venres, outubro 24, 2008

No día internacional das Nacións Unidas 9 organizacións sociais galegas peden unha reforma en profundidade do sistema de institucións internacionais

De: Educación e Paz -paz@sgep.org-
Para: artabra21@gmail.com

Data: 23 de outubro de 2008 13:06

Asunto: DECLARACION



24 de Outubro

No Día Internacional das Nacións Unidas
NOVE ORGANIZACIÓNS SOCIAIS GALEGAS PEDEN UNHA REFORMA EN PROFUNDIDADE DO SISTEMA DE INSTITUCIÓNS INTERNACIONAIS

A celebración do 24 de outubro como Día Internacional da ONU serve a nove organizacións sociais galegas para lembrar a necesidade dun profundo cambio no sistema de Institucións internacionais. O Seminario Galego de Educación pola Paz, a Fundación Galiza Sempre (FGS), a Coordinadora Galega de ONGDs, Esculca, o IGADI, o IGESIP, Xustiza e Sociedade e as fundacións FESGA e Luis Tilve crearon en 2007 un Comité Galego de Apoio á Campaña Mundial para unha profunda Reforma do Sistema de Institucións Internacionais, unha iniciativa apoiada por destacadas personalidades e máis de 100 redes sociais e cívicas internacionais. O principal obxectivo desta Campaña é contribuír á creación dunha orde mundial baseada no respecto e desenvolvemento da legalidade internacional, cunhas Nacións Unidas máis fortes, máis democráticas e con control efectivo sobre todos os seus órganos, axencias e sobre as outras organizacións multilaterais globais (Fondo Monetario Internacional, Banco Mundial, Organización Mundial do Comercio, etc).

O Manifesto da Campaña subscrita polas entidades galegas “coa intención de incorporar ao noso País a este movemento” denuncia, entre outros, os problemas da guerra e a pobreza, os riscos ambientais, a perda de diversidade cultural e a progresiva debilidade das institucións políticas perante mercados cada vez máis globais.

O Foro Social Galego a celebrar do 5 ao 7 de decembro será escenario dun novo debate sobre esta iniciativa que pretende cuestionar o unilateralismo, o desprezo da legalidade internacional e a imposición de políticas económicas ultraliberais desde organismos alonxados do control democrático que caracterizan a situación mundial.

Pódese consultar o Manifesto da Campaña en:
www.reformcampaign.net.
___________________
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon