venres, setembro 19, 2008

De novo levanta muros de silencio

Tags


[Fotos de Xan Porto]

Onte entraba na Ría o "Bilbao Knutsen", cargado de GNL para REGANOSA, un buque de 284 metros de eslora que unha vez que enfiou coa proa cara a Ría e entrou uns metros na bocana do longo canal de 4 km de largo, non había posibilidade de marcha atrás, unha grande bomba entrou na nosa Ría, cunha capacidade de carga duns 130.000 m3 de gas natural liquado. Unha vez que entre o buque non pode saír até pasadas 10 horas, mais só no caso de haber luz diurna e non se levanten ventos superiores a 54 Km/h, ... e outros condicionantes.

A oposición á planta de gas de REGANOSA, agrupada ao redor do Comité Cidadán de Emerxencia para a a Ría de Ferrol, voltou convocar unha nova acción de protesta, ante a entrada do buque que fai o número 30 desde maio de 2007. Máis persoas que nas úlimas accións, participaron na protesta, concentración ante o Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol, para denunciar a participación da Xunta no accionariado da empresa [cun 10%] e da súa responsabilidade na autorización nas actuación efectuadas pola administración autonómica, así como nos recursos presentados ás sentencias do TSXG favorabeis á veciñanza e movimento opositor a semellante despropósito gasístico. A acción de protesta continuou cunha marcha até a Praza do Concello, onde a Xunta de Goberno do Concello, non exerce as funcións de protexer á cidadanía, frente as continuas amezas da empresa gasística descargando buques nun contorno totalmente poboado.

Temos que destacar a forza con que se defenden as razóns e os argumentos que o movimento opositor manten frente ao despropósito gasístico que é REGANOSA. O Comité Cidadán constata que de novo muros de silencio estanse erguendo, para intentar ocultar as nosas palabras e a nosa acción.
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon