venres, marzo 13, 2009

Homenaxe ás vÍtimas do 11M2004 en Esteiro

ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
13 de Marzo de 2009 18:40


Texto leido na Homenaxe ás vítimas do 11 M 2009

Homenaxe ás vítimas do 11 M.
Esteiro, 11 de Marzo de 2009


Sr. Alcalde, señores concelleiros, señoras concelleiras e demais representantes institucionais, representantes sindicais, compañeiros e compañeiras do tecido asociativo da cidade, veciñas e veciñas de Esteiro, moitas grazas por acudir e acompañarnos neste acto.

Na Asociación Veciñal de Esteiro “Fontelonga”, non queremos esquecer o sucedido un día como hoxe, hai xa cinco anos en Madrid nun brutal atentado con 192 persoas mortas, 1500 feridas e que afectou directamente a máis de 5000, enchendo de desesperación e rabia a toda a cidadanía.

Foron asasinados 16 romaneses, 6 ecuatorianos, 5 peruanos, 4 búlgaros, 4 polacos, 3 colombianos, 3 marroquís, 2 ucraínos, 2 dominicanos, 1 brasileiro, 1 guineano, 1 filipino, 1 chileno, 1 cubano, 1 francés e 138 españois.
Non podemos esquecer os mortos e ás mortas, tampouco ós feridos porque as súas familias non merecen que as esquezamos.

Do mesmo xeito que conmemoramos o 8 de Marzo, día internacional da muller traballadora, e o convertemos nun acto de reivindicación dos dereitos das mulleres.

Do mesmo xeito que celebramos o 10 de Marzo como Día da Clase Obreira Galega e o convertemos nun acto reivindicativo dos dereitos dos traballadores e traballadoras.

Deste mesmo xeito temos que celebrar o 11 de Marzo para, ademais de render homenaxe ás vítimas e expresar a nosa solidariedade coas súas familias, convertelo nun acto reivindicativo de afirmación democrática e de loita por un mundo máis solidario e máis igualitario. Un mundo no que para que uns vivamos no estado do benestar, non sexa necesario que outros teñan que vivir na miseria e morrer de fame ou de enfermidades por carencia de medicamentos.

Temos que convertelo nun acto reivindicativo por un mundo en xustiza e paz, onde o terrorismo ou calquera forma de guerra e as causas que as provocan non teñan cabida e sexan rexeitadas por todas e todos nós.

Somos utópicos, buscamos, se cadra, o imposible e cremos firmemente que pode ser realidade. Cremos na paz e na xustiza (non pode haber paz se non hai xustiza) e é aquí onde tódolos cidadáns e tódalas cidadás do mundo debemos ter un papel activo, unidos na única verdade: Apreciar, amar e afondar no que nos une e non no que nos separa. Esta debe seguir sendo a nosa primeira vitoria contra a ameaza terrorista ou calquera outra ameaza de guerra.

Temos como obxectivo, desde a Asociación Veciñal de Esteiro, defende-lo civismo, a tolerancia e a interculturalidade a través do diálogo, aínda que cada día nestes tempos sexa máis difícil que palabras como Paz , Solidariedade, Xustiza e Liberdade, teñan contido e nos leven a esbozar un sorriso escéptico e doloroso, cando se oen en boca de certos prestidixitadores da confusión e o populismo.

Debemos promove-los valores democráticos e defender, por riba de todo, o sistema de dereitos e liberdades establecido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Hoxe estamos aquí un grupo plural e representativo de homes e mulleres da cidade e nesa representación o pobo de Ferrol rende a súa homenaxe de respecto e solidariedade ás vítimas do 11 M e ás súas familias. Vítimas como Angélica González García que hoxe tería 24 anos e ía nun dos trens da morte.

Moitas Grazas !

Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Esteiro “Fontelonga” .
Asdo. / Xosé Miguel López Pérez.
Presidente
__________________

ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-

Web veciñal
Blog veciñal


A Asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga" vimos realizando unha campaña para que a Xunta de Galicia cumpra o seu compromiso de facer unha escola infantil pública en Esteiro
POR UNHA ESCOLA INFANTIL PÚBLICA EN ESTEIRO !
[ +Info]


________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon