domingo, setembro 21, 2008

Gas Natural entra en Reganosa en plena batalla legal cun dos seus socios

Gas Natural entra en Reganosa en plena batalla legal cun dos seus socios

A gasista dirime coa alxerina Sonatrach varios conflitos en tribunais de arbitraxe
JULIÁN RODRÍGUEZ - A Coruña EL PAÍS - 20-09-2008

Se un acordo previo non o remedia, Gas Natural toparase no accionariado de Reganosa cun dos seus peores inimigos, a alxerina Sonatrach, con quen mantén abertos varios litixios que lle levaron até aos tribunais internacionais de arbitraxe. A autorización sen condicións da Comisión Nacional da Enerxía (CNE) para a compra de Unión Fenosa por parte da gasista catalá, e a intención desta de considerar a planta de gas de Mugardos como un activo estratéxico do novo grupo, non fan máis que estreitar do camiño do conflito para dúas empresas que levaron máis aló do mercado as súas diferenzas e que, tras a OPA sobre a compañía eléctrica, compartirán intereses na planta de Ferrol.

Coa compra de Unión Fenosa, Gas Natural farase coa súa participación na planta de gas, que rolda o 21%, converténdose nun dos seus accionistas de referencia, ao mesmo nivel que Endesa. Xunto a outros socios como o Grupo Tojeiro, e cunha participación similar á que teñen entidades como Caixa Galiza ou institucións como a propia Xunta, Sonatrach, pertencente ao Estado alxerino, controla o 10% do accionariado de Reganosa, en calidade de socio fundador, e é un dos seus principais provedores. O seu paquete de accións, que lle permiten sentar no consello de administración da compañía, equivale á suma das participacións do Pastor e Caixanova.

Gas Natural, coñecedora da situación do accionariado en Reganosa, prefire manter certa cautela até que finalice o proceso de OPA, previsto inicialmente para o mes de abril, pero que se podería adiantar tras a luz verde da CNE á operación. Fontes da gasista sinalan que "aínda non somos propietarios de Unión Fenosa e, aínda que todo está a favor, até que esa situación non se produza non se tomarán decisións concretas con respecto ás participacións e todo o que se derive diso". En calquera caso, tanto o presidente de Gas Natural, Salvador Gabarró, como o seu conselleiro delegado, Rafael Vilaseca, xa avanzaron que manterán os investimentos de Unión Fenosa en Galiza e sinalaron a Reganosa como un dos activos estratéxicos do futuro grupo, "xa que nos interesa todo o relacionado con gas e con electricidade".

As relacións entre Gas Natural e Sonatrach hanse enconado nos dous últimos anos e os seus principais executivos non ocultaron en público as súas diferenzas. Fontes da compañía catalá aluden a dous litixios, un deles relacionado co permiso de comercialización de gas no mercado español concedido este mesmo ano pola Comisión Nacional da Enerxía á firma alxerina, aínda que con duras condicións. O outro se remonta a setembro de 2007, cando Sonatrach, alegando atrasos nos traballos, rescindiu o contrato con Gas Natural para desenvolver un proxecto integrado para explorar, producir e comercializar gas natural licuado na zona coñecida como Gassi Touil (este de Alxeria), que a compañía catalá, xunto a Repsol, obtivera en novembro de 2004 nun concurso internacional. O Tribunal de Arbitraxe de Xenebra dirime agora o conflito.

Desde a posta en marcha da planta de gas, un dos seus promotores, o empresario pontés Roberto Tojeiro, considerou imprescindible a presenza do capital alxerino en Reganosa, xa que ademais é un dos principais provedores da planta. O capital da compañía ascende a 34,4 millóns de euros, ao que se chegou logo de tres operacións de ampliación. Nas consideracións remitidas á CNE en favor do seu visto e prace á compra de Unión Fenosa, Gas Natural aludía á presenza de Sonatrach no mercado español, que se incrementa ano tras ano, e á posta en marcha do gasoduto que unirá España con Alxeria, como un enlace máis para facilitar o acceso do operador alxerino.


Unha situación de monopolio de mercado

A creación do terceiro operador enerxético español, por detrás de Endesa e Iberdrola, ten en Galiza un dos maiores expoñentes do que supón a concentración de negocios, que lle levarán case a unha situación de monopolio. De feito, a compra de Unión Fenosa por parte de Gas Natural foi analizada pola Comisión Nacional da Enerxía.

Un informe deste organismo alude á absorción de Unión Fenosa por parte de Gas Natural. No estudo tamén se sinala que o crecemento do consumo de gas natural en Galiza en 2007 foi do 17,3%, moi superior á media do resto de España.

Desde 2003, en teoría, todos os consumidores poden elixir libremente ao seu subministrador de gas natural. Do informe da CNE dedúcese que no sector da distribución liberalizada en Galiza está copado por Gas Natural nun 61,2%, mentres que Unión Fenosa leva o 25,4%. Entre ambas suman máis de oito de cada dez clientes que reciben gas. Séguenlle Endesa (7,6% do mercado) e Cepsa Gas (2,4%).

En canto ao mercado regulado, é dicir, a tarifa, só operan en Galiza Gas Natural, a través dos seus filiais Gas Galiza e Gas Coruña, e Unión Fenosa, con Gas Directo. Repártense o 99,8% e o 0,2%, respectivamente, do mercado.

Enlace co artigo orixinal
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon