mércores, marzo 25, 2009

É urxente: hai que cambiar Europa

Tags

Por Juan Torres López
23.03.2009


O titular de prensa dio todo: "La UE suspende por falta de ideas la cumbre sobre el empleo" [El País]. Non pode haber unha expresión máis evidente nin patética do esgotamento do modelo neoliberal que se está seguindo para construír e gobernar Europa.

E non é de estrañar que non teñan ideas. Levan anos dándolle voltas ao mesmo e sen éxito: flexibilizar o mercado, baixar os salarios, favorecer aos capitais ... e o que conseguiron está á vista. Hoxe hai máis pobres en Europa, máis traballadoras e traballadores precarios, menos crecemento da economía... pero, iso si, moitos máis beneficios acumulados polas empresas. E, ademais, uns beneficios que non se dedican a xerar máis investimento produtivo ou a crear máis emprego, como auguraban os defensores das políticas neoliberais. Pola contra, dedicáronse á especulación e agora padecemos, en consecuencia, a crise máis grande do último século, polo menos. ¡O capitalismo especulativo come ao capitalismo!

Antes, cando subían os prezos, ata en pequena proporción, dicían que había que moderar os salarios para que non seguisen subindo. Agora, cando din que hai que evitar que sigan caendo os prezos porque iso provoca unha deflación que hai que evitar, non só non din de subir os salarios, como habería que facer se a súa teoría de antes fose certa, senón que seguen dicindo que hai que moderalos. Non teñen vergoña.

Non é que non teñan ideas para crear emprego. O que sinxelamente non teñen é vontade de enfrontarse aos intereses dos poderosos que non necesitan o emprego para gañar diñeiro, nin queren contribuír cos seus impostos para achegar recursos que permitan crealo.

Poderíase crear emprego en Europa desde mañá mesmo: obrigando a que o Banco Central Europeo financiase programas de gasto orientados a xerar capital social en lugar de seguir dando diñeiro a bancos que son insolventes e que todo o que reciben dedícano (inutilmente pois o buraco é inconmensurable) a tratar de salvar os seus balances. Realizando reformas fiscais que gravasen as actividades especulativas e os patrimonios e beneficios procedentes delas e con ambas as fontes de financiamento xerando un cambio de modelo produtivo en Europa para favorecer a utilización de recursos endógenos e a actividade económica sostible.

En Europa hai máis de 60 millóns de pobres, déficit moi grandes en saúde, ensino, investigación e innovación, igualdade e conciliación, en xestión ambiental e desenvolvemento das nosas fontes enerxéticas, en cooperación internacional, en desenvolvemento de agricultura ecolóxica, en integración cultural ... e en todos eses campos a actividade podería ser fonte intensiva de centos de miles de empregos. Claro que fomentar esa actividade requiriría apoiar a novas empresas, a novos intereses económicos e, sobre todo, ir pechando o paso ás que agora dominan os mercados europeos ao redor dun modo de producir e distribuír os recursos despilfarrador e insostible, pero moi rendible.

E requiriría novos instrumentos de decisión que empoderarían aos cidadáns, como se empoderarían tamén se gozasen dun salario e dun traballo dignos, que é o que en realidade queren evitar.

Está claro. Hai que botar a eses dirixentes políticos que ata recoñecen que non teñen ideas e empezar a construír outra Europa.

Fonte: juantorreslopez.com
_______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon