martes, setembro 23, 2008

O Consello Local de EU de Ferrol e a reforma da Praza de Armas

De: eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
Para: artabra21@gmail.com
Data: 23 de setembro de 2008 14:10
Asunto: O Consello Local de EU de Ferrol e a reforma da Praza de Armas



O CONSELLO LOCAL DE EU SOBRE A REFORMA DA PRAZA DE ARMAS

O Programa de urbanismo de EU-IU para as eleccións municipais trataba a transformación da Praza de Armas sobre a base de desfacer vellos entortos, igual que noutros espazos fundamentais da cidade. A reforma da Praza de Armas debe levarnos a algún estado intemedio entre o que foi e o aparcamento cun semi-soto comercial en que a converteu unha durísima intervención dos anos 70. Aturamos moito tempo unha solución mala en deseño e en construción. Son coñecidos por todos os problemas que sofren os locais, cun intermediario (o concesionario) que se une a eles sinalando ao Concello como responsable, á vez que explota un aparcamento central na cidade histórica cuxos accesos e estado xeral son deficientes.

O rescate da concesión actual, para EU, non pode determinar o proxecto de tal forma que non se pense na praza como un espazo urbano de primeira categoría, moi accesible e ben comunicado peonilmente co contorno. É necesario trazar unha operación rendible, pero a praza debe recobrar protagonismo, eliminando circulacións confusas, como o semi-soto comercial, e debe descartar usos inaxeitados no contexto da Magdalena, como un centro comercial ocupado por unha gran marca ou por varias franquicias. Opinamos que o barrio da Magdalena e o Centro Comercial Aberto non precisan unha gran superficie comercial, máis ben todo o contrario.

O aparcamento debe ampliarse non só para rendabilizar a intervención, tamén para que compense sacrificar unha peonalización máis completa por un aparcamento.

A reforma está condicionada economicamente polo rescate da concesión actual. Por iso o Concello sacou a concurso na vez anterior o proxecto e obra sobre a base de que a operación sexa rendible: debe aparecer alguén que indemnice a concesión que queda, reurbanice a superficie e explote o aparcamento por un novo período de tempo. O rescate da concesión, valorado recentemente en 2.4 millóns de euros, debe abordarse baixo criterios económicos, entre eles, retrasarse o máis posible para que o seu importe sexa menor. Á vista da situación actual, EU non entende que este rescate deba producirse de inmediato; o lóxico é que o rescate se incorpore como unha condición máis para o concurso, a asumir polo novo adxudicatario, e que o Concello non se vexa na obriga de adiantar unha cantidade de cartos tan importante. Facelo pode restar ao Concello capacidade en inversións, inversións tan necesarias para este ano que vén.

O concelleiro de urbanismo vén de recuperar un anteproxecto para a reforma da praza de fai algúns anos, asinado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto, no que se elimina o semi-soto comercial e se incorpora arboredo, ambas as dúas solucións acertadas.

No noso programa electoral contemplamos a recuperación integral da praza coa política de eliminar da Magdalena os elementos descontextualizados e agresivos, entre os que destaca por riba de todos a Casa Consistorial. A isto únese que é un edificio incómodo, avellentado, e que se está a baleirar de uso, sen dúbida por acumulación de defectos de todo tipo. A decisión de trasladar o Concello é unha decisión para madurar, para plantear á cidadanía con tempo e intención de debate. Neste momento, retomar un proxecto que contempla a posibilidade de que o edificio do Concello desapareza da praza de Armas é un punto de partida adecuado.

Aínda que valoramos positivamente o anteproxecto comentado (polo menos os seus aspestos xerais), para nós é imprescindible que a cidadanía participe desde agora na reforma da praza: debe coñecer os obxectivos, as trazas xerais do deseño, e ter unha idea clara dos prazos e das inversións que se van realizar. O Concello debe facilitar a información e promover o debate sobre un dos espazos máis importantes da cidade histórica.

Consello Local de Ferrol
___________________

1 comentarios so far

O Alcalde considera as manifestacións do Consello Comarcal de EU-IU, "unha inxerencia que non se pode tolerar", "Nin no tema da praza de Armas, nin en ningún outro, a asemblea de EU vai marcar o paso ao goberno, nin aos seus concelleiros nin aos do PSOE." Pero a asemblea de EU-IU é soberana na toma de decisións da súa organización local, a non ser que en realidade sexa o alcalde ou o PSOE quen lle queira marcar o paso a EU-IU e os seus concelleiros. Non estivo ben que o portavoz do grupo municipal de EU-IU no Concello pedira desculpas ao rexedor polas manifestacións do Consello Local. Segundo a legalidade democrática Interna en EU-IU, (os Estatutos de EU-IU)unha das "funcións especificas das asembleas locais de EU-IU e discutir e aproba-las liñas de actuación do grupo municipal". O Alcalde non pactou con Yolanda Díaz ou outros concelleiros de EU-IU senón que pactou co Consello Político Local, representado por Yolanda e Cía. Así que o que se está a entrometer é o alcalde nas soberanas e lexítimas decisións do Consello Político Local. yolanda Díaz e Cía non deben de disculpar a actuación do Consello senón representalo lealmente e acatar a súa decisión, sen intentar unha rectificación que agrade a Irisarri, rexedor acostumado a que os afiliados ó seu partido teñan unha actitude serbil e condescendente ós seus dictados. Eso non é democracia. Comparto e entendo a postura tomada polo Consello Político Local de EU-IU de Ferrol.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon