domingo, setembro 21, 2008

Un xulgado condena ao Concello de Compostela a retirar as cámaras de vídeo vixilancia da zona vella

De: MpDC -mpdc@movemento.org-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 19 de setembro de 2008 12:18
Asunto: Un xulgado condena ao Concello de Compostela a retirar as cámaras de vídeo vixilancia da zona vella



Un xulgado condena ao Concello de Compostela a retirar as cámaras de vídeo vixilancia da zona vella

A decisión do maxistrado avala a demanda presentada polo MpDC na que se denunciaban as reiteradas ilegalidades cometidas pola entidade local

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Santiago condenou ao Concello de Compostela á retirar as cámaras de vídeo vixilancia que ten o instaladas no casco histórico da cidade. O maxistrado do xulgado avala coa súa decisión a denuncia presentada polo Movemento polos Dereitos Civís contra a entidade compostelá por mor das continuas ilegalidades cometidas a respecto do sistema de vídeo control. Segundo o establecido na sentenza, o maxistrado considera que “debo declarar e declaro a non conformidade a dereito do acto administrativo recorrido, condenando á Administración demandada á retirada das cámaras de vídeo vixilancia na zona vella de Santiago de Compostela”. A resolución, contra a que cabe recurso ante ante o TSXG, supón un gran paso na loita contra a vulneración dos dereitos dos cidadáns, pois, por primeira vez, prevalece o interese xeral fronte as actuacións irregulares da administración en materia de vídeo vixilancia.

A sentencia pon fin ao procedemento iniciado en 2006 polo colectivo de dereitos civís. O voceiro do MpDC, Renato Ñúñez, valorou a noticia afirmando que “consideramos que a sentenza demostra que as autorizacións outorgadas pola Delegación do Goberno se fixeron sen o mínimo de garantías que esixe unha cuestión tan delicada como a vídeovixilancia. Cabe lembrar que ano tras ano a Delegación foi autorizando cámaras que non cumprían os mínimos esixidos pola lei”.

Inumprimento dos prazos

A este respecto, hai que destacar que o Concello incumpriu sistematicamente os prazos designados pola lexislación para a solicitude de renovación da autorización, que carece que libro de rexistro das imaxes ou que tivo operativas as cámaras durante meses sen contar coa sinalización debida, tal e como obriga a normativa actual. De feito, a Lei 4/97 obriga a solicitar a renovación anual das licenzas dous meses antes de que expire a mesma e “se transcorrido dito prazo non se tivese ditado resolución, a autorización entenderáse denegada”.

O xuíz destaca especialme o incumprimento deste punto por parte do Concello ao concluír que “no presente caso, resulta con toda evidencia que, como aduce a recorrente, nin consta resolución sobre as renovacións anuais, non as solicitudes se produciron no prazo (...), nin, a miores, constan solicitudes formuladas para os anos comprendidos entre 2002 e 2007, o que non só evidencia a necesidade de estimar o recurso na súa integridade, senón que dende logo pon de relieve a pasividade coa que o Concello ten tratado o trámite necesario e obrigatorio imposto pola Lei”.

Precedente na Galiza

A resolución do xulgado establece un precedente importantísimo na Galiza para a utilización do vídeocontrol, pois ata agora as administracións instalaban as cámaras cun absoluto desprezo pola normativa na materia, xa que contaban co respaldo da Delegación do Goberno, quen, en non poucas ocasións, autorizou dispositivos cando xa estaban instalados e non cubrían as garantías xurídicas mínimas para os cidadáns. “Esta sentenza demostra que as institucións encargadas de defender os dereitos dos galegos non están cumprindo co seu cometido, pois tanto o Valedor do Pobo como a Delegación do Goberno ignoraron as múltiples queixas trasladas polo MpDC e permitiron que se continuasen cometendo ilegalidades”, afirmou Núñez.

Dende a asociación tamén indicaron, para tranquilidade de todos os defensores da videovixilancia, que as cámaras non conseguiron evitar nin un só dos atentados contra o patrimonio ou a propiedade privada que se cometeron nos últimos anos no casco histórico compostelano; chegándose en ocasións á parodia ao sinalar que a cámara da Praza do Toral non serviría para averiguar a identidade das persoas que romperan os vidros dun comercio, porque nese momento “estaban apuntado a outro lugar”.

Renato Núñez

MpDC
http://mpdc.blogspot.com

Movemento polos Dereitos Civís
Rúa Rosalia de Castro - Galerías Belen - Local 108
Santiago de Compostela
Tel-Fax: 881972938 | Movil 610858850
_______________________

Enlace opara acceder a máis información sobre este proceso
_________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon