Ferrol, 2 de Xaneiro de 2009
CONCENTRACIÓN EN SOLIDARIEDADE CO POBO PALESTINO
"DETEÑAMOS O TERRORISMO SIONISTA"
Concentración o Venres, 2 de Xaneiro, ás 20:30 hrs na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol.
Diante da criminal agresión que o Goberno israelí está a perpetrar contra a indefensa poboación palestina ao través do seu exército, un dos máis poderosos do planeta, queremos condenar a violencia do terrorismo sionista que leva causados ao redor de trescentos mortos e preto dun milleiro de feridos na franxa de Gaza nos ataques dos últimos días e que ameaza con desencadear unha invasión terrestre sobre ela.
Queremos expresar a nosa máis profunda solidariedade co pobo palestino, que segue a sufrir nestes días, como hai xa máis de corenta anos, a crueldade dunha ocupación, que se agrava co correr dos días e dos anos e que arroxa datos pavorosos (65% de desemprego en Gaza, a desnutrición en máis do 60% dos nenos e nenas, o colapso da case totalidade das fábricas instaladas no territorio, en suma, unha situación onde o 80% da poboación malvive por debaixo do umbral da pobreza).
Queremos facer constar a noso respaldo ao millón e medio de persoas que habitan en condicións infrahumanas a franxa de Gaza e ao conxunto do pobo palestino, que sostén na terra de Palestina coa súa vida e traballo a arela dunha vida en paz e liberdade cun Estado propio e libre.
Son a solidariedade e o internacionalismo os móbiles que nos botan á rúa a esixir das poderes públicos da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado un pronunciamento nidio e acompañado de feitos certos que coadxuven o cesamento do terrorismo sionista e a prol dos dereitos do pobo palestino. Demandamos, pois, que se deteñan os bombardeos sobre Gaza e que se levante o bloqueo da franxa. Consonte elo reclamamos:
- A chamada a consultas do embaixador español en Israel.
- Que a Xunta de Galicia faga un pronunciamento institucional de condena coas agresións e solidariedade co pobo palestino.
- Que o Goberno do Estado reclame na a suspensión do acordo de asociación con Israel vixente, acolléndose o artigo segundo do devandito acordo, que contempla esta posibilidade diante de vulneración dos dereitos humanos.
- Que a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado demanden da ONU o cumprimento das resolucións (194 e 242) emanadas da súa Asemblea Xeral no senso de conquerir a devolución dos territorios ocupados e a creación dun Estado palestino libre e viable.
Convocatoria aberta, até agora participan: ADEGA, Asociación Cultural Fuco Buxa, Asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga", Acsur-Las Segovias, Briga, Comité de Empresa de MEGASA, Confederación Sindical Galega - CIG, Confederación Nacional do Traballo - CNT, Colectivo Ártabra 21, Esquerda Unida, Fervesteiro, Fundaçom Artábria, Nós - Unidade Popular, OSPAAL Galicia, Partido comunista de Galicia (PCG), Siareir@s Galeg@s, Sindicato Comarcal das CCOO, Unión Libertaria, Verdegaia
Sumate á convocatoria !!
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon