martes, febreiro 10, 2009

A Gloria Lago, dunha ex-alumna bilingüe

Tags

Reproducimos, polo seu interese e actualidade, un artigo publicado no xornal dixital "A Nosa Terra Diario" o pasado ano 2008, por unha estudante que foi alumna de Gloria Lago, a presidenta de "Galicia Bilingüe".

A Gloria Lago, dunha ex-alumna bilingüe
Por Ana Barros Feteira
[11.04.2008]

Este artigo escrébeo unha estudante galega, en formación universitaria, instruída na lingua inglesa pola presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago. Nestes últimos tempos vimos como esta asociación foi creada e comezou a espallarse, e intrigada por un lema tan nobre como Galicia Bilingüe, acudimos ás fontes de información oficiais que nos instruíron sobre as bases, principios e obxectivos desta organización capitaneada pola miña ex profesora.

Cal non sería a sorpresa cando descubrín o que en realidade pretende Galicia Bilingüe, entidade de nome cando menos paradoxal:

Dunha banda, esta asociación considera que a presenza do galego nas aulas é excesiva, desproporcionada en relación o castelán e completamente inxustificada, esta primeira aseveración non pode menos que facerme sorrir, posto que no mesmo centro IES Santo Tomás de Freixeiro de Vigo, no que Gloria Lago imparte clases, estudei eu. Alí puden presenciar unha violación do espírito da Lei de Normalización Lingüística, que avoga por un uso xeneralizado do galego no ensino a excepción, claro, de lingua castelá e linguas estranxeiras. Non obstante, e curiosamente, só a clase de galego e a de filosofía, eran instruídas en galego. Todas as demais, dende o latín até as matemáticas eran explicadas en castelán, pese ás numerosas queixas de alumnos e investigacións oficiais adicadas a facer cumprir á lei.

Lo que Galicia Bilingüe propone no supone la separación por centros de los alumnos en función de la lengua docente elegida, sino por aulas, ya que ello tiene dos ventajas. En primer lugar favorece la tolerancia, la integración social y la intercomunicación entre los alumnos, al margen de la lengua que prefieran utilizar”. Este anaco sacado da súa páxina oficial non pode menos que deixarnos abraiados, alguén que cree nunha evolución necesaria para a nosa terra proponnos voltar os anos escuros, separar a mozos e mozas segundo a lingua que falen, con que obxectivo? Integralos, claro, non obstante esta integración aseméllanos un tanto difícil se parte da base do segregacionismo. Xuntar os nenos segundo a lingua que falen non pode senón provocar a longo prazo o rexeitamento daquel que non fala coma ti, que non pensa coma ti. A lingua é un gran catalizador da unión e o mesmo tempo unha sólida barreira, non podemos fomentar unha tendencia natural a aproximarnos a aquel que se nos asemella e afastarnos daquel que non se nos parece. Non nun país bilingüe.

As consecuencias da segregación lingüística observámolas de maneira paradigmática en Bélxica. Neste país, a incomprensión entre membros dun mesmo pobo é a resulta dunha política centrada no monolingüismo. Flamencos e valóns foron educados cada un nunha soa das linguas do seu territorio. O resultado foi que nun país bilingüe cada comunidade era perfectamente allea á lingua da súa veciña. Se trasladamos este exemplo a Galicia, se os mozos escollen cada un unha lingua na que ser educados, imaxinamos fácilmente a resulta indesexábel e catastrófica á que os estaríamos condenando.

Para rematar quero indicar o porqué é a escola o lugar escollido para fomentar o galego. O castelán, como lingua ten un porvir asegurado en Galicia, ningún neno galego queda alleo á “lingua do imperio”, a televisión que ve, a radio que escoita, a maioría das súas actividades desenvólvense en castelán, sería imposíbel privalo deste capital que lle é propio, a intención xeral, e só que teña a contrapartida, de coñecer unha lingua quizais máis antiga e fermosa co obxectivo de que domine igualmente as verbas utilizadas secularmente en Galicia. O galego debe ser ensinado na escola, sen moderación e sen fronteiras. O galego tamén é unha lingua axeitada para as ciencias, a plástica ou a ximnasia. Os pais na casa, evidentemente, son libres de falar unha lingua ou outra, de aprenderlles ou non os seus fillos o segredo do pluralismo, abofé que os amiguiños falarán entre eles na lingua que lles apeteza, pero a escola debe manterse como o último bastión da cultura, onde afondar no coñecemento dunha lingua menosprezada secularmente e que comeza a retomar unha imaxe “normal”. Pero non hai que tomalo dende a perspectiva da revancha histórica, senón dende á da naturalidade de relacionarnos tanto na rúa como na escola nunha lingua que nos pertence e á que pertencemos.

Aceptamos que a discriminación positiva é, sen dúbida, un concepto a manexar con coidado, pero se o aceptamos para facilitarlle o acceso ao traballo ás mulleres ou os diminuídos, se o utilizamos para favorecer a aqueles que teñen mais dificultades á hora de adaptarse o sistema, porque unha lingua eivada non pode gozar de tal privilexio?

Negarlle esta oportunidade de riqueza a un neno, facéndoo escoller, non é promover o bilingüismo querida profesora, iso é quitarlles un dereito adquirido, con moitas dificultades polas xeracións que os precederon, e non creo que ninguén se considere coa autoridade moral de facer semellante cousa. Se temos a sorte de ter dúas linguas, dúas culturas, dous patrimonios, porque debemos renunciar a un deles? Porque escoller?


Artigo orixinal, con comentarios, no periódico dixital "A Nosa Terra Diario"
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon