Atila en Galiza
12:26 20/05/2008
de Xabier Vázquez Pumariño
Unha das leis máis interesantes que o goberno bipartito saca adiante, a lei sobre a paisaxe, non está a recibir cobertura mediática á altura do que merece nin da transcendencia que (quizais) vaia ter dita lei. Tampouco vexo que na rúa nin en ámbitos máis concretos haxa moito debate sobre o tema, a pesares das xornadas que organizou o Consello da Cultura Galega. Non sei cal pode ser a explicación ante tal mostra de molicie. A non ser, claro está, que a paisaxe nos sexa completamente indiferente. Quen o diría!
Poderiamos verter toneladas de análises conceptuais sobre a paisaxe, a súa concepción teórica, acepcións en diferentes linguas, culturas e contextos, as súas compoñentes, percepción, obxectivación, etc. pero quizais baste dicir que efectivamente é algo subxectivo, inda que non por iso pouco importante ou obxectivable; podería dicirse, intersubxectivo.
Así que unha lei sobre a paisaxe vén a darlle caracter xurídico a un ben. Ata agora non o tiña. Podiamos dicir que tal ou cal actuación estragaba tal ou cal paisaxe en maior ou menor medida sen que iso tivera maior transcendencia que un berro no medio dunha noite solitaria. Tamén vén a cualificar e cuantificar as paisaxes, en certo modo a darlle contido á intersubxectividade de todos os galegos e galegas (ou non).
Así que políticos de todas as divisións e pelaxes, técnicos, empresarios, cidadáns de todo tipo, lugar e condición non saben o que se lles vén enriba. Creo que algúns (políticos) poderán pensar que como aprobaron tan demoníaco instrumento porque, en definitiva, a valoración paisaxística vaise ter que incorporar aos estudos de avaliación ambiental estratéxica, aos estudos de impacto ambiental, etc. Ningún plan, programa ou proxecto que teña caracter territorial vai quedar á marxe. Sen dúbida debería ser unha celebración para todas aquelas persoas que teñan un mínimo de sensibilidade polo territorio, un mínimo de amor polo país, un mínimo de responsabilidade coas xeracións futuras, un mínimo de consideración polo medio ambiente e un mínimo de respecto pola memoria colectiva e a historia.
Ata aquí todo ben. Quizais habería que preguntarse se a lei chega tarde ou considerar que chega cando pode chegar.
A outra cara
O que realmente é preocupante é se vai servir para algo, para preservar algo, algunha cousa, algo pequeno, mínimo. Dígoo á luz das últimas decisións do goberno galego que saca esta lei. Destaco, inda que habería varias máis, cinco:
1. O plan acuícola que estragará paisaxes litorais de excepcional valor por moito que fagan marabillas para esconder as piscifactorías.
2. A nova lei da minería recentemente aprobada e que legalizará ilegalidades que supoñen auténticas brutalidades paisaxísticas. Qué se pode dicir que non estea xa máis que dito?. Se se trata de postos de traballo, suxiro legalizar o tráfico de estupefacientes, de armas, de madeira ilegal, a prostitución, as carreiras ilegais de coches, etc. A de postos de traballo que sairían á luz!. Sen dúbida, axudaría que as corporacións bancarias galegas tiveran participación nestes negocios.
3. O novo plan eólico. Baste dicir que neste momento hai instalados uns 2000 MW, pois ben, pretendese chegar aos 6500 MW co que de facto converteremos o país nun gran espazo industrial. No futuro rara será a serra, monte, outeiro o prego do terreo que non luza un parque eólico. O seu impacto territorial pode ser 1.000 veces o do plan acuícola pero claro, no interior do país non queda ninguén.
4. A nova lei forestal permitirá a degradación dos nosos montes en función da súa industrialización que levará aparellada a súa simplificación e uniformización. Os incendios que esta lei está a prender (en 15 anos aproximadamente) farán o resto.
5. As concentracións parcelarias que destrúen de xeito fulminante algunha das paisaxes máis valiosas do país: o mosaico agrosilvopastoral, producto da interacción secular entre a natureza e o home. Cómpre dicir que o paradigma da concentración como dinamizador das rendas labregas non se sostén hai anos, pero hai que facer un canto á inercia, perversa manifestación do conservadorismo. Sería máis interesante traballar os recursos humanos e a comercialización, claro que iso é máis complexo e habería que comezar admitindo que os recursos humanos son mellorables.
Chama poderosamente a atención que o bipartito estea participado por unha formación nacionalista. Ao final, en nome do país estrágase o país coma se fose en nome de Deus, de Alá ou dalgunha exótica divindade sen cuestionamento ningún, inda que dende a consellería de cultura se fagan chamamentos á preservación do patrimonio por parte dos cidadáns. Nada que ver coa postura mantida hai unha década co gallo dos parques eólicos do Xistral. Só falla dicir “é que agora o facemos nós”.
E quen pode facer algo? Ten senso a estas alturas? Visto dende fóra, o ecoloxismo galego atravesa horas baixas, dos partidos mellor esquecer. Tan só “Galiza non se vende” parece ter algo que dicir, en definitiva, unha plataforma cidadá aglutinadora de sensibilidades pero que ten diante un muro. Así que non se pode ser optimista.
Ide sacándolle fotos as paisaxes que vos gusten.
Enlace co artigo orixinal no xornal dixital galego Vieiros
_____________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
mércores, maio 21, 2008
Atila en Galiza
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan mércores, maio 21, 2008
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon