venres, marzo 06, 2009

EU sobre a Praza de España e negociaicón orzamentaria

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
6 de março de 2009 14:33


Estimad@s compañeir@s: vanvos dúas notas en relación a Praza de España e a negociación orzamentaria.
Un saúdo, Ramiro Marier

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA ENTENDE URXENTE RETOMAR A NEGOCIACIÓN SOBRE OS VINDEIROS ORZAMENTOS
YOLANDA DÍAZ RECLAMA FACER DOS ORZAMENTOS UNHA FERRAMENTA DE BENESTAR E COHESIÓN SOCIAIS AO SERVIZO DA CIDADANÍA

O Grupo Municipal de Esquerda Unida considera indispensable e urxente retomar as negociacións orzamentarias para conquerir que a nosa cidade non perda a oportunidade de acadar uns orzamentos ambiciosos no eido social, na participación cidadá e no que atinxe aos investimentos.

En reiteradas ocasións ao longo destes meses o Grupo Municipal de EU ten comunicado de xeito público a necesidade de non paralisar a negociación orzamentaria en atención o valor central que posúen os orzamentos como ferramenta para o desenvolvemento das políticas públicas xeradoras de emprego e prestatarias de servizos públicos. Aínda o 16 de febreiro, rexistrouse un escrito dirixido á concellería de facenda notando esta relevancia e urxencia.

Esquerda Unida mantén unha total disposición a acadar un acordo co PSdG-PSOE que permita recualificar os orzamentos e convertelos nesa ferramenta para gañar benestar e cohesión sociais para a cidadanía que está a reclamar Yolanda Díaz, Voceira do Grupo Municipal.

Nese sentido, Esquerda Unida entende que a emenda á totalidade presentada contempla aspectos fundamentais no eido da dotación orzamentaria para desenvolver a primeira experiencia de orzamentos participativos, para atender as necesidades específicas da zona rural, para acadar un volume significativo dos investimentos e a súa priorización para poder recuperar sobranceiros espazos públicos, ou para xerar emprego estable e con dereitos no eido dos servizos públicos de benestar social dependentes do concello; sen esquecer a relevancia das nosas achegas no que atinxe o capítulo I do orzamento, en materia de persoal.

Cabe destacar que acadar un acordo entre as forzas progresistas e de esquerdas da cidade cobra importancia diante do acceso ao poder na Xunta de Galicia da expresión política da dereita, do PP. Xa que logo, o noso Grupo Municipal insta ao Goberno Municipal a retomar as negociacións que permitan acadar un orzamento social e inversor para este exercicio.


Yolanda Díaz Pérez, na súa condición de Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida, en relación ao proxecto para o subsolo da Praza de España manifesta o seguinte:

A Praza de España , a súa configuración final, é un problema herdado de dous mandatos atrás e o cal pola súa relevancia e urxencia urxe que a actual Corporación lle dea unha resposta pública e pronta. Herdanza na que Esquerda Unida quere subliñar que non ten ningunha responsabilidade.

A Praza de España amosa un exemplo flagrante do peor urbanismo, o xurdido da improvisación e que supuxo para a nosa cidade un serio atranco ao inutilizar un espazo público de enorme relevancia asemade das complicacións derivadas para o tráfico viario.

Herdanza problemática mais resoluble. Esquerda Unida xa manifestou en reiteradas ocasións a súa vontade de acadar unha solución de compromiso que sen satisfacer o cento por cento a ninguén sirva para arranxar unha problemática que lastra o desenvolvemento da cidade e gravita pesadamente sobre a propia imaxe da cidade na nosa cidadanía.

Esquerda Unida quere manifestar a súa satisfacción xa que se acadou – no tempo do goberno conxunto co PSdG-PSOE – o compromiso de que non habería en superficie ningunha construción consonte os compromisos programáticos contraídos nas pasadas eleccións municipais.

Esquerda Unida entende que é indispensable resolver con celeridade a configuración de futuro da Praza de España. Nolo demanda a todos os Grupos Políticos a cidadanía, nolo demanda o benestar da cidade de Ferrol. Demandas que pesan na determinación de Esquerda Unida para contribuír de xeito decisivo a arranxar esta problemática.

O proxecto presentado non é – e queremos subliñalo – o de Esquerda Unida, mais a nosa determinación de exercer unha acción política pegada aos intereses xerais da cidadanía, das cidadás e cidadáns críticos e lúcidos que nos entregaron a súa confianza leva ao noso Grupo Municipal a estra en disposición de respaldar un proxecto que alomenos conteña as seguintes características:

  • I.- Consideramos ínfimo o canon da concesión e, xa que logo, interesamos que alomenos se incremente nun 10% a aboar en anualidades nas que se incremente segundo a taxa de inflación para evitar a desvalorización do importe do canon.
  • II.- Como xa manifestamos en reiteradas ocasións entendemos que as instalacións deportivas do subsolo teñen que estar o dispor de toda a cidadanía, sen que valan tratos preferenciais para entidades e asociacións, as cales xa contan con outras instalacións onde se dispensa ese tratamento.
  • III.- Semella necesario que o emprego que se xere sexa estable e con dereitos.

Ferrol, 6 de marzo de 2009

Asdo. Yolanda Díaz Pérez
Voceira do Grupo Municipal de EU
_________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon