venres, setembro 19, 2008

O Domingo, 21 de Setembro celébrase o día mundial contra os monocultivos de árbores: A Federación Ecoloxista Galega promove unha ciberacción

[Clicar acima da imaxe para entrar na Galería Fotográfica]

A FEG promove unha ciberacción no Día Mundial contra os Monocultivos de árbores

O día 21 de setembro celébrase o día mundial contra os monocultivos de árbores. A expansión dos monocultivos forestais en diversos países do mundo ten unha serie de consecuencias ambientais e sociais negativas. A Federación Ecoloxista Galega súmase á celebración deste Día a través dunha ciberacción que critica o apoio que a Administración Galega continúa a dar á expansión do eucalipto e solicita unha nova política forestal galega baseada na conservación da biodiversidade, na protección dos solos e na valorización dos montes.

En todo o planeta pero sobre todo en países non desenvoltos os monocultivos de árbores esténdese de forma irrefreable para producir as materias primas que os países ricos precisan. Esta expansión realízase a costa da destrución de ecosistemas e da ocupación de terreos dedicados á produción de alimentos, moitas veces en rexións onde non está garantida a dieta alimentaria básica.

Galicia non escapa aos danos asociados aos monocultivos. O cultivo de eucalipto está a ser un factor fundamental na degradación e hipoteca do futuro dos nosos sistemas forestais. A Administración galega desenvolve unha política baseada no mantemento e promoción dos monocultivos, fundamentalmente do cultivo de eucalipto, ao servizo das industrias de transformación que monopolizan a actividade do sector forestal e impoñen un modelo de xestión insostible ambiental, social e economicamente. A forte dependencia do sector forestal desta actividade industrial está a impedir o desenvolvemento do sector, a minimizar os beneficios do monte e a causar un severo dano ambiental. As industrias, actuando de xeito monopolista, levan anos facendo caer o prezo da madeira a niveis que fan moi pouco rendible a produción, a falla de beneficios é a principal causa do abandono dos montes e da mala percepción social dos mesmos. O cultivo de eucalipto impide por outra parte calquera outro uso dos montes ou a obtención doutros produtos que non sexan os madeirables.

Sumado a esta política pro-monocultivos, o emprego de técnicas de traballo fortemente destrutivas durante as tarefas de plantación, tala e extracción, o uso abusivo de agrotóxicos ou a expansión invasiva das plantas de eucalipto están a ter consecuencias, nalgúns casos irreversíbeis sobre o medio (aumento da compactación e erosión, perda de biodiversidade, alteración de bosques protectores...).

Ante este realidade, a Federación Ecoloxista Galega quere participar, neste día mundial contra os monocultivos de árbores, cunha ciberacción na que animará aos cidadáns de Galicia e doutros países a enviar, a través dun formulario en internet (http://www.salvalaselva.org/protestaktion.php?id=318) un escrito aos Conselleiros de Medio Rural e Medio Ambiente, e ao Presidente da Xunta, solicitando un cambio na política forestal que free a degradación que sofren os nosos montes.

Como complemento, creouse un álbum de fotografías na rede (http://picasaweb.google.es/contraosmonocultivos/FEG#) onde se fan visíbeis os impactos dos monocultivos. Calquer persoa que o desexe pode aportar as súas fotografías a este álbum enviándoas ao enderezo de correo electrónico contraosmonocultivos@gmail.com

Máis información: Benito Andrade 636281252 Comisión Forestal da FEG, Alexandre Cendón 670858938 Coordenador Xeral da FEG

http://www.federacionecoloxista.org/

_____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon