de parálise practicamente total. Noutro capítulo falo dos principais problemas que ten a política de lingua. Creo que aporto cousas que nunca se dixeron.
Por exemplo...
Pois que Galicia converteuse nun país rico, que ten algo de provocación.
Depende de con quen te compares.
Aí está a cuestión. É un país rico dentro do contexto mundial aínda que sexa un país pobre dentro da Unión Europea ou dentro do Estado.
E iso, ¿que consecuencias ten no idioma?
Os únicos países que son capaces de desenvolver políticas lingüísticas son países ricos. Nós somos un país rico pero atrasado e desenvolvemos unha política a medias, primeiro porque non hai moita vontade pero despois porque a política de lingua é complexa e necesita moito diñeiro. Hai que ter unha formación que os técnicos de normalización lingüística a estas alturas non teñen.
Di que non hai vontade de levar adiante unha boa política lingüística.
Esa vontade quen máis a tería que expresar serían os partidos nacionalistas, neste caso o BNG, pero resulta que a política que estivo facendo ó longo de todos estes anos é, desde o meu punto de vista, errática. Onde goberna non ensaia unha política diferente da que levan a cabo os outros partidos. Créase un modelo nos anos 80 que colle todo o mundo, galeguízase o papeleo administrativo. Cando hai que dar un segundo paso, é dicir, como se actúa diante dos veciños, como se galeguiza a vida social do municipio, aí ningúen se moveu, tampouco o BNG. ¿A que se dedican os servizos de normalización? A facer política cultural, a organizar o Día das Letras Galegas ou unha conferencia sobre Rosalía.
E iso por que, ¿por medo?
Porque non se sabe facer, porque é unha política complexa e porque ademais non hai moita vontade. Ese asunto pásase a un segundo termo, considérase como unha cuestión absolutamente secundaria. Hai moi mala formación nesa cuestión. Non se deron novos pasos, a política da lingua do PP, do PSOE e do BNG nos concellos é exactamente a mesma, sen dubidar dunha maior conciencia da xente do Bloque, pero a cuestión é que a práctica é a que é. Aí temos tamén culpa outros, concretamente a xente da Mesa. O PP na Xunta facíao fatal e os cañonazos centrábanse contra o goberno pero claro, estabamos esquecendo que nos concellos en que gobernaba o BNG e en calquera dos demais, facíase exactamente a mesma política, que era unha política de conmemoración lingüística. Pero o que hai que facer para que os comercios dos concellos se galeguicen, iso non se toca. En ningún dos casos.
Aínda así xorden grupos de protesta contra o que xa se fai, como Galicia Bilingüe.
Iso é un movemento buscado, unha cuestión de onde está politicamente, nestes momentos, o PP. Pero a práctica do PP ata o de agora non foi esa, ata hai un par de anos, ó respecto da lingua, e sobre todo cando gobernaba, era unha práctica de conmemoración. Nos concellos tiñan a mesma política que os outros grupos e hoxe na Xunta, curiosamente, a política que teñen o PSOE e o BNG é a mesma que tiña daquela o PP. Se me apuras un pouco, o que hai é unha política máis débil aínda que a que tiñan eles. O decreto para o ensino que aprobou o PP hai anos está copiado de Cataluña. O de hai un ano está copiado de Baleares, moi por baixo da plena galeguización que marca o programa electoral do bipartito. Que é o que pasa, que aí o PP cambia de postura e como se coloca na oposición, e ademais colócase no monte, entón ataca, pero esa é a novidade, non a outra.
Os nenos galegofalantes, ¿seguen a perder o seu idioma cando se escolarizan?
A escola segue sendo un factor de castelanización fundamental, sen dúbida. Cando se di o contrario é unha auténtica barbaridade. Pero non hai vontade de facer cambiar iso. Eu creo que nin Touriño nin Quintana reflexionaron nunca sobre a lingua en toda a súa vida, é o que ocorre con tódolos políticos de Galicia en xeral.
Entón, segundo vostede, a situación vai a peor.
Si, si. Sen dúbida.
A perda de falantes non se frea.
En absoluto. Eu o que non son capaz de albiscar son enerxías diferentes para os próximos anos. Non son pesimista, constato unha realidade, e non vexo que haxa enerxías en ningures que poidan acceder ós gobernos para facer outras políticas que se convirtan en melloras para a lingua galega, non o vexo.
¿Cales, levar o galego a sitios onde non está agora?
Si, pero gástase unha cantidade de diñeiro niso grande que non se está gastando correctamente. Primeiro habería que dicir que é unha política lingüística, que tipo de obxectivos ten. Hai unha sociedade que é moito máis complexa que a de hai uns anos. ¿Como se abrangue iso? Nunha sociedade de grandes espazos sociais e políticos é necesario vincularse co próximo, co cercano, neste caso o galego e o portugués son dúas formas do mesmo sistema e ese intercambio e esa vinculación é necesaria. Aquí hai unha actitude moi pailaroca que é dicir “son distintos e non temos nada que ver con eles” e entón acabamos sendo un espazo cultural reducido, de dous millóns e medio de falantes. A outra actitude é a de apoiar o intercambio de produtos culturais, ter un vínculo co mundo brasileiro e aí ampliar os espazos e o lugar pois de venda de libros, incluso de produtos de televisión. E non falo de normas ortográficas.
Pero as batallas normativas non parece que axudaran a normalizar a situación.
Eu dedícolle un capítulo a esa parte, falando diso dun xeito máis a fondo. Foise a unha batalla suicida, onde ademais a xente non comprende nada. É verdade que non hai ningunha lingua que non sufra conflitos dese tipo, hai que ver ós franceses como se pegaban hai pouco ou cando García Márquez dixo que había que acabar cos bes e cos uves en castelán. Eu creo que está moi mal elaborada toda a política lingüística desde o comezo da Transición. Na Real Academia pero tamén nas universidades. En Galicia hai unha nova profesión que ten agora 25 anos que é a de técnico de normalización lingüística. ¿Que ten que ser este señor? ¿Ten que ser un filólogo? Ten que saber corrixir un texto pero a súa función sobre todo é a de promocionar e estender a lingua dentro da empresa, da universidade ou do concello. Entón o seu perfil profesional ten moito máis que ver cun dinamizador social, seguramente. Aí teñen que buscar outros perfís e a universidade non se soubo mover.
¿Cre que o proceso de normativización foi traumático? Penso en galegofalantes que din que eles o galego da tele ou dos libros non o saben.
As normativas sempre son uns códigos cultos, que se afastan do falante común, inevitablemente. No caso dun país que non ten estado o idioma ten moitísimas máis dificultades para instaurarse porque ademais a lingua non se fai imprescindible. É, claro, unha norma débil no sentido de que só se referencia en dous millóns e medio de habitantes. ¡Ollo, eh!, eu non estou optando por outra norma nin creo que se deba mover iso. Creo que a norma debe consolidarse, e seriamente, pero hai experiencias curiosísimas, auténticas aberracións. Non é lóxico que un rapaz que remata o ciclo obrigatorio de ensino nunca vise un texto de portugués diante. Os rapaces teñen que entender, naturalmente, que desde o momento en que teñen a norma galega poden acceder ó portugués. Iso nunca se expresa, e é unha tremenda barbaridade que fai moito menos útil a propia norma ortográfica. Agora, a normativa segue a ser un problemas, claro que si. E desde logo, se en vez dunha hai tres, é un rifirrafe terrible e nada rendible para o idioma.
Entón, ¿como ve o galego dentro duns anos?
Tal como están as cousas, salvo que haxa algunha sorpresa dalgún tipo, eu creo que nun prazo medio será unha lingua que falará o oito ou o dez por cento da poboación.
_________________
“A impostura e a desorientación na normalización lingüística”
Editorial: Santiago de Compostela. Candeira Editores, 2007
Descripción: Rústica con lapelas, 124 páxs.; 15 x 21
ISBN / ref 978-84-96163-06-7
Sinopse: Unha obra sobre a situación alarmante que vive a lingua galega. No texto analízanse as causas de fondo polas que o galego perde na actualidade máis falantes que nunca. O autor considera que as razóns desa decadencia, moi acelerada nos últimos anos, hai que buscalas no deficiente discurso teórico e na práctica negativa ou confusa de todas as organizacións políticas e da maioría das institucións públicas desde o comezo da democracia. Feita con rigor, esixente e sen enganosas compracencias, esta obra está escrita por unha das persoas que coñecen mellor a realidade social do idioma galego.
AndelVirtual.com
http://www.andelvirtual.com/
___________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Home
Actos Externos
Lingua
Opinión
Entrevista con Xosé Manuel Sarille, membro da Mesa pola Normalización Lingüística, da cal foi o seu Presidente.
sábado, abril 19, 2008
Entrevista con Xosé Manuel Sarille, membro da Mesa pola Normalización Lingüística, da cal foi o seu Presidente.
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan sábado, abril 19, 2008
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon