De: Choiva Ázeda -choivazeda@gmail.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 10 de junho de 2008 12:09
Asunto: Cabodano do levantamento da cautela arqueolóxica na Mourela (As Pontes)
A Plataforma en Defensa do Patrimonio das Pontes quere lembrar o cabodano da necrópole da Mourela, a través dunha presentación multimedia dun estupendo traballo documental sobre a desidia, a manipulación e o maltrato sistemático do patrimonio prehistórico en As Pontes e en Galicia. Isto non é un simple acto de responsabilidade civil, e moito máis, é un berro desesperado do máis fondo da humanidade que aínda nos resta.
Ve-lo video:
A ambigüidade do discurso
Restan xa poucas horas para que se cumpra a primeira efeméride da destrución do Círculo Lítico da Mourela e aínda nada sabemos deses informes que restaban importancia á conservación da necrópole e que falaban de cabanas medievais e outras lerias, deses mesmos informes que aconsellaban a destrución do círculo e que daban o visto bon á grave alteración dun conxunto funerario milenario. Onde están eses informes? Por que logo dun ano non foron feitos públicos?
Levamos doce meses asistindo aos avatares da mala planificación dunha obra pública que día a día está a pór en perigo a integridade do noso patrimonio cultural e imos xa fartos e cansos de que a administración ignore os nosos consellos, que con todo o cariño que lles gardamos como administrados que somos deles, non chegamos a comprender que é o que se pretende facer no lugar. Entristecerianos moito ver un túnel ocupando o furado da Mourela.
Hai que lembrar que no mes de xuño do pasado ano, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural levantaba a cautela sobre os restos da necrópole megalítica e establecía unha serie de áreas de exclusión de obra no perímetro das mámoas. Esta decisión política excluía a necesidade de garantir a máxima protección dos elementos que aínda quedaban, ignorando a proposta plantexada pola Plataforma e por ADEGA para a construción dun túnel baixo o xácigo, que nun principio fora apoiada por Patrimonio.
Desbotada esta alternativa por parte da Consellería de Política Territorial, alegando a inviabilidade técnica e económica do proxecto, iniciáronse as tarefas de desmonte para a construción dunha gabia. Gabia que ben podería figurar no récord Guiness cos seus sesenta metros de profundidade como a máis fonda do mundo, aínda que tamén podería ser proposta a récord da ineptitude na planificación dunha obra pública.
Parece que a decisión de trazar unha autovía por medio dun campo de mámoas impide que a gabia conte cun sistema de terrazas laterais que neutralicen os desprendementos de terreo, que regulen a escorrentía das augas e que deixe pasar a luz do sol. É por isto que a día de hoxe as obras seguen paradas.
Unha mámoa ao bordo da gabia
En contínuas comunicacións dirixidas ao Director Xeral de Patrimonio Felipe Arias Vilas, informábaselle sobre o risco de afectación das áreas de exclusión de obra que a súa dirección establecera no mes de xuño de 2007 e solicitábaselle a paralización das obras que estaban a afectar á área de exclusión de obra da mámoa catalogada co código GA15070127.
A día de hoxe a mámoa atópase a uns tres metros do bordo do talud, lonxe dos 40 metros de distancia establecidos por Patrimonio. Ao noso entender a situación actual impide a súa documentación se temos en conta a perigosidade de acometer a escavación deste elemento, por mor dos desprendementos. Das comunicacións ao director xeral nada sabemos, ninguén se sentiu aludido ao parecer. Mágoa que as oracións e as plegarias nada serven contra a forza da gravidade.
Intoxicación informativa
Como guindiña para este pastel administrativo tivemos a sorte de coñecer a semana pasada na televisión local das Pontes, unhas declaracións da Consellería de Política Territorial nas que se nos "informaba" aos ponteses do retraso nas obras da autovía por mor das choivas. Nada se dicía dos contínuos desprendementos de terra na Mourela, que obligaron a modificar os plans de actuación na zona, que engadiron máis tempo á finalización da obra e que están a por en perigo a integridade dos elementos patrimoniais que ainda quedan na Mourela. Tampouco se informaba das contínuas fendas na estructura de gunitado na parede Norte da gabia, que tiveron que ser feitas de novo en repetidas ocasións.
A choiva tivo algo que ver, pero non son os fenómenos ambientais os que planifican as obras públicas.
Reflexión final
Certo é que nos últimos meses preocupámonos moito ou demasiado por todo o que aconteceu na Mourela e dende algún sector local criticouse a nosa inoperatividade noutros temas a nivel patrimonial que afectan aos elementos arqueolóxicos das Pontes. Mais o caso da Mourela é un caso real e actual que exemplifica perfectamente cal é o interese e a atención que se lle presta ao patrimonio, tanto dende a corporación local como dende o goberno da Xunta. Por isto, a nosa teima de defender o que ninguén defendeu, a nosa teima por esclarecer o que ninguén esclareceu e a nosa ilusión por ver algún día o que é noso, respectado.
PLATAFORMA NA DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES
PINCHA NO SEGUINTE ENLACE PARA VE-LO VIDEO:
http://www.amigus.org/mourela
--
Correo enviado pola
ASOCIACIÓN SOCIO-CULTURAL CHOIVA AZEDA
http://www.choiva-azeda.blogspot.com
____________________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Home
As Pontes
Círculo Lítico da Mourela
Pasado un ano do levantamento da cautela arqueolóxica na Mourela - As Pontes - Presentación dun estupendo traballo documental
martes, xuño 10, 2008
Pasado un ano do levantamento da cautela arqueolóxica na Mourela - As Pontes - Presentación dun estupendo traballo documental
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan martes, xuño 10, 2008
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon