mércores, marzo 25, 2009

Goberne quen goberne, gaña o produtivismo

Por Xosé Veiras [*] 23.03.2009

O PP obtivo a maioría absoluta e gobernará na próxima lexislatura. PSOE e BNG non poderán reeditar o bipartito. Ao meu ver, unha vitoria inmerecida e unha derrota merecida. O malestar de parte do eleitorado de esquerdas, moi descontento co balanzo do bipartito en materia ambiental e social, non parece ter sido determinante no estrepitoso fracaso de PSOE e BNG, mais foi seguramente un factor significativo a ter en conta na análise dos resultados eleitorais.

O tempo dirá en qué medida, mais é seguro que o goberno do PP será aínda peor que o de PSOE-BNG para o medio ambiente. O próximo goberno será produtivista, como todos os anteriores. Nas eleccións galegas dirímese a relación de forzas entre esquerda e dereita, entre nacionalismo galego e nacionalismo español, mais o produtivismo sempre arrasa, pois é dominante en todas as forzas políticas realmente existentes. Así que o novo goberno volverá gobernar contra as xeracións futuras, contra moitos e moitas afectados e afectadas na súa calidade de vida por políticas desenvolvimentistas, contra o medio ambiente galego e global.

O Programa pola Terra das organizacións ecoloxistas galegas a penas sairá do papel co PP. Mais con PSOE e BNG as cousas non serían moi diferentes.

Por se alguén tiña algunha dúbida, PSOE e BNG volveron demostrar nos tres últimos anos e medio que estiveron á fronte da Xunta como é oportunista e inconsistente o seu ecoloxismo (aínda que máis ben habería que falar neste caso de conservacionismo ou de ambientalismo). O PSdG-PSOE é aínda máis produtivista que moitos partidos do seu mesmo espazo ideolóxico doutros países europeos. É ben simbólico que sexa precisamente unha das súas militantes, Elena Espinosa, a escollida para substituír a Cristina Narbona logo da absorción do ministerio de medio ambiente polo de agricultura e pesca, co obxectivo de favorecer o retroceso ambiental ao que estamos a asistir nesta lexislatura, de cuxo primeiro ano veñen de facer un oportuno balanzo as principais organizacións ecoloxistas estatais (ver “Un Programa por la Tierra 2009).

A imaxe ecoloxista do PSdG-PSOE sempre foi moi débil, mais o BNG tense beneficiado (ou non, segundo como se vexa) dunha identificación metafísica entre ecoloxismo e nacionalismo galego. Esa identificación é debida seguramente á destacada participación do nacionalismo político e social nalgunhas das loitas de defensa ambiental máis emblemáticas do país (contra Xove nuclear e os vertidos de residuos radiactivos fronte ás nosas costas, contra ENCE-ELNOSA en Pontevedra, a propósito da catástrofe do Prestige, …). Mais a realidade é que os nacionalistas galegos, como os de calquera outro país, poden ser produtivistas ou ecoloxistas, e que unha cousa é respaldar algunhas loitas a prol do ambiente e outra moi diferente identificarse co ecoloxismo como ideoloxía e situar a procura da sustentabilidade ecolóxica no centro da acción política. O BNG nunca se definiu como ecoloxista, aínda que algúns dos seus referentes digan, en público ou en privado, que o ecoloxismo está entre os principios fundacionais do BNG (onde?), ou que o BNG representaría o espazo político verde en Galiza. Prefiro a honestidade de Francisco García, o actual alcalde de Allariz, quen, hai xa uns cantos anos, no marco dunha entrevista entre unha representación da dirección do BNG e da Federación Ecoloxista Galega (FEG), dixo que non podiamos esperar que houbese moita sintonía entre o movemento ecoloxista e o BNG porque o BNG non era/é unha forza política ecoloxista.

O BNG só asume un ecoloxismo distorsionado, non contraditorio co obxectivo superior de que Galiza produza e consuma cada vez máis, cunha ollada marcadamente localista, privilexiando cuestións que teñan a ver coa inserción subordinada de Galiza no Estado español (ás veces utilizándoas simplemente como argumento para reclamar compensacións económicas para o país).

Manolo Barreiro escribiu no seu blog que os nacionalistas galegos vivimos nun país imaxinario. Do que non hai dúbida é de que, nacionalistas ou non, os galegos e galegas vivimos nun planeta imaxinario. Un planeta sen límites ambientais que pode soster indefinidamente a sobreprodución e o sobreconsumo dos países desenvolvidos sen nos aproximarmos ao colapso e sen manter na probreza á maioría da humanidade.

O medio ambiente sempre foi un asunto sectorial para o BNG, pouco relevante (creo que nunca funcionou unha área de medio ambiente nos seus órganos de dirección), e subordinado á defensa dos “intereses nacionais” (e aí poden entrar as centrais eléctricas sucias, as megainfraestruturas, a industria automobilística, a pesca industrial, etc). Defender o medio ambiente si, maiormente o do país, pero con sentidiño, sen que impida o “desenvolvemento” de Galiza, entendido en chave máis ben produtivista (por moito que se lle engada o cualificativo sustentábel).

O BNG estivo lonxe de ser un contrapeso ecoloxista dentro do bipartito, como inxenuamente podía agardar algunha xente. Nin tan sequera cando se sentiu presionado pola súa base social. No caso do “Plano Acuícola” non foi alén de xestos inofensivos. No caso (da ubicación) da planta regasificadora de REGANOSA , nin tan sequera iso. Calquera análise obxectiva do desempeño das consellerías gobernadas polo BNG, como a que fai, por exemplo, Xabier Vázquez Pumariño en Algunhas papeletas verdes (que se podería completar con referencias ao apoio ás centrais térmicas ou á ausencia dunha estratexia para combater a eucaliptización, mais alá de medidas inconexas de alcance moi limitado), amosa que o produtivismo foi a nota dominante.

Se o BNG tivese estado á fronte da Consellería de Medio Ambiente as cousas non terían sido moi diferentes. Porque a sustentabilidade e a defensa do ambiente non dependen só, nin sobre todo, desta consellería, e porque o conselleiro ou conselleira (e os directores xerais) non terían seguramente un perfil moi ecoloxista. O BNG non colocou nunca a un ecoloxista no Parlamento, malia ter entre as súas filas a algúns ecoloxistas con méritos dabondo para ocuparen un posto de saída nunha candidatura autonómica (pola contra, si ten colocado a activistas contra as peaxes ou a sindicalistas defensores das centrais térmicas). Parece difícil que quixese colocar a un ecoloxista no Consello da Xunta.

Partido Transversal Produtivista

PP, PSOE e BNG non son iguais, tamén no que atinxe á cuestión ambiental. Hai diferenzas entre eles que non pretendo desprezar. Mais, mesmo tendo en conta esas diferenzas, poderíamos velos como alas ou correntes dun hipotético Partido Transversal Produtivista (PTP), pois, no esencial, partillan unha ideoloxía produtivista. As tres forzas avogan polo crecemento económico ilimitado (iso si, “sustentábel”, ou, como di o economista ecolóxico Herman Daly, anxelical) e non entra nos seus planos decrecer o consumo de enerxía e de materiais, reducir a nosa elevada pegada ecolóxica global e defender con firmeza un territorio propio cada día máis deteriorado. Non conciben outro xeito de mellorar o benestar social que non pase por un maior consumo de recursos naturais.

O noso PTP é incapaz de contribuír a dar unha resposta adecuada desde Galiza aos desafíos civilizatorios nos que nos xogamos o futuro con maiúsculas (alteracións climáticas, crise enerxética,…) e defende moitas iniciativas e actividades insustentábeis de grande impacto. Lembremos algunhas especialmente destacábeis: a ampliación permanente da capacidade da rede viaria (as diferentes correntes compiten entre elas para ver quen constrúe máis quilómetros de autovías e autoestradas en menos tempo); AVE entendido como alta velocidade ferroviaria estrita; portos exteriores de Ferrol e de Coruña; novas centrais térmicas de ciclo combinado a gas natural das Pontes e de Sabón e continuidade das centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama (a Consellería de Innovación e Industria de Fernando Blanco quería tan só que se pechase un dos catro grupos da central das Pontes, obxectivo recollido no Plan Enerxético 2007-2012); planta regasificadora (máis alá da súa ubicación, cuestionábel en si mesma); ampliación dos aeroportos; incremento (necesario) da capacidade de produción eólica terrestre mais sen respecto adecuado polo territorio (aínda que logo, curiosamente, o PTP di non de entrada e con cativa argumentación á instalación de calquera parque eólico mariño); concentracións parcelarias impactantes; pesca de arrastre, etc.

Galiza non é diferente dos demais países desenvolvidos. En todos gaña o PTP. Mais en moitos xa non obtén sempre o 100% dos deputados e deputadas, o que favorece a penetración social das ideas ecoloxistas e axuda a conseguir algúns logros ambientais parciais.

Promesas incumpridas

Por suposto, non era razoábel agardarmos que o bipartito fose un goberno verde, nin sequera que houbese algunha consellaría verde. PSOE e BNG non son precisamente verdes e o espazo sociopolítico verde en Galiza é moi reducido. Mais si se debía esperar que PSOE e BNG cumprisen todas as promesas ambientalmente positivas recollidas no acordo que asinaron para a formación do goberno. Como lembrou Verdegaia, promesas importantes contidas no acordo simbolicamente asinado coa cidadanía foron total ou parcialmente incumpridas.

Particularmente frustrante foi a distancia entre promesas e realidades en materia de política de conservación da natureza, unha das principais ferramentas en mans dun goberno para corrixir un pouco os efectos destrutivos do funcionamento normal do modelo económico vixente. Moito se anunciou a ampliación da rede Natura 2000, pero finalmente quedou en nada. Tampouco se declarou un só Parque Natural. E pouco se fixo para mellorar a xestión dos espazos naturais protexidos existentes, sobre todo se excluímos o centro de interpretación dos parques naturais de Galiza proxectado por Manuel Vázquez para Ourense, unha sorte de “microcidade da cultura” da educación ambiental.

Desde a Consellaría de Política Territorial tampouco foron capaces de presentar unha proposta de plano para a xestión integrada do litoral, aínda que si tiveron tempo de lanzar un plano de estradas que sería a iniciativa gobernamental máis destrutora do territorio nos próximos anos se finalmente cumpre os seus obxectivos, ademais de inducir máis tráfego e máis emisións de gases de invernadoiro (se a crise e/ou o prezo do petróleo non o evita).

O bipartito tomou algunhas decisións positivas para a sustentabilidade. Houbo avanzos que merecen recoñecemento, como a moratoria urbanística no litoral, a paralización de minicentrais ou as Normas Galegas do Hábitat (tan indecentemente atacadas desde PP e PSOE). Podemos estar certos de co PP as políticas autonómicas serán aínda máis negativas para o medio ambiente. Hai motivos para lamentarmos o resultado electoral. Porén, non comparto a tremenda frustración que Adela Figueroa reflite en Que vai acontecer agora?. Da leitura do seu artigo podemos deducir que a súa frustración pola “mudanza radical” (sic) na Xunta se debe máis á súa condición de nacionalista galega e simpatizante do BNG que de ecoloxista.

Relación perversa co asociacionismo ecoloxista

Talvez o máis decepcionante do balanzo do bipartito foi o abandono do obxectivo da rexeneración democrática, que ficou practicamente en nada. É un dos maiores reproches que se lle poden facer ao goberno Touriño-Quintana. A mudanza de goberno vai supor, máis que un retroceso democrático, unha substitución parcial de clientelas e a reacomodación das restantes.

A credibilidade democrática das forzas políticas está máis ben baixo mínimos. A rexeneración democrática que se precisa só a pode traer a cidadanía. Só con máis xente que non se conforme co papel de votante e que se descubra e actúe como cidadán e cidadá será posíbel mellorarmos a calidade da democracia de baixa intensidade que sufrimos.

En materia do que se chama democracia ambiental o balanzo dificilmente pode ser máis pobre. Por experiencia propia e por observación da realidade, podo asegurar que as solicitudes de información foron tan mal atendidas como en gobernos anteriores, sen distingos entre consellarías do BNG e do PSOE, sendo case sempre necesario o recurso ao Valedor do Pobo. Os chamados órganos consultivos para a participación social mantiveron a súa función meramente ornamental. Dous exemplos. A Consellaría do Medio Rural puxo en marcha o Consello Forestal tarde e tal e como o deixou deseñado o PP. A Consellaría de Medio Ambiente fixo unha reforma inocua do Consello Galego de Medio Ambiente, que segue a ser un órgano irrelevante, a diferenza do que aconteceu co Consello Asesor de Medio Ambiente na primeira lexislatura de Zapatero, logo da desgobernamentalización do mesmo impulsada por Narbona.

A democracia ambiental non se practicou, mais si o clientelismo ambiental. Grandes doses de ninguneo e de desprezo para as organizacións ecoloxistas máis críticas e autónomas e para a rede Galiza non se Vende. E uso abusivo do diñeiro público para apuntalar ADEGA, a asociación ecoloxista de referencia para o BNG – e que viviu unha fonda crise no comezo da lexislatura que acabaría co reforzamento do seu vencellamento ao BNG, o que cortou calquera tentación de caer no “hipercriticismo” coa parte nacionalista do “bigoberno”-, así como para crear, a partir da estrutura do sindicato Unións Agrarias, unha nova federación de asociacións afins ao PSOE, a Federación Galega de Medio Ambiente (FEGAMA).

O PSdG-PSOE, da man do que parece vai ser o seu próximo líder, Manuel Vázquez, non quixo ser menos que o BNG, e impulsou en proveito propio, e aínda con máis descaro, a fórmula que combina o ecoloxismo partidario co “de servizos”. Coñezo bastante o ecoloxismo ibérico e un pouco o europeo, e atrévome a afirmar que modelos de relación entre partidos e asociacións de defensa ambiental como os protagonizados por BNG e ADEGA e PSOE e FEGAMA son ben singulares. Con tantos apoios externos, e perante a fragmentación do ecoloxismo máis combativo e independente, o ecoloxismo partidario e/ou de servizos semella hoxe o organizativamente máis forte (considerando só as asociacións galegas).

A nosa esquerda partidaria non concibe outra relación coas organizacións sociais que non supoña a súa subalternización e instrumentalización. Así, o BNG recorreu á súa xente na Plataforma Nunca Máis para revivila de novo durante a crise incendiaria do verán de 2006. Durante esta crise, o BNG non se privou de recorrer ao xogo suxo para saír do apuro político, exactamente tal e como fixera o PP en crises incendiarias anteriores (aínda que preservando a Suárez Canal de se enzoufar na lama). Paralelamente, ADEGA revisou o seu discurso face a este tipo de crises, o que sería recompensado pola Dirección Xeral de Xuventude no momento de se crear o voluntariado en defensa do monte. E, cousa nunca vista até entón, a Xunta chegou mesmo a publicar integramente un manifesto ecoloxista, un manifesto de ADEGA sobre o lume que respaldaba a versión do BNG sobre o acontecido nos nosos montes en agosto de 2006 (ver páxinas 38 e 39 da Guía para o profesorado das unidades didácticas para o ensino primario e secundario “Non queimes o futuro”, editadas conxuntamente pola Consellaría do Medio Rural e a AS-PG). Versión interesada que o tempo se encargou de desmentir de xeito contundente.

Máis cidadanía e máis cultura ecoloxista

Desde o ecoloxismo social acho que nada importante se pode agardar do proceso de reflexión e de renovación que veñen de iniciar PSOE e BNG forzados polos resultados eleitorais. Estou certo de que suficiencia, decrecemento, uso sustentábel do territorio, recoñecemento da débeda ecolóxica, xustiza ambiental global,… e incluso ecoeficiencia, modernización ecolóxica, … seguirán sendo obxectivos alleos ao seu discurso e, sobre todo, á súa práctica. Porque non partillan estes obxectivos pero tamén porque saben que perderían moito peso electoral se os defendesen de forma minimamente consecuente.

Noutros países europeos, as forzas políticas da esquerda ecoloxista poden atinxir, como moito, un 10-15 % dos votos, pero é evidente que, hoxe por hoxe, en Galiza, un partido político así, mesmo tendo un mínimo de consistencia e facendo as cousas ben, non conseguiría probabelmente nin entrar no Parlamento (porque a Lei Eleitoral faino aínda máis difícil coa barreira do 5%, porque parte do seu limitado potencial de votantes non acredita na política partidaria, especialmente na súa vertente institucional, ou seguiría votando ao BNG por entender que é preciso concentrar nel todo o voto nacionalista ou que sería o voto útil, etc).

No mellor dos casos, as forzas da esquerda produtivista parlamentaria, con algo máis de sensibilidade socioambiental (ou menos de insensibilidade socioambiental) que as forzas de dereita (sobre todo cando están na oposición), poden confluír ocasionalmente co ecoloxismo, en loitas moi concretas pero que poden ser importantes. Estas converxencias non van facer que a nosa sociedade sexa algún día sustentábel e xusta mais poden parar algunhas desfeitas e conquistar pequenos avanzos, polo que penso que non se poden menosprezar, nunha Galiza que non é do PP, como berraban os seus forofos madrileños na noite do 1-M na rúa Génova –os votos do PP representan un terzo da poboación con dereito a voto residente no país e superan en só 10.000 votos á suma de PSOE e BNG-, mais onde o PP, o partido produtivista por excelencia, ten moita forza, como é ben obvio. E onde as forzas partidarias da esquerda máis radical son marxinais.

Con todo, a tarefa máis relevante a longo prazo do ecoloxismo social apartidario, mais alá da necesaria resposta aos problemas socioambientais a través da mobilización cidadá en alianzas con outros sectores sociais, coido que é aumentar a súa forza organizativa e facer medrar a cultura ecoloxista (ou ecosocialista para sermos máis precisos) no seu sentido máis amplo. Non podemos renunciar á batalla das ideas, a loitarmos pola hexemonía cultural como a definiu Gramsci. Temos que irlle comendo espazo á ideoloxía produtivista, que mesmo ten non pouca forza na esquerda da esquerda. Se non, seguirá arrasando até que non queda nada por arrasar.

Enlace co artigo orixinal no Blog da revista "Cos pés na Terra"
________________

Acima Xosé Veiras nun detalle dunha foto de X. M. Albán

[*] Xosé Veiras, o ecoloxista maduro e rigoroso. Por Xaime Leiro. Verde si, maduro tamén. O biólogo compostelán Xosé Veiras, vocacional cento por cento, naceu en 1970 cando o ecoloxismo galego (Adega e a Sociedade Galega de Historia Natural) empezaba a dar os seus primeiros pasos. Hoxe, ambas as dúas asociacións, polas que pasou este activista, representan, coma el, a madureza dun movemento plenamente asentado en Galicia, que é capaz de sacarlles as cores ós representantes de multinacionais como Endesa, Celulosas ou Pescanova. Precoz, entrou con 15 anos na SGHN, un colectivo centrado máis no estudo ca na denuncia. Esta concepción de seriedade científica nos argumentos non o abandonaría xa nunca, impregnando dela toda a súa actividade futura. Despois de ocupar a secretaría xeral da SGHN, con apenas 18 anos, e sendo presidente Xosé Manuel Penas Patiño (actual alcalde nacionalista de Rois), este empedernido trotamontes, deu un paso máis contra o minifundismo tan asentado na comunidade e empezou a traballar por aglutinar os esforzos de todos os grupos galegos no xerme do que sería a Federación Ecoloxista Galega, da que foi coordinador xeral entre 1996 e 2001, e converteuse na voz solvente e na cara autorizada de todo o movemento en Galiza. Afastado paseniñamente da SGHN por considerar que tiña moito de estudo e pouco de defensa do medio, entrou en Adega, da que foi secretario executivo entre 2001 e finais de 2005. O proceso deseñado pola Unión do Pobo Galego para o control efectivo do grupo derivou no seu abandono da organización e nunha ruptura traumática que acabou por frutificar no nacemento de Verdegaia. Crítica, solvente, rigorosa, independente e apartidaria, así é a organización que soña para Galicia este biólogo metido agora a consultor ambiental, que denunciou con contundencia os responsables populares da xestión do accidente do Prestige que se converteu en marea negra, e que tampouco calou (como si fixeron significativamente outros) cando o verán pasado eran os nacionalistas os que tiñan baixo o seu control o operativo contra os lumes forestais que derivou en catástrofe ecolóxica. Rara avis sen ataduras. [No xornal diario "Galicia Hoxe"]
________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon