Amosando publicacións coa etiqueta Federación Ecoloxista Galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Federación Ecoloxista Galega. Amosar todas as publicacións

domingo, abril 26, 2015

No Día da Terra, un programa pola Terra: para uns concellos sustentábeis - Recolle unha serie de propostas para que as diferentes organizacións políticas as integren na súa acción de goberno ou de oposición nos diferentes concellos de Galiza


As organizacións ADEGA, Amigos da Terra, APDR (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra), CEMMA, Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Verdegaia, xuntaron-se para definir uns principios e elaborar unhas proposta diante das vindeiras Eleccións Municipais que se van celebrar o 24 de Maio deste ano 2015. A ditos principios e propostas se lles denominou "
Programa pola Terra - Por uns concellos sustentábeis e Propostas para o desenvolvemento de actuacións políticas sustentábeis a nivel local". O citado programa recolle  as  propostas  do ecoloxismo  galego  para  que  os  diferentes  partidos  e  coalicións  políticas as  integren  na súa acción tanto de goberno como de oposición nos concellos de Galiza. Desde Ártabra 21 consideramos necesario a difusión destes principios e propostas e chamamos aos diferentes partidos e organizacións políticas a asumir-las como propias para fomentar e desenvolver desde as institucións municipais das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Achegamos ao final deste artigo o enlace para acceder ou baixar o texto desenvolvido do programa unitario das organizacións do movemento ecoloxista galego.


No Día da Terra, un programa pola Terra: para uns concellos sustentábeis

Un Programa pola Terra” recolle unha serie de propostas para que as diferentes organizacións políticas as integren na súa acción de goberno ou de oposición nos diferentes concellos de Galiza

O vindeiro 24 de maio celebraranse eleccións municipais en Galiza. Coa presentación deste documento as organizacións ecoloxistas máis representativas do ámbito galego, queremos salientar a importancia crucial dos concellos á hora de realizar actuacións tendentes a acadar un modelo ecoloxicamente sustentable no noso país.

Debido á enorme magnitude da crise ambiental global, causada por un modelo social inxusto que explota de xeito ilimitado o noso planeta finito (os seus recursos materiais e as súas formas de vida), perceptible, entre outros moitos factores, no cambio climático da Terra e na perda a pasos de xigante de biodiversidade, consideramos preciso e urxente un cambio profundo nas políticas desenvolvidas polas Administracións Municipais: ben por posuír un alto grao de implicación na xestión medioambiental a nivel local, ben pola súa estreita relación e proximidade coa cidadanía. 

Estas eleccións supoñen unha grande oportunidade para que todos os partidos se comprometan a que os Concellos muden as súas insustentábeis políticas na súa contorna de actuación, reflexionando arredor dos efectos que sobre o global teñen tamén as súas accións no ámbito local. 

Para iso, as organizacións ecoloxistas asinantes achegamos este “Programa pola Terra”, cunha serie de propostas concretas, factibles e realistas destinadas a ser aplicadas en calquera municipio e permitir a transformación das nosas sociedades. 

Este documento contén dez propostas, que permitirían a transformación que a actual crise ambiental require. Están baseadas en catro principios básicos:
  • O actual modelo económico e social é inxusto e insustentábel.
  • É necesario un compromiso de cambio de dimensións estratéxicas. 
  • Participación e transparencia non poden quedarse só en verbas.
  • Cumprimento da lexislación ambiental.
10 medidas para camiñar cara a sustentabilidade nos concellos
1. Integrar enerxía, mobilidade e contaminación.

2. Protexer os espazos naturais, a flora e a fauna.

3. Implantar unha nova cultura da auga.

4. Aplicar unha política de ordenación do territorio que limite drasticamente o crecemento urbanístico e defenda a costa.

5.  Apostar pola redución, a reciclaxe e a compostaxe dos residuos sólidos urbanos.

6.  Defender a soberanía alimentar e apoiar ao sector primario para manter un mundo rural e mariñeiro vivos.

7.  Recoñecer a importancia dos coidados básicos para a vida, o papel das mulleres neles e facilitar novos esquemas de xénero ao respecto.

8. Avanzar na participación cidadá cara unha democracia participativa real.

9. Facer unha reforma verde do sistema fiscal local e impulsar unha contratación pública verde.

10. Afortalar a cooperación internacional para o desenvolvemento sustentábel.
Documento:

"Programa pola Terra", 8 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

Para máis información:   

ADEGA: Fins Eirexas (981570099; 661993406)
Amigos da Terra: Victor Barro (988374318; 671865839)
APDR: Xulio Carmona (986847670)
CEMMA: Alfredo López (686989008)
FEG: Mónica Arto (691527277); Anxo Saborido (666893879)
Verdegaia: Iñaki Varela (622033665

http://www.adega.gal
http://www.amigosdaterra.net
http://www.apdr.info
http://www.cemma.org
http://www.federacionecoloxista.org
http://www.verdegaia.org

Enviado por:
Antonio Gª
-angaji@yahoo.com-
25 de abril de 2015 23:51
________________

mércores, novembro 25, 2009

Para presentar as observacións oportunas para a elaboración do documento de referencia, ao documento de inicio das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia


Na FEG recebemos o seguinte correio hoje:

Na páxina http://aae.medioambiente.xunta.es/, está á súa disposición, para presentar as observacións oportunas para a elaboración do documento de referencia, o documento de inicio das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, promovido pola Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe  o cal se lles consulta segundo se establece na lei 9/2006.

O prazo para esta consulta está aberto dende o día 23 de novembro ao 23 de decembro  de 2009

Enviado por:
Tino Quintela
-campanho@gmail.com-
24 de novembro de 2009 10:30

_____________

Enlace relacionado:

As Directrices de Ordenación do Territorio son un instrumento de carácter global e marco xeral de referencia da política territorial galega que plasma unha vontade política de converter a ordenación do territorio nunha liña estratéxica da acción de goberno. ... [+info]
_______________________

martes, febreiro 10, 2009

Para a Promoción da Educación Ambiental na Galiza, convocado o "I Encontro Ecoloxista"

De: Elena López -elenuli@hotmail.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 10 de fevereiro de 2009 00:13
Asunto: I Encontro Ecoloxista



I Encontro Ecoloxista
[Sábado, 7 de Marzo de 2009, en Santiago de Compostela]

O Ecoloxismo, como movemento social, e a Educación Ambiental, como práctica educativa, comparten en boa medida orixe, traxectoria e obxectivos; tal é así que dende os anos setenta, os grupos ecoloxistas veñen desenvolvendo na nosa comunidade unha importante labor de información e divulgación ambiental, converténdose nuns dos actores máis relevantes na promoción da Educación Ambiental na Galiza.

Neste marco, nos últimos anos asistimos a varios acontecementos que están a provocar unha mudanza das formas de funcionar e de actuar dos grupos e tamén da súa forma de educar.

Atendendo a estes acontecementos, dende a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) queremos contribuír a reforzar o papel do movemento ecoloxista e a súa relevancia na promoción da Educación Ambiental convocando o I ENCONTRO ECOLOXISTA, que terá lugar o vindeiro 7 de marzo en Santiago de Compostela, no Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval).


Que quere ser o I Encontro Ecoloxista?

Os grupos e asociacións ecoloxistas levan desenvolvendo numerosas iniciativas en Educación Ambiental, elaborando recursos e materiais dun importante valor educativo. Porén, son escasos os foros nos que os colectivos teñen ocasión de expoñer e compartir conxuntamente a súa experiencia. É por este motivo polo que o primeiro, e quizais máis importante obxectivo deste I Encontro Ecoloxista, é o de servir de punto de encontro entre os grupos para contribuír así á posta en común de experiencias e recursos. Ademais, queremos facer tamén deste encontro un espazo para o debate no que analizar os puntos fortes e febles do movemento ecoloxista en xeral, e a súa relación coa Educación Ambiental, en particular.


Que queremos facer no I Encontro Ecoloxista?
  • O primeiro, como dicíamos, poñer en común as experiencias e os recursos educativo-ambientais empregados polas asociacións ecoloxistas nos últimos anos.
  • Ademais, gustaríanos traballar na elaboración dun Plan de Acción para a Educación Ambiental dos grupos ecoloxistas.
Durante o ano 2007, a SGEA desenvolveu un traballo de análise diagnóstico da situación da Educación Ambiental en Galicia, no marco dun convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible; neste traballo recompilouse información relativa ás iniciativas de Educación Ambiental desenvolvidas polos os grupos ecoloxistas en Galicia. Esta información será exposta e analizada colectivamente no Encontro, servindo de base para a elaboración deste Plan de Acción.


Que é o que teñen que facer os grupos participantes?
  • En segundo lugar, co fin de facilitar as dinámicas participativas que terán lugar no transcurso do Encontro, cada colectivo terá que facer un pouco de memoria e cubrir a ficha que axuntamos a este convite. Ademais, tamén para facilitar o traballo, teredes a vosa disposición na páxina web da SGEA (www.sgea.org/fenix/) un resumo do diagnóstico elaborado sobre a situación da Educación Ambiental dos grupos ecoloxistas.
  • E finalmente, traer os recursos e materiais que consideredes máis interesantes e representativas da Educación Ambiental que desenvolvedes.

Programa do I Encontro Ecoloxista
que terá lugar o vindeiro 7 de marzo en Santiago de Compostela

10:00 – 10:30
Presentación do Encontro e os seus obxectivos a cargo dos/as representantes da FEG e a SGEA

10:30 – 13:00
Teatro – Foro

Empregando un mural cunha liña temporal na que xa marcaremos algúns fitos na relación entre o movemento ecoloxista e a Educación Ambiental, os grupos, coa axuda do dinamizador, irán expoñendo a súa historia, recursos e iniciativas en Educación Ambiental

13:00 – 14:00
Exposición dos resultados do Proxecto Fénix. Presentación do análise diagnóstico da situación da Educación Ambiental nos grupos ecoloxistas galegos.

14:00 – 16:00
Xantar colectivo para os/as participantes (o custo correrá a cargo da organización)

16:00 – 17:00
Dinámica participativa 1: definición de necesidades
Os/as participantes porán en común as necesidades identificadas nos seus colectivos en particular e no movemento ecoloxista en xeral.

17:00 – 18:30
Dinámica participativa 2: elaboración de liñas de acción. Os/as participantes elaborarán liñas de acción externas e internas para a Educación Ambiental dos grupos ecoloxistas, para despois priolizalas.

18:30 – 19:00
Descanso / café

19:00 – 20:00
Presentación de conclusións e clausura das xornadas
Posta en común do traballo desenvolvido nas dinámicas participativas e avaliación do Encontro.

Para calquera dúbida ou consulta que desexedes facer, estamos á vosa disposición en:

Federación Ecoloxista Galega
Quiroga Palacios 8, baixo Santiago de Compostela
981575444 feg@federacionecoloxista.org

Sociedade Galega de Educación Ambiental
Travesía de García Prieto, 43, baixo. 15706 Santiago de Compostela
981 523 556 / 618 868 612
sgea@sgea.org
Xornadas/Cursos
Actividades de medio a varios días

Data: Sábado, Marzo 07, 2009 ás 10:00
Duración: 1 Día
Info Contacto:
981575444 - 981 523 556 - 618 868 612

Correo-e: feg@federacionecoloxista.org
URL: http://www.sgea.org
________________

venres, setembro 19, 2008

O Domingo, 21 de Setembro celébrase o día mundial contra os monocultivos de árbores: A Federación Ecoloxista Galega promove unha ciberacción

[Clicar acima da imaxe para entrar na Galería Fotográfica]

A FEG promove unha ciberacción no Día Mundial contra os Monocultivos de árbores

O día 21 de setembro celébrase o día mundial contra os monocultivos de árbores. A expansión dos monocultivos forestais en diversos países do mundo ten unha serie de consecuencias ambientais e sociais negativas. A Federación Ecoloxista Galega súmase á celebración deste Día a través dunha ciberacción que critica o apoio que a Administración Galega continúa a dar á expansión do eucalipto e solicita unha nova política forestal galega baseada na conservación da biodiversidade, na protección dos solos e na valorización dos montes.

En todo o planeta pero sobre todo en países non desenvoltos os monocultivos de árbores esténdese de forma irrefreable para producir as materias primas que os países ricos precisan. Esta expansión realízase a costa da destrución de ecosistemas e da ocupación de terreos dedicados á produción de alimentos, moitas veces en rexións onde non está garantida a dieta alimentaria básica.

Galicia non escapa aos danos asociados aos monocultivos. O cultivo de eucalipto está a ser un factor fundamental na degradación e hipoteca do futuro dos nosos sistemas forestais. A Administración galega desenvolve unha política baseada no mantemento e promoción dos monocultivos, fundamentalmente do cultivo de eucalipto, ao servizo das industrias de transformación que monopolizan a actividade do sector forestal e impoñen un modelo de xestión insostible ambiental, social e economicamente. A forte dependencia do sector forestal desta actividade industrial está a impedir o desenvolvemento do sector, a minimizar os beneficios do monte e a causar un severo dano ambiental. As industrias, actuando de xeito monopolista, levan anos facendo caer o prezo da madeira a niveis que fan moi pouco rendible a produción, a falla de beneficios é a principal causa do abandono dos montes e da mala percepción social dos mesmos. O cultivo de eucalipto impide por outra parte calquera outro uso dos montes ou a obtención doutros produtos que non sexan os madeirables.

Sumado a esta política pro-monocultivos, o emprego de técnicas de traballo fortemente destrutivas durante as tarefas de plantación, tala e extracción, o uso abusivo de agrotóxicos ou a expansión invasiva das plantas de eucalipto están a ter consecuencias, nalgúns casos irreversíbeis sobre o medio (aumento da compactación e erosión, perda de biodiversidade, alteración de bosques protectores...).

Ante este realidade, a Federación Ecoloxista Galega quere participar, neste día mundial contra os monocultivos de árbores, cunha ciberacción na que animará aos cidadáns de Galicia e doutros países a enviar, a través dun formulario en internet (http://www.salvalaselva.org/protestaktion.php?id=318) un escrito aos Conselleiros de Medio Rural e Medio Ambiente, e ao Presidente da Xunta, solicitando un cambio na política forestal que free a degradación que sofren os nosos montes.

Como complemento, creouse un álbum de fotografías na rede (http://picasaweb.google.es/contraosmonocultivos/FEG#) onde se fan visíbeis os impactos dos monocultivos. Calquer persoa que o desexe pode aportar as súas fotografías a este álbum enviándoas ao enderezo de correo electrónico contraosmonocultivos@gmail.com

Máis información: Benito Andrade 636281252 Comisión Forestal da FEG, Alexandre Cendón 670858938 Coordenador Xeral da FEG

http://www.federacionecoloxista.org/

_____________________________